Programa de goberno da Iniciativa Cidadá de Mugardos

Programa realizado de forma colaborativo polos grupos de traballo coas  distintas aportaciónn achegadas, tanto de compoñentes da iniciativa, simpatizantes ou xurdidas nas xornadas do pasado 25 de abril.

Aprobado en asamblea aberta o 5 de maio de 2015.

Documento: Programa en PDF.


Propostas para un goberno en común co pobo

Desde o nacemento mesmo da Iniciativa Cidadá de Mugardos fomos coherentes coa nosa proposta política, baseada na capacidade das persoas de decidir o seu futuro. Os primeiros documentos que deron forma ao proxecto foron o Manifesto e o Código Ético. Ámbolos dous redactáronse empregando ferramentas colaborativas nas que participaron ata unha vintena de persoas simultaneamente para despois ser enmendados e referendados en asembleas populares que chegaron ás cincuenta persoas.

O seguinte paso para a conformación da nosa candidatura cidadá foi a apertura dun proceso de eleccións primarias abertas ao conxunto da poboación de Mugardos. Para participar nelas só foi preciso subscribir os principios fundacionais recollidos no Manifesto. Simplemente iso daba xa dereito a votar nunha urna que percorreu San Xoán, O Seixo, Franza, Meá e Mugardos. 186 persoas asinaron ese Manifesto, das que 127 exerceron o seu dereito ao voto decidindo as persoas que ocuparían as sete primeiras posicións na candidatura. Foi o proceso de eleccións primarias co índice de participació máis alto celebrado en Galicia para determinar unha candiatura nestas municipais de 2015.

Agora presentamos, neste documento que tes nas túas mans, o resultado dun método de traballo pioneiro na política local de Mugardos. As 24 páxinas das nosas “Propostas para un goberno en común co pobo” están xa redactadas en común co pobo. Asembleas, reunións sectoriais, ferramentas virtuais e mesmo redes sociais serviron para recoller propostas de todas aquelas persoas que quixeron aportar o seu grao de area a unha idea do Mugardos que construír.

A nosa labor a partires do 24 de maio non fará máis que continuar o camiño xa emprendido.

Programa de goberno da
Iniciativa Cidadá de Mugardos

Avanzando na democracia participativa: un municipio para o pobo e feito polo pobo.

A participación directa da veciñanza na toma de decisións muda radicalmente a súa relación co Concello, pasando da dependencia á corresponsabilidade. É preciso reformular as estruturas de participación social e poñer vontade desde o Goberno Municipal á hora de conceder poder vinculante ás consultas populares. Nesta liña:

  1. É preciso activar o Regulamento de Participación Cidadá aprobado hai dous anos, corrixindo o seu organigrama sobreestructurado para unha poboación de 5500 habitantes como a de Mugardos.

  2. Creación de asembleas veciñais abertas ao conxunto da poboación a título individual, de barrio ou parroquia, non contempladas no Regulamento de Participación Cidadá actual.

  3. Capacidade de auto convocatoria pola propia veciñanza. O Concello non pode ser un obstáculo burocrático nos procesos participativos.

  4. O Concello debe asignar unha partida orzamentaria para ser posta ao servizo directo da veciñanza: os Orzamentos Participativos, que contarán cun regulamento específico que os desenvolva e consolide.

  5. Establecemento de mecanismos de consultas á veciñanza, sobre asuntos de transcendencia municipal, como forma directa de participación política, vinculante para os poderes públicos.

  6. Permitir a participación cidadá na xestión dos servizos e bens municipais, na elección dos modelos de funcionamento e na definición dos obxectivos aos que deban estar adscritos os servizos públicos municipais.

  7. Non toda a xente pode ou quere participar ao mesmo nivel no rumbo do Concello. É preciso establecer distintas ferramentas que escoiten e obedezan o mandato popular: consultas, enquisas, iniciativas populares, etc.

Transparencia

Aplicación da transparencia como principio fundamental tanto no plano político como no administrativo. Prestarase información aos veciños de forma continuada sobre a actividade municipal, sen que esta pase por ningún filtro político.

Democratización da representación política, fiscalización e rendición de contas

  1. Facer públicas as axendas dos representantes, facendo visible con quen se reúnen e os temas que se tratan.

  2. Facilitar todos os ingresos, bens e rendementos patrimoniais dos representantes, así como todos aqueles datos necesarios para a detección de posibles conflitos de intereses e a elaboración de auditorías cidadás. Este compromiso estenderase aos 3 anos seguintes á súa saída da función pública.

  3. Render contas das súas actuacións ante a cidadanía, mediante instrumentos presenciais e virtuais, asemblearios, democráticos e abertos a todos, de ámbito sectorial ou de zona (vila, barrio ou parroquia). A información presentarase sempre empregando formatos abertos que permitan o acceso e utilización de dita información ós cidadáns.

  4. Aceptar a censura (e revogación, no seu caso) de concelleiras/as e cargos de libre designación por mala xestión ou por incumprimento flagrante e non xustificado do programa. Para que isto sexa posible, estableceranse mecanismos de garantía e avaliación da xestión das persoas con cargos públicos, e a cidadanía terá o dereito de participar activamente no control e seguimento do labor dos cargos públicos para garantir unha correcta e honesta aplicación deste principio.

  5. Non acceder durante un período, mínimo de 5 anos, a cargos de responsabilidade en empresas creadas, reguladas, supervisadas, ou que fosen beneficiarias dun contrato municipal, dentro do ámbito e/ou sector onde desenvolveu a súa función representativa. En ningún caso ocuparanse cargos nos consellos de administración destas.

Parroquias

Iniciativa Cidadá de Mugardos tómase moi en serio o protagonismo das parroquias, as cales deben de ter un peso específico no Concello. Co sistema dos orzamentos participativos van ser os propios veciños os que decidan o futuro da súa parroquia e do conxunto do concello. O Concello deberá asignar unha partida orzamentaria para ser posta ao servizo directo da veciñanza.

En resumen, “Cos orzamentos participativos as obras na túa parroquia decídelas ti.

O sistema de participación cidadá consta de varias ferramentas que poñen á disposición dos veciños das parroquias a toma de decisións e a información necesaria para tomalas:

  1. Regulamento de Participación Cidadá: e o marco que da forma e ordena a participación dos veciños no proceso de toma de decisións.

  2. Asembleas veciñais abertas: son o lugar para o debate no que que todos os interesados poden compartir as suas inquedanzas e propor solucións.

  3. Capacidade de auto convocatoria: os órganos participativos teñen o dereito a reunirse cando xurda unha necesidade, sen ter que estar suxeitos a convocatorias administrativas ou políticas.

  4. Orzamentos Participativos: o concello porá a disposición dos cidadáns parte do presuposto para que estes decidan como investilo no pobo, os propios veciños decidiran como mellorar a sua veciñanza/parroquia/concello.

  5. Mecanismos de consultas á veciñanza vinculante: o concello contará con métodos de consulta sobre asuntos de importancia para o concello, e na que a decisión acadada será de obrigado cumprimento.

Con este sistema trátase de cambiar a actual dinámica, na que so se ten en conta os veciños das parroquias cada catro anos. Os veciños deben ser escoitados durante toda a lexislatura e participar nas decisións que se vaian tomando no goberno municipal, sen ter que esperar catro anos para ver atendidas as súas reclamacións.

Profesionalización da política, supresión de privilexios e medidas contra a corrupción

Os cargos electos da Iniciativa Cidadá de Mugardos comprométense a:

  1. Non duplicar cargos nas institucións, agás aqueles vinculados á súa condición de concelleira/o.

  2. Non duplicar soldos nin cobrar remuneracións extras para asistir a reunións.

  3. Establecer un período máximo de 2 lexislaturas, coa excepción de cando unha concelleira/o pasa a ser candidata/o á alcaldía: neste caso pode establecerse ben un límite de 2+1 ou 1+2.

  4. Renunciar aos agasallos e privilexios que se lles poidan ofrecer pola súa condición e que poidan significar un trato de favor.

  5. Compromiso de renuncia ou cesamento de forma inmediata de todos os cargos, ante a imputación pola xudicatura de delitos relacionados con corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos; ben sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Así como tamén en casos de acusación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos contra os DD.HH. ou os dereitos das persoas traballadoras.

  6. A Iniciativa Cidadá de Mugardos, ademais, habilitará os mecanismos necesarios para erradicar o absentismo das persoas con cargos electos, xerencias e de libre designación.

  7. Os representantes da Iniciativa Cidadá de Mugardos comprométense a combater o despilfarro de recursos e fondos públicos no exercicio das súas funcións.

  8. Os cargos electos da Iniciativa Cidadá de Mugardos, así como o persoal de confianza e cargos directivos, explicitarán calquera conflito de intereses no desempeño das súas funcións e absteranse de intervir en calquera deliberación ou toma de decisións cando concorran estas circunstancias.

Unha administración local máis eficaz, sustentable e socialmente xusta.

Unha fiscalidade progresiva para garantir os servizos básicos

Propostas sobre os ingresos municipais.

En termos xerais as propostas de facenda van encamiñadas a adecuar os pagamentos dos impostos aos dous principios máis importantes que establece a Constitución: a adecuación dos impostos á capacidade contributiva da veciña/o e á progresividade na súa aplicación. Ademais, buscarase a aplicación máis xusta destes impostos para a cidadanía (dentro da marxe de actuación do Concello), así como favorecer economicamente aquelas medidas que sexan máis beneficiosas para o medio ambiente.

IBI

  1. Avaliar a posibilidade de establecer un fraccionamento no pago deste imposto, de forma voluntaria, de tal forma que a carga impositiva se vexa minorada, ao propoñer dous períodos de pago para cada ano fiscal (Deixar o período impositivo de novembro e aumentar o outro período en febreiro ou marzo, que non hai tantas cargas fiscais).

  2. Establecer as bonificacións que permite a Lei na cota íntegra pola instalación de sistemas de aproveitamento térmico.

  3. Aplicación da bonificación das familias numerosas na vivenda habitual, de forma progresiva en función da capacidade económica.

  4. Establecer subvencións para os casos de familias con dificultades para o seu pagamento, xa que é o máis gravoso para os contribuíntes, atendendo a criterios de capacidade económica, tal e como obriga a Constitución para a aplicación dos impostos.

Auga

  1. Reforzar o control na rede de abastecemento de auga, para detectar posibles perdas no sistema.

  2. Realizar un control sobre aquelas vivendas que aínda tendo servizo de auga non teñen instalado o contador correspondente, ou de aquelas que, tendo instalado o contador non se está cobrando.

  3. Reformulación da taxa da auga. Os custes de mantemento da rede deben ser sufragados de xeito solidario por tódalas vivendas beneficiarias dela, evitando que sexan as vivendas habitadas durante todo o ano as que carguen de xeito desproporcionado co mantemento do servizo.

Outros impostos, taxas, etc.

  1. Establecer unha redución na licenza de apertura ás PEMEs, especialmente aquelas que se comprometan a establecer medidas encamiñadas á redución do gasto enerxético.

  2. Restablecer unha maior progresividade nas taxas municipais (exemplo as taxas da escola infantil), sen prexudicar ás rendas máis baixas, e ás exencións xa establecidas.

Outras medidas aplicables a todos os tributos

  1. Realizar un maior control na recadación, establecendo os mecanismos para poder proceder ao seu abono no menor tempo posible unha vez no período de apremio. (Non esperar a que transcorran os catro anos para pedir nese momento o pago dos impostos, xa que son cartos que a facenda local deixa de percibir durante todo ese tempo. Ademais, a única razón para demorar no tempo este pagamento é mero afán de recadar).

  2. Aplicación da bonificación disposta no artigo 9 da Lei Reguladora de Facendas Locais. (Bonificación de ata o 5% por domiciliación) para calquera tributo, imposto etc.

Propostas sobre os gastos municipais

Contratacións

  1. Evitar o fraccionamento de contratos que se fai actualmente co fin de poder encadralos como contratos menores e así eludir as formas de adxudicación con publicidade.

  2. Establecer cales son os valores estimados medios dos contratos que adoita adxudicar o Concello. Unha vez establecido ese valor medio, proceder a licitar mediante procedemento aberto todos aqueles contratos que superen nun 20% o valor estimado medio acadado no paso anterior.

  3. Todos aqueles contratos que non superen ese 20% se adxudicarían directamente, pero nunha comisión na que participen todos os grupos políticos presentes no Concello. Nesa comisión, cada grupo político deberá presentar ata tres propostas de diferentes empresas e deberá votarse a opción máis vantaxosa economicamente, ou en caso de elixirse nesa comisión outra proposta, deberá motivarse esta decisión (xa que poden existir outros criterios de valoración como por exemplo contratar con empresas da vila, etc.).

Concello virtual

  1. Rede WiFi municipal. Creación dunha rede WiFi municipal para garantir o acceso a internet de toda a cidadanía eliminando barreiras de acceso a servizos e medios de información.

  2. Creación dunha oficina de asesoramento para a solicitude e tramitación de axudas e subvencións tanto do Concello como de calquera outra administración da que se podan beneficiar os veciños e veciñas. Reservar un espazo facilmente accesible na web e no taboleiro do Concello para que todos teñan á súa información as axudas e subvencións vixentes.

  3. Fomentar a tecnoloxía e software libre, así como publicar con licencias que permitan o uso e realización de traballos derivados sobre os datos elaborados con diñeiro público (nos casos que sexa posible), de forma que sexan accesibles e poidan ser empregados por tódolos cidadáns.

  4. Uso da páxina web do concello como núcleo centralizador de toda a información do concello e a sumistrada polas asociacións e que sexa de utilidade aos cidadáns. Esta debe estar actualizada e ser facilmente accesible.

Eficacia nos servizos de mantemento

O coidado das zonas verdes ou a pronta actuación para resolver incidencias nas instalacións e vieiros municipais son asuntos cotiás que preocupan á veciñanza e necesitan ser resoltos dende a raíz. O problema actual ten orixe na insuficiencia de recursos humanos e materiais e a súa deficiente planificación. Sen facer fronte a esta situación calquera solución será só un parche temporal. Por iso propomos:

  1. Creación dun Punto Loxístico que optimice o traballo de mantemento do municipio: departamentos, almacén, obradoiro e aparcamento dos vehículos municipais.

  2. Mellorar a dotación en infraestruturas e equipamento do persoal de mantemento.

  3. Dotar o Concello de persoal específico para a atención das zonas verdes.

  4. Garantir as condicións sanitarias na xestión de resíduos e refugallos.

  5. Eliminar os vertedoiros incontrolados, mancomunando un Punto Limpo cos concellos limítrofes.

  6. Reorganización e planificación das funcións específicas do persoal do Concello de Mugardos. Este traballo realizarase en estreita colaboración co propio funcionariado e persoal laboral municipal.

Un contorno urbano amable que recupere a vida na rúa

Crear un modelo de Municipio, válido tanto para o presente como para o futuro que creza dende o seu interior e non con afáns extensivos. Dentro deste modelo consolidarase unha rede de espazos públicos (parques e xardíns) interconectados e recuperaranse os espazos deteriorados.

  1. O modelo de pobo que desexamos non pode pensarse alleo á participación cidadá coa creación dun «Consello de planificación da vivenda e desenvolvemento urbano», no que non só se poda opinar senón tamén decidir o camiño a seguir.

  2. Rehabilitación, posta en valor do casco antigo, regulación de edificios abandonados, posibilidade de desatrancar fomentando o aluguer público mediante convenios do Concello coas promotoras ou bancos. Recuperación da Oficina de Rehabilitación como órgano dinamizador.

  3. Recuperación de espazos degradados e máis afastados dos centro da vila e do núcleo. Devolverlles o seu atractivo para favorecer o seu mantemento e posibilitar o desfrute de toda a veciñanza. É importante que os núcleos rurais manteñan o seu espírito e evitar confundir o feito de dar servizos co feito de urbanizalo rural.

  4. Queremos un PXOM para todos, que no planeamento do noso futuro algo teña que dicir a veciñanza (modelo de municipio). A través dos planes parroquiais organizar as intervencións a efectuar, completando proxectos e sen empezar todos sen rematar ningún.

  5. A nova forma de facer política que plantexa Iniciativa Cidadá de Mugardos, implica unha administración adaptada: fluidez entre organismos, tramitación transparente de expedientes e asesoramento áxil para a veciñanza, como xa acontece en Concellos máis avanzados.

  6. Modernización da Administración coa implantación da tramitación electrónica e nas áreas ou trámites que xa é posible facelo, conseguir que funcionen da forma máis fluida. Asesoramento aos veciños no seu uso e campañas informativas que impulsen as ferramentas que temos ao alcance.

  7. Fomentar a transformación do pobo pensado para a veciñanza e que permita as relacións sociais. Queremos ver aos nenos xogando nas rúas e que poidan ir sos as escolas. Queremos un pobo seguro, nos que os nosos maiores podan desenvolverse sen atrancos nin barreiras arquitectónicas. Queremos que Mugardos sexa un lugar de referencia como pobo amigable e con calidade de vida.

Transporte e mobilidade

Precisamos outro modelo de transporte que aposte pola proximidade, pola economía local e polo achegamento dos servizos á cidadanía no canto de achegar a cidadanía aos servizos. Neste momento de crise os investimentos públicos débense facer pensando nun modelo de sociedade e territorio enerxética e ambientalmente viable e socialmente solidario, no que as necesidades da cidadanía poidan ser cubertas dende a proximidade dos servizos, potenciando as redes locais de produción e consumo, poñendo en circulación os seus recursos económicos para reactivarse economicamente desde a sustentabilidade.

Medidas mancomunadas cos concellos da comarca

  1. Desenvolvemento dun Plano de Mobilidade Sostible. Debe ser un plano a longo prazo, imbricado nos plans urbanísticos e de infraestruturas e coordinado entre as distintas administracións implicadas, que minimice as necesidades de desprazamentos xunto cun desenvolvemento intermodal.

  2. Potenciación do transporte público colectivo mediante a mellora das frecuencias e paradas, ampliación de horarios adaptados á realidade social.

  3. Apoio aos desprazamentos a pé, creando redes de itinerarios peonís, establecendo pasos de peóns seguros e amplos en tódolos cruzamentos e ampliando a rede de beirarrúas.

Medidas municipais

Unha mobilidade sustentable significa reducir drasticamente os desprazamentos en automóbil privado e transvasalos a medios ambientalmente máis sustentables. Esixe repensar o entorno urbano e de relación económica e social, rigor na planificación e traballar directamente coa cidadanía para apoiala no necesario cambio de modelo. Só así poderemos desenvolver unha mudanza dos hábitos de transporte progresiva e ordenada antes de que o peak-oil e o incremento exponencial do custo dos combustibles obrigue a facelo de xeito inmediato e caótico.

  1. Accesibilidade as praias.

  2. Revisión do Plano Integral de Accesibilidade Municipal, establecendo obxectivos a curto e medio prazo e niveis de cumprimento.

  3. Acceso ao comercio/hostaleira paseando. Escaparates non se ven dende o coche.

  4. Consellos cidadás, diferentes ámbitos.

  5. Espazos públicos accesibles para toda a veciñanza.

  6. Pobo amigable cos maiores e nenos.

  7. Regulamento para calmar o tráfico, limitando a velocidade no entorno urbano a 30 km/h, dando prioridade ao transporte público e aos medios non contaminantes.

  8. Restrición do acceso do automóbil aos cascos urbanos: relocalización das prazas de estacionamento do casco antigo e creación de estacionamentos disuasorios na periferia, limitación de circulación a vehículos pesados.

Seguridade viaria

Espazos públicos limitados pola invasión dos coches, apostando pola concentración das zonas de aparcamento máis que na dispersión e unha localización que permita tanto o achegamento aos puntos de interese como disuada do uso do vehículo privado.

  1. Peonalización dos contornos urbanos de valor turístico, comercial, histórico-artístico.

  2. Redución da velocidade nas zonas urbanas, sinalización debida dos pasos de peóns, reordenación dos sentidos de circulación.

  3. A Policía Local xoga un papel determinante á hora de facer efectivos os plans de conciliación entre espazos peonís e rodados. É preciso normalizar os controis que garantan a convivencia viaria.

  4. Adaptación ás persoas con mobilidade reducida.

Servizos e infraestruturas

  1. Os servizos xerais á cidadanía de titularidade pública, como auga, recollida de lixo, etc., garanten unha calidade óptima e a posibilidade de facer progresiva a súa financiación por parte da cidadanía. Xestionarase a recuperación daqueles de xestión privada (recadación municipal, parte da atención a domicilio, mantemento de xardíns).

  2. Xestión de residuos, análises e conciencia cidadá mediante campañas informativas

  3. Mapeado dos servizos municipais soterrados, localizándoos, ordenándoos e planificándoos con profesionais.

  4. Política de formación das traballadoras/es (funcionarias/os e laborais) do propio Concello para que sexan as/os primeiras/os en resolver as cuestións municipais e asesoren convenientemente sobre trámites competencia doutra Administración. Máis cualificación implica máis efectividade.

  5. Optimización dos servizos, freando o afán expansivo na edificación que logo implica o sobrecuste de ter unha rede de servizos máis grande do que podemos manter.

  6. Crear a normativa necesaria para que cada vez que se reforme unha rúa déixense listas canalizacións soterradas para augas residuais, augas pluviais, liñas eléctricas e telecomunicacións, evitando desta forma custes por futuras reformas e evitando molestias os veciños.

  7. Planificar a varios anos vista as obras para a instalación de servizos, posibilitando a unificación da instalación de diferentes servizos. Esto permitiría aforrar cartos, reducir as molestias e poder planificar a circulación no pobo. Tamén intentarase evitar facer obras en datas sinaladas ou no verano (dentro do posible)

Medio ambiente

A loita contra o cambio climático é e debe ser unha loita global e colaborativa, na que se impliquen todas as nacións e administracións. Mais esta loita global ten que sustentarse en iniciativas máis locais, é dicir, loitar desde o fogar ate a ONU.

  1. Programa de aforro e eficiencia enerxética con especial atención á rehabilitación enerxética dos edificios.

  2. Deseñar un Plano de Mobilidade Sustentábel que priorice a creación de proximidade e a redución da demanda de transporte (de forma integrada coa planificación territorial e urbanística), restrinxa o transporte privado (sobre todo nas zonas urbanas), fomente a intermodalidade, e logre unha transferencia substancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos de transporte menos contaminantes (autobús, bicicleta,…).

  3. Promover unha agricultura sustentable a escala local, ecolóxica, desenvolvendo circuítos de comercialización de proximidade

  4. Unha forte aposta pola educación e a participación ambiental, desenvolvendo planos de adaptación ao cambio climático a niveis sectoriais e de comunidade, proporcionando as ferramentas para que a cidadanía tome conciencia e faga parte activa dos procesos de adaptación.

  5. Elaboración dun Plano Estratéxico de Loita e Adaptación ao cambio climático integrando os seus obxectivos nas políticas e proxectos municipais

  6. Auditoría enerxética dos equipamentos municipais, incluído o alumeado público como paso previo á elaboración dun Plano Enerxético Municipal con dúas liñas principais de actuación: mellorar a eficiencia enerxética e eliminar os consumos superfluos e instalar progresivamente fontes enerxéticas renovábeis ás instalacións e servizos municipais

  7. Elaboración dunha ordenanza sobre aproveitamento das enerxías renovábeis para usos térmicos e voltaicos que amplíe o contido do Código Técnico de Edificación.

  8. Racionalización da iluminación de rúas, edificios singulares e eventos tanto en número de puntos de luz como na duración da iluminación, substituíndo os elementos por lámpadas de baixo consumo de forma progresiva.

  9. Elaboración dun Plano de Mobilidade Sustentábel que inclúa medidas de pacificación do tránsito e restrición do uso do vehículo privado (delimitando áreas pechadas ao automóbil, eliminando aparcadoiros no centro, tanto de superficie como soterrados, limitación efectiva da velocidade,…), de forma progresiva e co consenso dos sectores afectados. Deberá tamén promover os medios de transporte menos consumidores de enerxía e menos contaminantes: a pé, bicicleta, transporte colectivo, comezando polas actividades ordinarias e extraordinarias do Concello que requiran desprazamentos. Este plano complementarase coa planificación urbana para acadar a máxima eficacia.

  10. Bonificar no imposto sobre vehículos de tracción mecánica os vehículos menos contaminantes.

  11. Os aspectos de consumo enerxético serán un elemento central nas políticas de contratación de bens e servizos do Concello, primando criterios de sustentabilidade a través dunha política de contratación verde.

  12. Actuación decidida no eido dos residuos sólidos urbanos a través de medidas que incentiven a prevención da xeración do lixo, campañas continuadas de concienciación e educación ambiental.

  13. Control das actividades industriais, garantindo a sostibilidade ambiental da explotación do medio.

Mugardos como oportunidade económica

Turismo

Mugardos parte dunha posición privilexiada ao contar cun forte posicionamento no turismo gastronómico. Sen embargo este ten un compoñente estacional que cómpre complementar con ofertas ao longo do ano que exploten o contorno natural, as singularidades urbanas (como a arquitectura indiana do Seixo) ou o incipiente turismo deportivo. Mais todo isto pasa por dar voz e coordinar aos axentes implicados (administración, asociación empresarial, asociacións deportivas). Neste marco a apertura durante o mandato que comeza do Museo de Caldoval abre tamén as portas a ofertas novas, como o turismo escolar ou histórico. Neste marco propomos:

  1. Desestacionalizar a oferta turística, coordinando un calendario entre sociedades deportivas e hostalería ao que se incorporen eventos deportivos de tempada baixa.

  2. Impulsar o nacemento de iniciativas empresariais de aloxamento turístico posicionando Mugardos en circuítos sectoriais e introducindo incentivos fiscais para o emprendemento.

  3. Desenvolvemento dun Plano Director de Turismo que obteña o máximo rendemento sostible das nosas capacidades, consolidando o Museo de Caldoval como referente da arte romana do Noroeste galego.

  4. Estimular a innovación en contidos: creación de premios de investigación e organización de congresos que fagan de Mugardos un referente no ámbito divulgativo.

  5. Negociar con Portos a ampliación de servizos do pantalán (prazas de embarque, guindastres).

  6. Creación dun catálogo de xacementos que planifique a recuperación de castros e vilas romanas do Concello (As Escadas, San Victorio, Noville, Santa Lucía, etc.)

  7. Realizar as negociacións necesarias para que a Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Xunta, inicie a recuperación do conxunto arqueolóxico de Noville.

Desenvolvemento económico

Mugardos, como toda a comarca de Ferrolterra, conta cun taxa de desemprego moi elevada dende a diminución de actividade dos estaleiros que proporcionaban emprego a toda a zona.

Para combater esta situación apostamos por dúas liñas principais de actuación, fomentar a creación de emprego no municipio e a formación dos desempregados para facilitar o seu acceso o mundo laboral, facendo especial fincapé nos colectivos de maiores dificultades de acceso.

  1. Fomento da creación de empresas apostando especialmente polo asociacionismo e cooperativismo.

  2. Impulsar a creación dun escola obradoiro e apoiar a instalación dun ciclo de FP no Instituto de Mugardos.

  3. Formación e apoio para proxectos emprendedores.

  4. Establecemento de bancos de tempo onde os cidadáns poidan intercambiar servizos por traballo, fomentando as relacións sociais e a igualdade entre estratos socioeconómicos. Dentro desta iniciativa fomentarase compartir coñecementos útiles no mundo laboral por parte de persoas con experiencia e profesionais xubilados aos desempregados, complementando a súa formación.

  5. Bonificación nos baremos de contratación dos concursos municipais das empresas que creen postos de traballo en Mugardos.

  6. Creación de cláusulas de contratación social nos concursos de contratación públicos do Concello. Posibilidade que se recolle no Real Decreto Lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público.

  7. Impulsar a dotación de mellores equipos no porto de Mugardos, fomentando o sector pesqueiro.

  8. Diversificar o crecemento dos diferentes sectores para conseguir unha economía mais forte e equilibrada, resistente ás crises e altibaixos económicos.

  9. Facilitar a contratación de empresas locais, xeradoras de postos de traballo no concello, nos contratos menores.

  10. Estudar a posibilidade de creación de hortas urbanas en terreos públicos.

O tecido comercial de Mugardos goza dende hai xa algúns anos dun movemento asociativo con grande representatividade. Xunto con isto existe tamén un órgano de coordinación, a Mesa Local do Comercio, que reúne á administración pública e asociacións de empresarios/as e consumidores/as. Sen embargo, actualmente esta mesa non está suficientemente dinamizada por parte do Concello, perdéndose así oportunidades de crecemento. Propomos:

  1. Reactivación da Mesa Local do Comercio, xa non só como órgano consultivo, senón con capacidade de decisión respecto das políticas de actuación no eido comercial.

  2. Colaboración entre Concello e hostalería e comercio local para a actualización continua dos servizos (cursos de mellora da capacitación profesional, renovación tecnolóxica, asesoramento.)

O Concello como garante do benestar e a igualdade social

Servizos sociais

É preciso unha reorganización e actualización dos servizos sociais en Mugardos. Para tal fin, é imprescindible cumprir os principios de proximidade e accesibilidade, prestando unha atención personalizada, así como asesoramento e axuda nos trámites de acceso a recursos e prestacións. É imprescindible traballar para que todas as mugardesas e mugardeses teñan cubertas as súas necesidades básicas para poder levar unha vida digna.

Servizos básicos:

  1. Dar toda a información precisa e sempre adaptada ás características e necesidades de cada persoa.

  2. Procurarase evitar as listas de agarda para os recursos, prestacións e programas. A inmediatez será prioritaria.

  3. A web municipal debe ter un apartado no que se indiquen os recursos cos que pode contar a cidadanía e os servizos e actividades dispoñibles, ademais dunha axenda e calendario actualizados que poder consultar.

  4. Reorganizar o Servizo de Axuda no Fogar, facendo pública a totalidade da xestión, mellorando as condicións de traballo das empregadas e a atención que reciben as persoas usuarias.

  5. O Servizo de Educación e Apoio Familiar, precisa un cambio no enfoque, anticipándose ás problemáticas que poidan xurdir traballando dende a prevención: actividades específicas para nais e pais, para toda a familia, etc. Os servizos sociais deben estar en contacto permanente cos centros educativos, para detectar calquera tipo de dificultade e/ou necesidade.

  6. É necesario poñer en marcha un protocolo para as situacións de emerxencia social que se produzan na vila, con prestacións específicas puntuais, que inclúa alternativas de aloxamento si é o caso. Ademais, se debe estudar a posibilidade da creación dun Consello Local de Inclusión Social para atender este tipo de situacións de xeito eficaz e coordinado.

  7. Manter un contacto habitual con colectivos en situación de vulnerabilidade. Garantir o espazo necesario nas súas axendas para atendelos e dar respostas ás súas propostas, e ter presentes á hora de tomar decisións os informes das persoas da administración que traballan con estes colectivos.

Servizos específicos:

  1. Maiores: centrar os esforzos na promoción do avellentamento activo, fomentando a autonomía persoal e a calidade de vida, mediante a oferta dun amplo programa de actividades e recursos adaptados ás características e necesidades de cada persoa. Promoveranse así mesmo actividades de ocio, natureza e interxeracionais. Ademais, traballarase para a reorganización do uso dos edificios municipais, tratando de ampliar o horario e días de apertura do Centro de Maiores da Rúa Castelao.

  2. Infancia: fomentar o apoio e os recursos para menores en situación de dificultade, procurando cubrir as súas necesidades. Ademais, queremos traballar para adaptar a vila á poboación infantil, adaptando espazos para nenas e nenos e coidando constantemente os que xa lles pertencen. A rúa ten que volver a ser lugar de xogo e aprendizaxe.

  3. Entre os nosos obxectivos figura tamén o apoio á conciliación da vida familiar, persoal e laboral, para o cal cómpre facer unha mellora do servizo de ludoteca, ampliando o horario de apertura e estendendo o servizo a períodos de nadal e semana santa, ademais de propoñer un servizo de madrugadores e sobremesa nas escolas.

  4. Persoas con diversidade funcional: traballar pola súa inclusión e participación na comunidade, construíndo un Mugardos accesible para todas e todos e loitando contra a discriminación a través de campañas de sensibilización e visibilización. Ademais, propoñemos a creación dun Plan Estratéxico que estableza un marco de actuación conxunto para todas as áreas do goberno municipal. Levarase a cabo un programa específico de diversidade no que se inclúan, entre outras, actividades e asesoramento enfocado a coidadoras non profesionais de persoas dependentes e ás familias en xeral, actividades inclusivas: “ponte no meu lugar”, deportes adaptados, etc.

  5. Propoñemos tamén a avaliación periódica da satisfacción das persoas usuarias dos servizos sociais municipais, xa que elas son o mais importante, para así poder seguir modificando e mellorando aquelas cuestións ou recursos que sexa preciso, quedando sempre abertos ás propostas e iniciativas que poidan xurdir da comunidade. Ademais, tamén se avaliará o impacto social dos programas e servizos de inclusión.

Saúde e benestar

A saúde entendida como un dereito, atinxe moito máis que a solución das doenzas das persoas e refírese ao benestar colectivo nun entorno físico saudable. Con ese obxectivo as nosas propostas son:

  1. Desenvolvemento dun Plano Municipal de Saúde (diagnose de condicionantes, priorización de problemas, determinación do ámbito e actuacións específicas).

  2. Promoción da saúde mediante contornos saudables (en espazos públicos e centros educativos) e Educación para a Saúde con actividades interxeracionais.

  3. Controis sanitarios de auga potable, contaminación, ruído e hixiene en lugares públicos.

  4. Creación de espazos de comunicación entre a cidadanía e axentes de saúde.

  5. Extensión dos dereitos sanitarios máis aló do estatus legal das persoas.

  6. A necesidade dun espazo verde no corazón do casco urbano de Mugardos (entorno Concello) como área de lecer e no que se poidan realizar actos ao aire libre.

  7. En liña con isto creemos que o entorno da praza, centro de saúde, colexio Apelón e aparcamentos da telefónica necesitan un impulso, desenvolver a rúa e urbanizalos de maneira que se integren mellor, e por suposto un aparcamento en boas condicións e básico para o centro do pobo.

Unha vila para percorrer.

  1. Achegamento das parroquias uníndoas mediante sendas verdes

  2. Fomentar o uso deportivo e lúdico de sendas e camiños do concello, recuperándoos e evitando que caian no desuso a vez que se fomenta a actividade física.

  3. Promover actividades cidadás na rúa e nos edificios públicos en relación coa historia e natureza do municipio.

Igualdade

O municipio é o punto mais próximo á cidadanía para a loita contra a discriminación e desigualdade da muller, e dende o mesmo temos a obriga de continuar esa tarefa. Para isto debemos traballar dende unha perspectiva integral e multidisciplinar que comprenda a concienciación da poboación en xeral, a prevención da violencia de xénero en tódalas súas manifestacións e o empoderamento da muller. As ferramentas que propoñemos para acadar os anteriores obxectivos son as seguintes:

  1. Campañas constantes de sensibilización dirixidas a tódolos colectivos da sociedade onde se toquen temas como a igualdade, a non discriminación, prevención de relacións tóxicas ou dependencia emocional, corresponsabilidade, eliminación de estereotipos de xénero, etc. que teñan unha boa difusión e posterior avaliación do impacto social.

  2. Programa de actividades dirixido ao empoderamento da muller mediante obradoiros de autoestima, sexualidade feminina e habilidades sociais, entre outras.

  3. Fomento do asociacionismo e a participación da muller na sociedade.

  4. Servizos para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral como a ampliación do servizo de ludoteca, madrugadores e comedor, ou actividades de respiro para coidadoras non profesionais de persoas en situación de dependencia.

  5. Coordinación e colaboración dos servizos sociais de Mugardos cos Centros de Información á Muller.

  6. Garantir a educación afectivo-sexual dende a súa perspectiva mais global nos centros educativos e incluír a coeducación na ensinanza.

  7. Campañas para a promoción da saúde feminina onde se traten temáticas específicas tamén dende unha perspectiva preventiva.

  8. Apoio incondicional ao deporte feminino e as deportistas mugardesas, colaborando estreitamente coas asociacións da vila.

Ensino

O Consello Escolar Municipal é o órgano que reúne os distintos axentes protagonistas no plano educativo. É fundamental a súa reactivación e dotalo de capacidade de decisión en cuestións estratéxicas. A coordinación entre Concello, centros educativos, ANPAs e mesmo alumnado é o garante da mellor planificación.

  1. Manter contactos coas ANPAs para coñecer e definir os problemas en Mugardos, como pode ser o fracaso escolar, etc. E procurar solucións en temas definidos: escola infantil, comedor escolar, infraestruturas municipais.

  2. Traballo conxunto e coordinado das direccións dos centros educativos do municipio cos servizos sociais do Concello para detectar e paliar situacións de necesidade e desamparo en menores.

  3. Apoio ás familias con nenas/os que padezan fracaso escolar.

  4. Mantemento dos centros escolares dependentes do Concello. Crearase unha partida orzamentaria específica para garantir unha resposta inmediata ás reparacións dos desperfectos dos edificios e instalacións escolares, priorizando as actuacións en períodos non lectivos de xeito que non interfiran na aprendizaxe e educación.

  5. Prestar maior apoio ás ANPAs de tódolos centros escolares do municipio e fomentar a interacción e colaboración entre os distintos centros.

  6. Apoiar as iniciativas que se realizan nos centros escolares para fomentar o desenvolvemento cultural, intelectual e deportivo (concursos matemáticos, parlamento xove, premios de estudo e deporte, Mugardos directo, etc.). Para levar a cabo isto será preciso manter xuntanzas periódicas cos centros escolares e as súas ANPAs.

  7. Creación dunha rede de intercambio de libros de texto e lectura obrigatoria tanto de primaria como de secundaria.

  8. Creación dun área de actividades extraescolares dedicada aos idiomas, que englobe tanto aulas como probas de acceso ou intercambios culturais.

  9. Realizar as xestións necesarias para conseguir para o IES Mugardos a FP básica e algún ciclo medio de FP, para que as nosas mozas e mozos teñan algunha opción de completar os seus estudos sen a obriga de desprazarse.

  10. Creación dun gabinete de apoio ás familias con necesidades.

Educación fora da escola.

  1. Impulsar o contacto entre as nais e pais, os centros educativos e os servizos sociais.

  2. Organizar de xeito periódico unha escola de nais-pais ou xornadas pedagóxicas que traten temas recorrentes en educación: acoso escolar, abandono precoz, nenos con necesidades educativas especiais, problemas coas drogas, etc.; e temas de actualidade: nova lei de educación, avaliación PISA, currículo sen libros nas escolas finlandesas, etc .

  3. Facer da biblioteca municipal, aproveitando a formación dos traballadores, o centro da vida cultural do municipio. Cómpre que a biblioteca municipal sexa un centro de apoio ao estudo e de animación á lectura, organizando xornadas, conferencias, contacontos, encontros con escritores, obradoiros de escrita, etc.

  4. Participar en proxectos europeos (Proxectos Regio) que nos permitan compartir experiencias de boas prácticas en educación con outros Concellos europeos.

Mocidade

Cómpre garantir e impulsar a participación social da mocidade autoorganizada, dotándoa de recursos para o desenvolvemento das súas actividades.

  1. Promoción de hábitos saudables: campañas preventivas sobre adiccións, trastornos da alimentación, educación afectivo-sexual e autoestima.

  2. Educación social coa mocidade enfocada á non discriminación por raza, orientación sexual, diversidade funcional, diferentes modelos de familia ou nivel económico.

  3. Creación dun espazo dedicado integramente á mocidade onde poidan desenvolver tarefas e actividades por iniciativa propia ou dirixidas, podendo ter un punto de encontro para o lecer.

  4. Monitorización do uso do Espazo Xuvenil, de xeito que o Concello poida adaptarse ás demandas da mocidade en canto a equipamentos e detectar a variación do perfil sociolóxico dos usuarios.

  5. Apoio e promoción das manifestacións artísticas da mocidade e creación de canles de expresión cultural que faciliten o intercambio de ideas e experiencias.

  6. Estimulación de políticas que faciliten o acceso deste colectivo á compra ou aluguer de vivenda.

  7. Creación dun club de lectura para a mocidade.

Protagonismo do movemento asociativo na vida cultural e deportiva

Cultura

O papel do Concello no eido cultural debe ser o de estimulador e colaborador máis que o de promotor e organizador. Cómpre que o pobo, como tal e en igualdade de oportunidades, volva ser o produtor principal de cultura en Mugardos. Así, o Concello poñerá os seus medios materiais e humanos a disposición da cidadanía para a súa coordinación.

  1. Creación do Consello da Cultura e o Deporte que reúna a representantes do movemento asociativo, das sociedades deportivas, os centros educativos e a administración municipal. Deste Consello sairán os planos de actuación a nivel cultural e as propostas de financiamento.

  2. A estimulación da actividade cultural pódese acadar mediante actividades e obradoiros que arrodeen os eventos e convocatorias festivas. O tecido asociativo e os veciños e veciñas deben de ter a posibilidade de participar activamente na organización e toma de decisións. Cabalgata, Magosto, Entroido, etc. deben de volver a mans do pobo.

  3. Axenda cultural. Crearase unha sección web de axenda cultural. A intención é facer un mapa cultural mugardés no que aparecerán todos os actos culturais, tanto de ámbito público coma privado, que vanse facer no noso Concello. Con isto poñeremos en valor toas as posibilidades que aporta Mugardos en toda a súa extensión, xa que se as parroquias xa son importantísimas de por si, culturalmente son unha potencia.

  4. Colaboración coas bandas locais na difusión musical de produción propia: concertos, edición de discos, etc.

  5. Planificación e coordinación coas sociedades culturais para a ampliación da oferta de espectáculos teatrais e artes escénicas en xeral cun maior aproveitamento dos circuítos da Deputación.

  6. Realización de convenios, con particulares que teñan bens de interese histórico-artístico ou cultural para uso público, total ou parcial. Promoción da instalación de institucións e órganos de titularidade pública ou de uso público en edificios de valor histórico e cultural.

  7. Realización de inventario para o estudo e posta en valor do Patrimonio Etnográfico para a recuperación de festas populares, oficios e técnicas que sexan de interese cultural.

Infraestruturas

  1. Inventario dos bens inmobles propiedade do Concello (Casa da Cultura, Centro Cívico, Local dos Maiores, baixos sen utilización) para a súa reordenación e regulación de uso.

  2. Regulamento de uso dos locais e do material. O Concello debe de garantir a igualdade no dereito a acceso ós locais e ós equipamentos municipais a todas asociacións e facer un seguimento do seu uso

  3. Biblioteca e aula de estudo. Consideramos primordial que Mugardos debe de ter unha biblioteca competente e un aula de estudo. A biblioteca actual é deficitaria, quédase pequena, anticuada e non ten un horario o suficientemente amplo para dar o servizo necesario. Polo que Iniciativa Cidadá de Mugardos comprométese a traballar cos demais grupos municipais para, en colaboración coas outras administracións e organismos oficiais, poder ter canto antes unha biblioteca funcional e un aula de estudo.

  4. Auditorio municipal. O cometido de Iniciativa Cidadá de Mugardos é levar a cultura ás rúas na medida do posible, pero sabendo as particularidades da meteoroloxía que hai no emprazamento do noso Concello traballaremos para, en colaboración coa Xunta ou Deputación, intentar conseguir ter un auditorio municipal. Non falamos de obras faraónicas ou unha megaconstrucción pero agora mesmo non hai ningún local municipal que teña aforo e acústica axeitados para poder escoitar e observar un evento cultural, educativo ou social (espectáculo, concerto, película, obra de teatro, recital, coloquio).

  5. Impulsar a dotación de mellores equipos, tanto deportivos como pesqueiros, no porto de Mugardos implicando a administración e os entes públicos responsables. Busca dunha solución a actual situación da Casa do Reloxo.

Deporte

  1. Fomentar o deporte nos centros escolares. É importante ter un contacto permanente coas ANPAs, e chegar a acordos para que os nenos e nenas poidan practicar o deporte facendo fincapé na diversidade deportiva. De esta maneira poderán adoptar hábitos saudables e interiorizar os valores de compañeirismo e superación.

  2. Fomento do deporte orientado a adultos e maiores, posibilitando que estes gocen dos beneficios do deporte. Unha poboación saudable goza de mellores condicións de vida e supón un menor gasto en servizos sociais e saúde.

  3. Impulsar o conxunto da actividade deportiva en Mugardos.

  4. Regular as subvencións ás asociacións. A contía das subvencións será en función de baremos coma representatividade, singularidade, temporalidade, viabilidade económica, complementariedade, … Noutras palabras, cantidade de deportistas, novos deportes, días de actividade ao longo do ano, promoción do deporte en sectores sociais especiais, etc.)

  5. Axudas ás asociacións en eventos. Facilitar as instalacións e equipamentos municipais, regulación do tráfico… Unha boa coordinación durante e perante o evento e un análise final fan que os eventos melloren e medren.

  6. Mellorar a posta a punto e o mantemento das instalacións. As instalacións deben de ter un bo mantemento. Débese estar en contacto cos/coas usuarios/as xa que son quen detectan os posibles problemas e melloras, para o que aplicaremos plans de seguimento e avaliación con consultas periódicas.

  7. Páxina de axenda deportiva. É importante ter unha sección web coa axenda deportiva na que poder consultar información dos deportes que poden practicarse no noso Concello tanto públicos coma privados. A xente debe saber onde debe de apuntarse, o costo da actividade, o lugar onde farase, o horario e as datas e a que tipo de persoas está dirixida. De esta forma cada persoa poderá ter información do que se fai en cada parroquia e configurar a súa axenda persoal deportiva.

Política lingüística

A promoción do uso do noso idioma é fundamental para garantir a súa saúde, por iso a institución municipal é un piar importante de cara á normalización lingüística e ao espallamento do uso do galego entre a poboación. Para iso actuaremos nas seguintes liñas:

  1. Potenciar os certames actuais de relato e poesía ampliando as disciplinas á produción audiovisual. Os certames deben ter unha maior difusión. Hai que fomentar a cultura e o uso da lingua galega entre os nosa veciñanza polo que haberá premio para o/a empadroado/a no noso Concello e premio para quen non o está.

  2. Garantir un mínimo de presenza da lingua galega nas programacións e nos actos culturais patrocinados desde as institucións municipais.

  3. Colaborar nas prácticas galeguizadoras cos centros de ensino.

  4. Establecer incentivos para o emprego do galego nos establecementos: crearase un premio que comprenderá tanto a empresas cunha tradición recoñecida na súa normalización como a aquelas que se incorporan recentemente ás prácticas normalizadoras.

 

Share