Código Ético

Gobernar obedecendo. Código de ética política da Iniciativa Cidadá de Mugardos.

Este documento recolle un código de prácticas e accións concretas que as persoas que ocupen cargos electos e de libre designación deberán cumprir para asegurar unha xestión política comprometida e próxima á cidadanía. Con mecanismos eficaces de transparencia no financiamento e rendición de contas, democráticos e populares, e con espazos reais de participación e decisión da cidadanía nos asuntos públicos.

Tamén se expoñen diversos compromisos e medidas que teñen como obxectivo garantir que todos poidan dedicar o tempo necesario á xestión política e ás funcións públicas e, ao mesmo tempo, acabar cos privilexios dos que, durante moitos anos, gozou boa parte da clase política, e que provocaron un grave afastamento dos intereses da cidadanía.

Este compromiso de ética política parte da confianza e o compromiso que esta candidatura mantén coas persoas que ocuparán un cargo de responsabilidade pública, ademais de establecer un mecanismo de apoio, supervisión e control á súa tarefa.

As persoas que ocupen cargos públicos baixo o mandato deste código de ética política, comprométense tamén a impulsar os instrumentos e mecanismos legais necesarios para que estes principios éticos convértanse en norma obrigatoria para todos na administración municipal.

Este código ético quere ser flexible, dinámico e conciso. A candidatura traballará nun regulamento que concrete e faga operativos os principios do código ético.

Os principios recollidos neste código ético comprometen a todas as persoas da candidatura que ocupen cargos electos, de libre designación e xerenciais, tanto do Concello de Mugardos como das outras institucións existentes no municipio e no seu ámbito de influencia —públicas e semipúblicas— onde o Concello ten participación financeira, e nos espazos de toma de decisións.

Todas estas persoas comprométense a:

Defender a aplicación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos nos ámbitos  social, político e institucional da nosa sociedade.

  • 1. Democratización da representación política, fiscalización e rendición de contas.
  • 1.1. Defender o establecido no programa político da candidatura e actuar como  representantes, obrigados a seguir as decisións tomadas nos mecanismos democráticos e abertos a toda a poboación que fixe a candidatura. Empregarán, ademais, o diálogo, a argumentación, a escoita activa e o debate de ideas, tanto en campaña electoral como no exercicio das súas responsabilidades públicas, para promover as súas propostas. Promovendo desta forma a corresponsabilidade política de todos e todas.
  • 1.2. Facer públicas as axendas dos representantes, facendo visible con quen se reúnen e os temas que se tratan. Faranse públicos tamén as ordes do día e as actas das reunións.
  • 1.3. Facilitar todos os ingresos, bens e rendementos patrimoniais dos representantes, así como todos aqueles datos necesarios para a detección de posibles conflitos de intereses e a elaboración de auditorías cidadás. Este compromiso estenderase aos 3 anos seguintes á súa saída da función pública.
  • 1.4. Facer públicos os criterios de contratación dos cargos de libre designación.
  • 1.5. Render contas das súas actuacións ante a cidadanía, mediante instrumentos presenciais e virtuais, asemblearios, democráticos e abertos
    a todos, de ámbito sectorial ou de zona (vila, barrio ou parroquia). A información presentarase sempre empregando formatos abertos que permitan o acceso e utilización de dita información ós cidadáns.
  • 1.6. Aceptar a censura (e revogación, no seu caso) de concelleiras/as e cargos de libre designación por mala xestión ou por incumprimento flagrante e non xustificado do programa ou deste código ético. Para que isto sexa posible, estableceranse mecanismos de garantía e avaliación da xestión das persoas con cargos públicos da candidatura, e a cidadanía terá o dereito e o deber de participar activamente no control e seguimento do labor dos cargos públicos para garantir unha correcta e honesta aplicación deste principio.
  • 1.7. Non acceder durante un período, mínimo de 5 anos, a cargos de responsabilidade en empresas creadas, reguladas, supervisadas, ou que
    fosen beneficiarias dun contrato municipal, dentro do ámbito e/ou sector onde desenvolveu a súa función representativa. En ningún caso
    ocuparanse cargos nos consellos de administración destas.
  • 1.8. Manter un contacto habitual con colectivos en situación de vulnerabilidade. Garantir o espazo necesario nas súas axendas para atendelos e dar respostas ás súas propostas, e ter presentes á hora de tomar decisións os informes das persoas da administración que traballan con estes colectivos.
  • 1.9. Garantir a participación da cidadanía na toma de decisións relevantes e no posicionamento político da candidatura sobre temas estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico na vila, parroquias ou barrios, tendo en conta os principios de subsidiariedade e solidariedade. Todas as persoas que ocupen cargos electos e de designación comprométense a impulsar e apoiar todas as iniciativas cidadás propostas a través do marco legal vixente ou no marco da candidatura (a escala de barrio, parroquia ou vila).
  • 2. Financiamento, transparencia e xestión dos gastos
    A candidatura comprométese a:
  • 2.1. Ser transparente na súa xestión, publicando desagregados e de forma  comprensible tódolos datos referentes aos ingresos e gastos, que xestionará en contas de entidades de economía social e solidaria.
  • 2.2. Os ingresos dos cargos electos da Iniciativa Cidadá de Mugardos, así como o persoal de confianza e cargos directivos, serán transparentes e accesibles, publicándose de xeito periódico tódolos ingresos e conceptos das persoas con cargos no Concello.
  • 2.3. Pór un tope máximo ás doazóns privadas. Este tope estableceuse en 500€ na asamblea do 05/05/2015.
  • 2.4. A renuncia explícita aos créditos bancarios e ás doazóns de particulares que poidan coartar a independencia política da candidatura. A candidatura terá un compromiso explícito de traballar coas institucións da banca ética para garantir a súa independencia e a coherencia co seu programa, podendo utilizar a banca tradicional para pequenos movementos de cartos1.
  • 2.5. Apostar claramente por unha limitación drástica do gasto en campaña electoral.
  • 2.6. Fomentar o micromecenado finalista, é dicir, o pequeno mecenado destinado a accións e necesidades concretas.
  • 2.7. Non utilizar fundacións ou entidades xurídicas para financiarse con recursos e mecanismos pouco transparentes, e con obxectivos diferentes aos da candidatura.
  • 2.8. A introdución de sancións administrativas e penais efectivas en caso de financiamento irregular.
  • 2.9. A candidatura fará un uso do financiamento coherente con este código ético e os seus valores.
  • 3. Profesionalización da política, supresión de privilexios e medidas contra a corrupción
    As persoas con cargos electos, xerenciais e de libre designación comprométense  a:
  • 3.1. Non duplicar cargos nas institucións, agás aqueles vinculados á súa condición de concelleira/o.
  • 3.2. Non duplicar soldos nin cobrar remuneracións extras para asistir a reunións.
  • 3.3. Establecer un período máximo de 2 lexislaturas, coa excepción de cando unha concelleira/o pasa a ser candidata/o á alcaldía: neste caso
    pode establecerse ben un límite de 2+1 ou 1+2.
  • 3.4. Renunciar aos agasallos e privilexios que se lles poidan ofrecer pola súa condición e que poidan significar un trato de favor.
  • 3.5. Compromiso de renuncia ou cesamento de forma inmediata de todos os cargos, ante a imputación pola xudicatura de delitos relacionados con corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos; ben sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Así como tamén en casos de acusación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos contra os DD.HH. ou os dereitos
    das persoas traballadoras.
  • 3.6. Facer un bo traspaso de información e de coñecemento (sen remuneración),  seguindo un protocolo acordado no marco da candidatura.
  • 3.7. A Iniciativa Cidadá de Mugardos, ademais, habilitará os mecanismos necesarios para erradicar o absentismo das persoas con cargos
    electos, xerenciais e de libre designación.
  • 3.8. Os representantes da Iniciativa Cidadá de Mugardos comprométense a combater o despilfarro de recursos e fondos públicos no exercicio das súas funcións.
  • 3.9. Os cargos electos da Iniciativa Cidadá de Mugardos, así como o persoal de confianza e cargos directivos, explicitarán calquera conflito de intereses no desempeño das súas funcións e absteranse de intervir en calquera deliberación ou toma de decisións cando concorran estas circunstancias.
  • 3.10. Os cargos electos da Iniciativa Cidadá de Mugardos, así como o persoal de confianza e cargos directivos, comprométense a non neutralizar nin debilitar as institucións ou a actividade dos movementos sociais e a cidadanía organizada.
  • 3.11. Facilitar a conciliación entre a vida laboral, familiar e política, establecendo mecanismos de apoio aos cargos públicos durante a súa reincorporación ao mundo laboral en caso de non atopar traballo.

Disposicións adicionais:

Disposición adicional transitoria 1. O regulamento que regule o código ético debería incorporar mecanismos para velar pola súa correcta implementación e especificar as canles de modificación deste, entre outros aspectos.

Disposición adicional transitoria 2. Queda pendente incorporar no código ético o uso que se fará do financiamento que reciba a candidatura, no que unha parte deberá asignarse ao asesoramento xurídico e/ou legal.

Disposición adicional transitoria 3. Queda pendente identificar que elementos levarán a consulta directa e vinculante, que en calquera caso deberán incluír a elección de candidatura, cargos, orzamentos, proxectos estratéxicos e propostas cidadás.

Bibliografía: Este documento toma como fonte principal os códigos éticos redactados por Guanyem Barcelona, a Marea Atlántica e Ames Novo.

Documentos: Arquivo en PDF

LogoDocumentos

Share