Familias de Mugardos e Ares pagarán máis polo saneamento que outras de ingresos superiores

Unha familia de 4 membros tería unha bonificación do 25% ingresando 800 €, pero pagaría a totalidade do servizo ingresando 700 €.

O PP alegara en decembro do 2014 contra as táboas que agora aproba.

O Concello de Ares reproduce os mesmos criterios incongruentes de Mugardos.

As ordenanzas fiscais que regulan o pagamento dos servizos de auga, lixo, sumidoiros e saneamento no Concello de Mugardos presentan graves incongruencias. Así o detectou a Iniciativa Cidadá de Mugardos logo de estudar a proposta presentada polo PP para a ordenanza que regula o servizo de saneamento e confirmar cos servizos técnicos municipais a arbitrariedade dos criterios á hora de bonificar as familias.

bonificacions_ordenanzas

Esta arbitrariedade non afecta só a Mugardos, xa que o Concello de Ares conta cunha táboa de bonificacións idéntica na ordenanza fiscal sobre o saneamento. E non só iso, senón que os mesmos criterios esténdense en Mugardos aos servizos de auga, lixo e sumidoiros.

Segundo estes baremos, unha familia de 4 membros e uns ingresos de 600 € estaría exenta de pagar os servizos, a mesma familia ingresando 700 € pagaría a totalidade, con 800 € obtería unha bonificación do 25%, e con 900 € ou máis volvería pagar a totalidade do servizo.

Esta situación vense producindo en Mugardos, cando menos, desde o 16 abril de 2012, coa publicación no BOP dun paquete de 6 ordenanzas fiscais que xa presentaban estes criterios. A última actualización publicouse o 22 de maio de 2015, en vésperas das últimas eleccións municipais pero limitouse a substituír o indicador de renda, que pasaba de ser o SMI ao IPREM. A debida progresividade fiscal continuaba a ser totalmente caótica.

En decembro do 2014 o PP de Mugardos presentaba alegacións contra estas táboas nas ordenanzas de auga, lixo e sumidoiros, que non foron aceptadas polo goberno anterior. Sen embargo, oito meses despois da súa chegada á alcaldía presentaron en comisión unha proposta de reforma da ordenanza do saneamento que unicamente cambia a periodicidade dos cobros de semestral a trimestral, pero mantén intactos os criterios aos que se opuxeron hai só 14 meses e que serán aplicados ás familias mugardesas neste 2016. Iniciativa Cidadá de Mugardos rogou na última comisión de Facenda que se abordase con urxencia esta cuestión para atallar o prexuízo á veciñanza, mais en palabras do Alcalde xa non hai tempo para que a corrección sexa efectiva neste ano.

Share