Modelo urbanístico a seguir no novo PXOM

Perante a celebración de vindeiras Comisións de Urbanismo, nas que supoñemos tratarase da axilización dos trámites para a aprobación inicial do PXOM, desde ICM queremos informar da nosa intención de instar a unha revisión en profundidade da proposta de PXOM existente, desde unha perspectiva de máximos, e non de mínimos. Isto é: non só para cumprir cos numerosísimos requirimentos da Xunta no seu informe de decembro de 2014, senón para reformular moitas outras cuestións, na dirección non só de cumprir coa legalidade estrita, senón tamén de apostar polo respecto e a posta en valor do noso concello, e de recuperar o sentido común que nunca se debeu perder.

 

Iniciativa non quere que Mugardos siga a ser un núcleo histórico esquecido, xunto a unha serie de edificios baleiros espallados pola vila, salpicado doutros ruinosos, de rúas estreitas sen beirarrúas, de xardíns inexistentes e parques afastados, case que agochados, do núcleo máis urbano. Ata onde nos sexa posible, non imos consentir que sigan a decidir as nosas prioridades, a estética e a funcionalidade mesmo viaria do noso pobo, os mesmos intereses económicos que hai anos decidiron que Mugardos precisaba de centos de pisos, hoxe fantasmais.

Esa mesma filosofía albíscase no novo Plan que se está a preparar, á vista do informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo no informe previo á aprobación inicial do PXOM, que en varios puntos subliña a non toma en consideración do impacto en espazos protexidos. O proxecto ignora, confunde ou mestura un dato esencial: a tendencia demográfica da vila, en clara regresión desde hai anos, e que obviamente non foi tida en consideración no boom urbanístico da pasada década, nin o censo de vivendas existentes. Pártese de datos erróneos e obsoletos.

Ademais, a Xunta advirte de que hai que ter en conta as vivendas baleiras, que xa eran moitas no 2001 antes do boom, propoñendo, no seu caso, as pertinentes rehabilitacións. Non queremos pensar que se poidan ter obviado as vivendas sen ocupar, xa que a única finalidade sería xustificar un novo arrebato edificador, e deste xeito seguir inzando o noso pobo de bloques que só benefician a uns poucos, e pisos que, por non darse vendido, rematan sendo sorteados por fascículos nos medios de comunicación.

É por iso que chamamos á colaboración de todas as forzas políticas para consensuar un documento que rexerá durante moitos anos o desenvolvemento urbanístico da nosa vila, e tamén a funcionalidade, a estética, o deseño para as persoas e, en definitiva, os nosos espazos de convivencia. Estamos a tempo.

Share