Sobre a moción de ICM para solicitude de Ciclos Formativos e FP Básica no IES de Mugardos

Valoración do último Pleno Municipal:

Logo da celebración da última sesión plenaria en Mugardos, desde Iniciativa Cidadá de Mugardos temos que amosar o noso abraio e tamén a nosa preocupación ante as actitudes de certos grupos políticos. En primeiro lugar, cada vez é máis palpable a sensación de que o Partido Popular goberna a base de tentar dar golpes de efecto, sen deterse a estudar minimamente as consecuencias e necesidades. Vímolo co traslado do mercadillo e repetímolo coa ampliación das axudas escolares aos centros concertados sen incremento da partida económica correspondente. E en segundo lugar, a actitude de certos grupos da oposición fainos temer que a consecución de acordos poida depender máis das cotas de protagonismo que dos beneficios reais para a cidadanía.

No Pleno de onte, o alcalde xustificou a negativa a un punto da moción presentada por ICM, no que se solicitaba precisamente o incremento dos fondos das axudas para material escolar e transporte, argumentando que non levabamos estudo nin proposta económica. O noso asombro non pode ser maior, tendo en conta que ese estudo debería estar feito polo goberno antes de modificar a orde para abrila aos centros concertados, e non despois. Por se fose pouco, pretende que sexa ICM quen faga ese traballo, cando pasaron máis de dous meses desde que o novo goberno, apenas uns días logo de tomar posesión, fixo desta unha das súas primeiras medidas.

Pola súa banda, EU tampouco se amosou partidaria desta cuestión. A súa voceira argumenta que este punto, cuxo teor literal é “modificar á alza os orzamentos das bolsas debido a incremento de novos alumnos da educación concertada”, debería ter sido presentado como “modificación orzamentaria”. Como queira que para a señora Díaz Otero as dúas cousas non son a mesma, limitouse a anunciar como “enmenda” unha proposta que fala doutro tema -unha serie de obras e reparacións en diversos centros educativos-. Nesta proposta non se fai referencia algunha á cuestión das becas, co cal non vemos a “enmenda” por ningures. Ademais, a señora Díaz non informou desta postura na Comisión de Educación, sorprendendo coa presentación desta súa iniciativa xusto á entrada do Salón de Plenos.

Por último, e vendo que o BNG tampouco apoiaría este punto por razóns que non explicou pero que ben poderían ser un contaxio da comprensión lectora de EU, ICM decidiu retiralo. Tentaremos, na próxima Comisión de Educación, ser quen de averiguar o estado desta cuestión, coa finalidade última de garantir que todas as persoas do Concello con dereito a estas bolsas, é dicir, con rendas baixas, poidan percibilas, e especialmente o alumnado dos centros públicos.

No tocante ao primeiro punto da nosa moción, resultou aprobada cos votos favorables de ICM e o PP. Nela instamos á convocatoria do Consello Escolar, que o alcalde anunciara de xeito ininente hai xa máis de dous meses pero que aínda non se produciu. A nosa pretensión é que ese Consello aborde a necesidade de solicitar á Xunta a implantación da Formación Profesional Básica no IES de Mugardos, para que as rapazas e rapaces que non puideron acadar o título de ESO por diferentes motivos teñan unha oportunidade para facelo e non quedar, deste xeito, apartados de calquera circuito de formación e futura inserción sociolaboral. Agora que a dispoñibilidade presupostaria da Consellería de Educación pareceu saír da crise e dos recortes, cando menos para concertar case 4.000 prazas máis en centros privados, Iniciativa entende que é perfectamente factible dotar o noso concello deste tipo de oferta educativa. EU argumentou que isto xa se pediu e que é un “brindis al sol”, polo que se abstivo, xunto co BNG. Para nós, ter solicitado algo sen logralo non é razón para non repetir a petición, senón máis ben o contrario.

En resume, temos que lamentar a falta de altura de miras. ICM entende que as decisións de consenso son a base necesaria e máis positiva para o avance social. Por iso, non podemos comprender nin aceptar que se minusvaloren e desprecen eses acordos, xogando a buscar “os sete erros” cando existe unha coincidencia de fondo, e menos sobre un tema de calado. Desde logo, non será esa actitude a do noso grupo municipal, que buscará resquicios, pero para construír, non para destruír. Estamos libres de personalismos, protagonismos, débedas e outras obediencias que non sexan o ben común, a responsabilidade e a honestidade, e por iso podemos render contas da nosa actividade sen tapuxos de ningún tipo.

Share