Moción sobre política educativa no concello

Javier García Dieste, como voceiro do grupo municipal de ICM ao abeiro da lexislación vixente presenta a seguinte moción para que se debata e aprobe, se procede, no próximo Pleno do Concello.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O IES Mugardos segue, por segundo ano consecutivo, sen formación profesional básica mentres “A Consellería de Educación concertará no curso 2015-2016 e 2016-2017 un total de 3.853 aulas de colexios e institutos privados. Son máis que o ano pasado xa que aínda que algunhas se suprimen, a implantación do segundo curso da formación profesional básica, con 19 unidades máis, deixa un saldo positivo.” segundo publica La Voz de Galicia.

A Consellería volve deixar ás poboacións de Ares e Mugardos, que suman arredor de 11.000 habitantes, sen ciclos formativos e sen formación profesional básica nos centros públicos.

Isto último é especialmente grave, xa que rapazas e rapaces de 15 anos en diante con un historial de fracaso escolar na ESO vense obrigados a tomar un, dous ou tres autobuses para poder cursar a formación profesional básica en centros da comarca. As bolsas de transporte do concello a duras penas cubrirán un par de meses os gastos que causan estes desprazamentos, por non falar dos gastos de manutención, xa que en moitas especialidades terán clases mañá e tarde.

As primeiras actuacións do novo goberno municipal foron referidas a educación. Modificáronse as bases das bolsas de transporte para permitir a súa solicitude aos alumnos da concertada e o Alcalde anunciou que convocaría o Consello Escolar Municipal de inmediato. Semellaba que a educación ía ser unha prioridade.

Sen embargo estamos a piques de empezar un novo curso e non se convocou o Consello Escolar Municipal que prometera o Alcalde no mes de xullo, non se modificaron a alza os orzamentos das bolsas, maila que o número de posibles beneficiarios aumentou considerablemente, e non se emprenderon actuacións para que Mugardos conte con Ciclos Formativos e FP básica. Dende ICM cremos que xa é hora de empezar a traballar. Convén lembrar que o futuro da vila pasa necesariamente pola educación das nosas rapazas e rapaces.

POR TODO ELO, DESDE ICM PROPOÑEMOS:

  1. Convocar o Consello Escolar Municipal, o antes posible, para solicitar ciclos Formativos e Formación Profesional Básica.
  2. Modificar a alza os orzamentos das bolsas debido a incremento de novos alumnos da educación concertada.

Mugardos, 21 de agosto de 2015
Asdo.: Javier García Dieste
Voceiro de ICM

Share