INICIATIVA contra a Violencia de Xénero

Iniciativa Cidadá de Mugardos quere amosar a súa absoluta repulsa e condolencia ante os últimos crimes que tiveron como vítimas a mulleres -e mesmo as súas fillas. Como organización política, ICM non permanece allea nin quere ficar en silencio ante a incesante realidade da violencia machista. Só no que vai de 2015, 31 mulleres foron asasinadas. Nin un só mes rematou sen mortas. Desde 2007 a suma acada as 567 aproximadamente, tendo en conta que as cifras oficiais do Goberno non inclúen no epígrafe “violencia de xénero” as vítimas non relacionadas directamente co agresor -como é o caso de Laura del Hoyo, que acompañou a súa amiga a recoller uns enseres a casa da súa ex parella, no recente crime de Cuenca-.

É rechamante que, ante semellantes cifras, non se teña activado desde as institucións públicas unha alerta similar á que se artella para outros delitos, mesmo con menor número de vítimas. Esta diferencia de trato reflexa a histórica invisibilización da violencia contra as mulleres, o seu relego a un problema persoal, mental ou doméstico, para non recoñecer que o xerme é cultural, educacional e social. O resultado é, en pleno século XXI, a prevalencia no imaxinario colectivo da lóxica do patriarcado rampante, cargado de clichés e razoamentos inasumibles, disfrazados ás veces baixo bromas supostamente amables, pero cun percorrido de tal calado que é asombrosamente asumido mesmo por moitas mulleres.

Non está de máis subliñar que a crise, tanto a económica como a de valores, xa que a primeira está a ser aproveitada polo neoliberalismo para emprender un recorte de dereitos que só se xustifica desde o ideolóxico, está a servir para afondar nesta discriminación:

  • A dependencia económica das familias con membros en paro e que impide a separación en moitos casos, que pode prolongar a permanencia das mulleres -e as crianzas- en situacións de violencia.
  • A precarización do traballo, no que as mulleres seguen a cobrar menos que os homes por desempeñar o mesmo labor, e a acumular a meirande parte dos empregos temporais ou de baixa cualificación cando elas son maioría nas universidades.
  • O teito de cristal, reflectido no escasísimo número de mulleres que ocupan postos directivos ou de responsabilidade nas empresas, tanto máis cando maior é o seu volume de facturación; así como as represalias en forma de despido en caso de embarazos, licencias por maternidade ou redución de xornada.
  • O escandaloso recorte para a atención á Dependencia e o flagrante incumprimento da Lei que, ademais do evidente prexuízo ás persoas con dependencia, perpetúa no seu papel de coidadoras a milleiros de mulleres, xa que seguen a ser elas as que por abrumadora maioría asumen estas tarefas.

Deste xeito, non só están a realizar coidados para os que moitas veces non contan con medios nin formación axeitada, senón que ven complicada, cando non cercenada de raíz, as súas posibilidades de acceder a outro traballo ou realizárense nas súas vidas.

Para o cambio deste imaxinario colectivo cómpren medidas contundentes, duradeiras e de calado. Sería inxenuo pensar que a lexislación e a vía punitiva son suficientes para rematar con esta lacra, tanto máis cando a lentitude da Xustiza no Estado, máis os recortes nela efectuados, fan que se produzan mortes incluso logo de denunciadas as ameazas, e mesmo con ordes de afastamento en vigor.

Share