Pleno sobre a organización e retribución do goberno municipal

Iniciativa Cidadá de Mugardos naceu da mesma visión da situación política que tantas outras iniciativas municipalistas que se dan en chamar “mareas”: a democratización e desprofesionalización da práctica política e a súa apertura á sociedade.

As persoas que representamos hoxe neste Pleno da Corporación a ICM somos un técnico de sistemas, un delineante e unha mestra. Esas son ou procuran ser as nosas principais fontes de ingresos e tentando compatibilizalas aceptamos a responsabilidade de representar á veciñanza de xeito temporal e nunca superior a 8 anos, como asumimos no noso Código Ético.

Os debates sobre a asignación económica dos membros da corporación préstanse sempre a discursos cun forte compoñente demagóxico. Nós, que somos unha organización nova carente de referentes propios, máis tamén descargada de lastres, afrontamos este debate coa intención de obter unha visión o máis ampla e contextualizada posible da situación en Mugardos e para iso quixemos estudar o que acontecía en concellos de tamaño similar, entre 5000 e 10000 habitantes e, por tanto, tamén 13 concelleiras/os.

sueldos

Este foi o resultado e as nosas conclusións:

  1. Obtivemos datos de 15 concellos, ademais de Mugardos, con alcaldías tanto do BNG, como do PSOE, do PP, de TEGA ou independentes.
  2. A retribución media dos alcaldes é duns 38000 €, con casos como os de Melide (do PP, 42018 €), Vimianzo (do BNG, 44702 €) ou Cerceda (do PSOE, 45000 €). A do alcalde de Mugardos (30000 €) será das máis baixas.
  3. Sen embargo, Mugardos será o concello con maior número de dedicacións, exclusivas ou parciais. Serán seis, das que a metade destinaranse a membros da oposición. Algo sobre o que non coñecemos absolutamente ningún precedente.
  4. As veciñas e veciños de Mugardos serán dos que máis paguen ao ano en dedicacións a concelleiras/os. ±24 €/hab., cando a media está nos 18 €/hab. Este último dato situaríanos nun gasto anual duns 98000 €, mais a resultante deste pleno é un 30% maior. Tamén serán dos que máis paguen por asistencia a Plenos e Xuntas de Goberno. E isto, sendo un concello cunha renda bruta por habitante duns ±14000 €, na media dos estudados.
  5. A primeira proposta económica do PP profesionalizaba todo o grupo de goberno, mais incumpría o Regulamento Orgánico Municipal que da dereito a todos os grupos da corporación a unha dedicación exclusiva ou parcial. Na súa segunda proposta ofrecía ata oito dedicacións sobre un total de 13 edís. Isto é: a maioría da corporación a soldo!.
  6. Consideramos responsable manter un posicionamento coherente independentemente de traballar desde o goberno ou desde a oposición: entendemos que as funcións de goberno teñen un plus de responsabilidade que non ten a oposición, polo que resultaría de todo anómalo que houbese máis soldos dedicados ao control do goberno que ao propio desempeño do goberno.
  7. Iniciativa Cidadá de Mugardos entende que todos estes feitos apuntan na dirección contraria á desprofesionalización e renovación da vida política municipal.

E sendo así, por que a nosa abstención? Porque a raíz do problema está nun Regulamento Orgánico Municipal (ROM) aprobado no mandato anterior que establece un “café para todos” que consideramos inasumible para o pobo. O mesmo ROM que limitou drasticamente a participación da veciñanza nestes Plenos da Corporación. Por tanto, non poderiamos presentar unha proposta sen incumprir unhas regras do xogo previas que nos veñen impostas, nin debemos bloquear aquela que cumpríndoas sexa aprobada maioritariamente polos restantes grupos. A nosa aspiración, lexítima, é a de corrixir canto antes esta normativa. Namentres, no seu cumprimento, absterémonos de contradicila, se ben renunciamos a calquera representación en órganos externos empregados como meros instrumentos para dar cobertura legal á dedicación exclusiva ou parcial para membros da oposición. Iniciativa Cidadá de Mugardos non recibirá dedicación algunha mentres sexa oposición ao goberno.

Share