Problemas da localización do feirón

feiron

Dende o pasado xoves 02 de xullo o feirón semanal cambiou a súa localización. O cambio, explica o Alcalde, responde á intención de revitalizar o Mercado Municipal e é unha demanda dos comerciantes do mesmo.

A nova localización non resulta satisfactoria para veciños e outros comerciantes da zona que ven como o acceso á os seus domicilios e establecementos queda bloqueado polos postos do feirón que invaden beirarrúas e prazas e aparcamentos. O tránsito por dentro do propio feirón é tamén complicado e algúns dos postos teñen escasa visibilidade e son de difícil acceso.

A consecuencia máis preocupante da nova localización é o feito de que preto do Mercado Municipal, e do feirón, está o centro de saúde. O pasado xoves á mañá era certamente moi complicado, por non dicir imposible, que una ambulancia puidese achegarse ao Centro de Saúde.

A zona do Mercado Municipal, Centro de Saúde e Escola Infantil ten un déficit claro de accesibilidade. A falla de prazas de aparcamento, atascos e sobresaturación do tráfico rodado e peonil son frecuentes en horas punta. As raíces desta situación están nunha planificación urbanística deficiente centrada na “expansión” e pouco respectuosa coas necesidades das persoas e co patrimonio da vila.

Compatibilizar os lexítimos intereses de comerciantes e veciños debe ser o que guíe a escolla da localización dun mercado ambulante, e así o amosa o artigo 72 da “LEI 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia”.

A solución acorde ao programa de ICM pasa por convocar aos axentes implicados –comerciantes do Mercado Municipal, do feirón, a asociación Portomagno, representantes do Centro de Saúde, dirección da Escola Primaria, veciños da zona e Concello, xunto coa Policía Local–, marcar as cuestións irrenunciables –como o acceso das emerxencias médicas– e consensuar a zona de localización. Esta solución concorda tanto coa lei citada anteriormente, como co “Real Decreto 199/2010, de 26 de febrero, por el que se regula el ejercicio de la venta ambulante o no sedentaria”, e é a que xa apuntaba a Xunta de Galicia no Decreto 194/2001: “A zona urbana de localizacións autorizadas para o exercicio da venda ambulante será determinada polos concellos, oídos os distintos axentes económicos e sociais de cada municipio.”

As presas e a falta de cultura democrática e de participación cidadá do Partido Popular están a crear problemas que eran perfectamente evitables.

Share