Xunta de portavoces sobre retribucións do goberno local

O venres 3 de xullo celebrouse a primeira Xunta de Portavoces da corporación actual. A ela o PP achegou un documento que recolle a súa proposta de retribucións, con dúas dedicacións exclusivas e dúas parciais, todas elas para membros do goberno. O marco legal establece un máximo de tres dedicacións exclusivas, e o Regulamento Orgánico Municipal no artigo 93 indica que tódolos grupos municipais terán dereito a unha delas, ou no seu defecto dedicación parcial. Amosamos as nosas dúbidas sobre a interpretación da Lei que fai o PP onde as dedicacións parciais estarían limitadas a cargos do goberno. O secretario municipal ficou pendente de resolver esta cuestión. O PP propuxo para solucionar esta vía que a oposición represente ao Concello nalgún órgano externo, posibilidade á que ICM renuncia.

Respecto da proposta de retribucións para membros da corporación do PP, Iniciativa Cidadá de Mugardos non vai a participar dunha poxa económica. Entendemos que representar ao pobo pode significar unha dedicación en ocasións plena e incompatible con outro traballo. É por iso que debe conciliarse cunha remuneración xusta, pero sempre temporalmente. A política non debe ser un xeito de vida en si mesmo, polo que defendemos a limitación temporal dos cargos públicos.

Por outra parte, a representación do Concello en organismos externos debe estar en función dun proxecto político coherente, non ser un mero instrumento para a negociación de salarios. E o noso proxecto político non é compatible co do partido dos recortes, as mordazas e as políticas antisociais.

Share