Comunicado do 20 de xuño

COMUNICADO DA INICIATIVA CIDADÁ DE MUGARDOS

Despois dun debate e reflexión profunda, a Asemblea Aberta de ICM celebrada o pasado xoves 18, diante do acontecido na última semana e entendendo que cómpre dar unha serie de explicacións a quenes votaron a ICM así como a toda a cidadanía, decide facer público este comunicado.

En primeiro lugar, facemos un exercizo de autocrítica sobre varios aspectos:

  1. O uso que ICM fixo das consultas populares. Aínda mantendo o seu carácter de movemento asambleario, ICM recoñece que non é recomendable someter a votación popular aberta todas as cuestións, especialmente cando estas afectan de xeito directo os intereses de terceiras partes.

    Esta consulta foi un paso previamente anunciado e coherente cos principios de ICM, e o procedemento da mesma foi decidido nunha asemblea aberta na que, por maioría absoluta, se tomou a valente decisión de abrir a votación a todas as persoas que compartisen os principios recollidos no Manifesto, abrindo un segundo prazo de sinaturas do mesmo. Esta opción impúxose á de deixar fóra a quenes apoiaran a ICM co seu voto o 24-M, que eran máis que os asinantes iniciais. Pese a que a disxuntiva era clara dados os resultados das eleccións, non se limitou a participación ás persoas afiliadas ou simpatizantes doutros grupos políticos, deixando a criterio da honestidade persoal de cada participante a súa aceptación do Manifesto e o seu voto na consulta. E aínda que non nos guste o resultado, acatámolo.

    Outra cousa é que, ao mesmo tempo, entendamos que, por esta vez, non soubemos defender os nosos propios e lexítimos intereses. Neste sentido, queremos recoñecer a nosa inxenuidade ao confiar en que non habería inxerencias que intoxicasen o proceso, escenario que non quixemos contemplar no noso desexo de construír unha nova forma de facer política. Non tivemos en conta que este é o noso compromiso, non necesariamente o do resto.

  2. Analizando o resultado da votación, consideramos que non fomos quen de transmitir a algúns dos nosos electores que o cumprimento dunha parte importante do noso programa, un programa progresista e de base social, debería priorizarse sobre outras cuestións, especialmente no momento histórico e político de emerxencia no que nos atopamos. Neste sentido, non só na consulta senón xa nas asembleas, constatamos que existe un rexeitamento ao pacto con forzas, e persoas desas forzas, asociadas á vella política.

    Así mesmo, queremos remarcar unha vez máis que somos partidarios dunha política de alianzas que facilite o goberno de forzas progresistas, e así o demostramos, tentando un acordo con EU, BNG e PSOE. Non é menos certo que hai ducias de casos de pactos frustrados, e mesmo de coalicións case “contra natura”, en administracións autonómicas e locais (Estremadura na pasada lexislatura, Fene, Cuntis, Moaña…). Sen ir máis lonxe, en Mugardos en 1991 PSOE e PP pactaron para quitarlle a alcaldía a EU, e son coñecidas as negociacións PP-EU do 2011 para arrebatar a alcaldía ao BNG co que, paradoxicamente, EU rematou gobernando ata hai un mes.

    Dito o cal, parece desproporcionado e erróneo cuestionar a liña política de ICM e achacarlle en exclusiva o resultado do Pleno de investidura. Existían outras opcións, como a de que as restantes formacións de esquerdas votasen ao noso candidato -respaldado polo mesmo número de concelleiros que EU- e propiciar un goberno local progresista. Semella que non era esa a prioridade, xa que nin sequera se entrou a valorar ante a negativa rotunda de EU e BNG.

  3. En segundo lugar, queremos facer unha serie de aclaracións:

  4. Con respecto aos intentos de castigar con rumores a autonomía de ICM fronte ás fortes presións para que aceptasemos determinadas premisas doutras forzas, algunhas presentadas incluso como “necesarias por lei” cando non o son, temos que dicir o seguinte: ICM non falou de fixar un salario para ninguén, senón que unicamente consultou a quenes estiveron ata agora no Concello cal era a súa política salarial, así como se comentou, entre todos os asistentes á reunión, cales eran as últimas modificacións na lexislación a este respecto, segundo as cales o límite, para unha vila como Mugardos, está no famoso baremo de 5 veces o SMI. Este tipo de difamacións que se están verquindo contra o noso candidato son froito dunha frustración que pode ser comprensible, pero cuxa manifestación inxuriosa é intolerable.
  5. ICM nunca entrou en negociacións, nin de goberno nin de investidura, co Partido Popular. É certo que esta última formación nos achegou un documento, e nós o recibimos. Nin sequera houbo diálogo sobre o seu contido.
  6. Foi a consulta popular a que decidiu rexeitar o acordo de goberno coas forzas da esquerda tradicional de Mugardos, que non investir ao alcalde do PP. De feito, hai que subliñar que esta posibilidade nin sequera entraba a ser valorada, sendo as únicas opcións votar polo pacto ou votarnos a nós mesmos.
  7. Reafirmamos a idea que de ICM quere formar parte do movemento que percorre o país, movemento das mareas, do cambio dunha vella política a unha nova política, progresista, participativa, renovadora, centrada nos intereses das persoas e no ben común. A isto dedicaremos os nosos esforzos desde a oposición.

    Para elo seguimos a desenvolver o noso marco e as nosas ferramentas de traballo. Así, o pasado xoves a asemblea ratificou a constitución dunha Coordinadora que, por unha banda, redactará un documento de Estatutos a refrendar pola Asemblea e, por outra, colaborará estreitamente cos concelleiros e concelleira electos, no seo do Consello da agrupación.

  8. Share