Diario postelectoral 14

diario_post

Mércores, 10 de xuño de 2015.

Esta tarde celebrouse o acto público de información e debate sobre a Consulta Popular de mañá. Asistiron preto das 70 persoas. O ton xeral das intervencións foi de ánimos e apoio á Iniciativa Cidadá de Mugardos fose cal fose o resultado das votacións. Valoráronse os cambios na forma de facer política introducidos e a posibilidade ofrecida á xente para a participación directa.

A respecto da apertura do censo, explicouse que a reflexión conxunta que fixemos na asemblea do sábado 30 na que se aprobou o Regulamento foi a seguinte: o censo das primarias era dunhas 180 persoas, pero nas eleccións obtivemos 540 votos. Había, por tanto, 360 persoas que votaran por ICM que ficarían sen dereito a participar na consulta. Así foi que se abriu un novo proceso, no que a sinatura debería ser presencial, para poder incorporar xente que non nos coñecese cando as primarias abertas, pero si nos votase o 24 de maio. As intervencións foron críticas co “asalto” da lista de asinantes do Manifesto na última hora de onte, mais tamén con calquera dos dous escenarios resultantes, dos que non se responsabilizou a ICM.

Na xornada electoral de mañá haberá dúas urnas. Unha situada no local electoral (Avenida de Galicia, 49) recollerá a lista de asinantes das parroquias de Mugardos e Meá. Na segunda, no Casino Progreso de Franza, votarás as persoas residentes nas parroquias de Franza-O Seixo e San Xoán. As urnas estarán abertas desde as 12:00 ata as 21:30 ininterrompidamente. O escrutinio será público.

O censo actualizado de asinantes do Manifesto, que se eleva a 315 persoas, é público desde esta tarde e pode consultarse aquí.

Share