Diario postelectoral 9

diario_post

Mércores, 03 de xuño de 2015.

Pola mañá Miguel Ángel Bastida, Paula Morgade, César Pena e Cristina Alonso mantivemos unha xuntanza co PSdeG-PSOE na que valoramos positivamente a aprobación do documento metodolóxico, xa que aporta garantías de implicación nas decisións do goberno para os grupos minoritarios.
Coincidimos na importancia das dinámicas de cooperación positiva dos gobernos de coalición e na necesidade de impulsar neste novo mandato que comeza as políticas participativas, na mesma liña na que o propio PSdeG-PSOE viñera posicionándose publicamente na corporación que finaliza.

Pola tarde celebramos o encontro acordado co Partido Popular. Acudimos Javier G. Dieste, Miguel Ángel Bastida, Paula Morgade, César Pena e Vanesa Varela. Felicitáronnos polos resultados acadados e presentáronnos unha batería de cuestións programáticas nas que entenderon que podería haber acordo, centradas nas áreas de transparencia, servizos sociais, eficacia na xestión da administración local e fiscalidade. Non houbo ningún ofrecemento de pacto, como xa comprometeran durante a campaña, mais apelaron á responsabilidade da Iniciativa Cidadá de Mugardos para impulsar un cambio no estilo de goberno municipal alí onde finalmente desempeñásemos as nosas funcións: ben nun goberno de coalición cuatripartito, ben na oposición.

A final da tarde enviamos a EU, BNG e PSOE 22 propostas básicas que entendemos fundamentais para desevolver unha acción común de goberno, para seren analizadas por cada unha das candidaturas de cara á xuntanza a celebrar na tarde de mañá.

Respecto do proceso da Consulta Popular, lembramos que as sinaturas de apoio ao Manifesto, que dan dereito a voto, poden realizarse na nosa sé (Avenida de Galicia, 49) polas mañás de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 20:00.

Share