Diario postelectoral 5

diario_post

Sábado, 30 de maio de 2015.

Na tarde de hoxe celebramos a asemblea pública na que se aprobou a adaptación do punto 2.4 do noso Código Ético e o Regulamento para a Consulta popular. Poderedes consultar a acta, que como xa viñemos facendo habitualmente será publicada na nosa web.

Era o Regulamento da Consulta Popular o punto da orde do día que realmente afectaba ao proceso previo ao Pleno de Investidura, por iso será del do que falemos. Asistiron darredor das 50 persoas e designouse unha Coordinadora da Consulta Popular que será o órgano que arbitre a votación. Estará formada por 7 persoas, das cales unha ostentará a presidencia e 6 formarán parte das dúas mesas electorais que situaremos en Mugardos e Franza. En Mugardos votarán aquelas persoas que declaren como parroquia de residencia Mugardos ou Meá, e en Franza as que declaren Franza/O Seixo ou San Xoán de Piñeiro.

Durante os vindeiros días, ata o 9 de xuño, a xente que comparta o Manifesto da Iniciativa Cidadá de Mugardos poderá apoialo publicamente nas follas de sinaturas que a Coordinadora da Consulta Popular porá a disposición pública. Poderán asinalo todas aquelas persoas maiores de 16 anos que acrediten a súa residencia en Mugardos e non fosen membros doutra candidatura que concorrese ás eleccións municipais do 24 de maio. Poderedes consultar o documento final deste Regulamento en canto o equipo de Organización faga pública a acta de hoxe coas súas modificacións.

O 9 de xuño queremos ter pechadas xa as opcións de voto na consulta para que a xente poida coñecer exactamente o resultado das súa decisión. Que saiban exactamente que goberno resultaría de unha ou outra opción. O seguinte día, mércores 10, celebraremos un acto público de información e debate sobre as propostas de voto e o xoves 11, dous días antes do Pleno de Investidura, celebraremos a Consulta Popular cuxo resultado será vinculante para as 3 persoas que representarán os 540 votos da Iniciativa Cidadá de Mugardos.

No tocante ás conversas con outras organizacións, no día de hoxe non se produciu ningún contacto.

Share