Candidatos ás primarias

Candidatos

Os días 26, 27, 28 e 29 de marzo poderedes decidir a orde da candidatura de Iniciativa Cidadá de Mugardos. Para ter dereito a voto abonda asinar o noso Manifesto.

Estas son as persoas candidatas:

 

 

 

 

MA_Bastida
Miguel Ángel Bastida Martínez (1980).

Estudiei Bacharelato, un FPII de Delineación Industrial e un Ciclo Superior de Instalacións Electrotécnicas. Actualmente no paro e con experiencia de máis de 9 anos traballando no sector privado. Solteiro e amante do deporte e da cultura.

Motívame cambiar a política actual de Mugardos. Esforzarme para que todas as parroquias sexan en síntanse importantes. Axudar aos veciños en todo o que poida. Facer un Concello transparente. Traballar para que Mugardos mellore sen ter unhas siglas detrás as cales me poidan condicionar. Poñelo todo para que o Concello sexa dos veciños e non dunhas poucas persoas.

J_Cortizas
José Antonio Cortizas Vázquez (1983).

Técnico Superior en Desenrolo de Aplicacións Informáticas. Técnico Superior en Automoción. Directivo do Club do Mar de Mugardos do 2010 a actualidade. Directivo na Liga Galega de Traíñas no 2014.

Creo que podemos administrar mellor os recursos do pobo. Facer de Mugardos un lugar mellor. Aplicar criterios democráticos e de participación cidadá no goberno do Concello. Abrir aos cidadáns o Concello para que poidan participar e coñecer as actuacións levadas a cabo.

J_Garcia
Javier García Dieste (1958).

Técnico en Sistemas e Tecnoloxías da Información do Sergas. Persoa activa desde hai anos. Presidente fundador do Club Xuvenil Orballo. Vogal e logo presidente do ANPA Catro Camiños da Unión Mugardesa. Presidente do ANPA O Castro do IES de Mugardos. Vogal da S.D.C. Galicia de Mugardos e actual Presidente.

Motívame fomentar a participación cidadá a través do movemento asociativo, abrir as portas do Concello aos cidadáns e que eles tomen as decisións importantes. Traballar desde a transparencia amosando á cidadanía as contas, publicando as reunións en non permitindo que nos gobernen argumentando que o fan polo noso ben.
Hai outra forma de facer democracia, non podemos quedar estancados na transición, e esta é a forma de comezar o cambio, facendo unha política transparente, participativa e progresista.
Por todo isto, ás veces a mellor forma para conseguir estes obxectivos é sinxelamente facéndoo un mesmo, é dicir, presentándose ás eleccións municipais e involucrándose na vida política do municipio.

MG_Martinez
María Gracia Martínez Moreno (1961).

Membro do ANPA Santiago Apóstolo de Franza. Membro de Cáritas Parroquial San Xoán de Piñeiro. Colaboradora de Cruz Roja – Cáritas. Membro da Comisión de Festas de San Xoán de Piñeiro (fun tesoureira). Membro da directiva da S.C.R.D. San Xoán de Piñeiro (fun vogal, tesoureira, vicepresidenta e presidenta).

A miña motivación está ligada coa miña biografía: apoiar, axudar, tender unha man alí onde me necesitan ou onde vexo que podo facer algo positivo polos demais. Gústame implicarme ent odo aquilo que faga mellorar a convivencia e o benestar dos meus veciños, creo que este movemento é positivo para axudar a todos en xeral.

I_Mera
Iván Mera García (1980).

Técnico Superior de Son e Cartógrafo. Son unha persoa activa e proactiva, de carácter emprendedor, con ampla experiencia no traballo en equipos, motivación e capacidade de liderado. Politicamente iniciado na experiencia comunitaria veciñal de Alternativa dos Veciños de Oleiros, á miña chegada a Mugardos botei en falta múltiples melloras que tentei volcar, no eido escolar, desde a ANPA do CEIP Catro Camiños, que presido desde 2012.

De espírito libre e reacio a calquera atadura da política tradicional, acho na Iniciativa Cidadá de Mugardos as condicións aceptables para volcar as miñas inquedanzas sen seguir máis dictado que o sentido común e o interese xeral.

P_Morgade
Paula Morgade Carnero (1972).

Mestra especialista en Educación, con experiencia laboral no ámbito comercial e involucrada en todos os movementos do asociacionismo local. Colaboradora en entornos culturais e deportivos, así como no grupo actual da ANPA do IES de Mugardos.

Motívame o desexo de recuperar o Mugardos que coñecín na miña infancia, para que os nosos fillos gocen do entorno no que crecín. A posibilidade de formar parte dun equipo como é Iniciativa Cidadá de Mugardos sen o lastre dunhas siglas que marquen o noso camiño. Creo que é posible redirixir o funcionamento do Concello cara o futuro pobo que desexo e iso anímame a dar este paso.

J_Nunhez
Jacinto Núñez Martínez (1959).

Nacido en Mugardos, cursei estudios na Academia e en Rapariz (Ferrol), e o bacharelato no Concepción Arenal. Comercial en “Foto Uno”, na Coruña, posteriormente tiven un estudo fotográfico ao longo de doce anos (en As Pontes). Despois fun fundador da revista “O Mensaxeiro”, antes de montar unha empresa de reciclado de tóners e tintas (As Pontes). Por último traballei oito anos en A Coruña, nunha epresa dedicada á venda e mantemento de fotocopiadoras. Actualmente estou no paro.

Despois de moito tempo, e en vista da situación política actual (desprestixio, corrupción, deixación de funcións, etc.) penso que é o momento de facer un cambio rotundo nas maneiras de facer as cousas; e que mellor que intentar arranxar o pobo onde nacín. A situación desde o meu berce está a ser moi mal a e é por iso que despois de xuntarme con todos vós e ver que tiñamos as mesmas inquedanzas creo chegado o momento de dar un paso adiante para tratar de devolverlle ao meu pobo aquilo que lle debo.

C_Pena
César Pena Leira (1977).

De neno cruzóuseme no camiño un grupo de mestres irrepetibles (Antón Cortizas, Agustín Fernández Paz, César Pita…) e desde entón o fío conductor da miña actividade social é basicamente o mesmo: sensibilidade cultural, galeguismo, ecoloxismo, traballo en equipo e sempre con Mugardos como obxectivo. Procurei que os proxectos nos que embarcaba fosen corais e horizontais, e así foron na maioría das ocasións. Non sei parar de innovar en actividades para o meu pobo.

Malia os tempos de descrédito nos que vivimos, defendo a Política como vía de solución dos problemas do conxunto da sociedade. Motívame o carácter abertamente participativo da Iniciativa Cidadá de Mugardos e a posibilidade real de poder rachar moldes respecto da relación entre Concello e veciñanza. Motívame defender un proxecto baseado no rigor e no intercambio de coñecementos. Motívame a posibilidade de volcar na vida municipal todas e cada unha das ideas que rebulen continuamente nos meus miolos na procura dun Mugardos que poida ser un modelo a seguir. Motívame poder ser útil na mellora da calidade de vida de cada unha das persoas deste Concello. Motívame pensar que é moita a xente que pensa coma min e quere sentirse representada.

Share