Sementamos políticas de futuro na área de Turismo

Mugardos é un dos municipios con maior potencial turístico das Rías Altas. Mentres que a maioría de concellos necesitan investir moitos cartos na súa imaxe exterior para atraer visitas, nós contamos cunha fama de serie de ser unha vila de “bo comer”. Pero o que en principio é unha virtude podería converterse nun problema se provocaba estancamento, porque Mugardos nin ten aínda consolidado un “produto turístico” como tal, nin estaba tendo presenza nos circuítos comerciais.

O nivel de desemprego en Mugardos (como no resto da comarca) fai que sexa moi importante aproveitar as oportunidades para ofrecerlle un futuro no municipio á mocidade. Xa desde a campaña electoral previa ás municipais ICM fixo fincapé nisto, en levar a “marca Mugardos” polas feiras de turismo, e por ter un plan a longo prazo para desenvolver o sector hosteleiro.

Comezamos a dar pasos cara a consolidación dunha marca propia (“Mugardos, o sabor do mar”) regulando o seu uso e lanzando novas propostas como o Metrominuto, que son tamén a aposta por un modelo urbano sostible que valorice a nosa fachada marítima. Desa mesma visión nacen as visitas guiadas polo peirao.

A Festa do Polbo fixo énfase, por fin, na súa diferenza fundamental co resto de festas similares que hai en Galicia. Así é como no 2017 falouse, máis que nunca, de “polbo á mugardesa” e dos seus ingredientes. Cantámoslle ao mundo que o noso é un prato distinto, con pementos e cebolas, apostamos pola orixinalidade (a nosa idea era continuar cada ano cun novo estudio creativo recoñecido a nivel galego) e foron moitos os medios de comunicación que espallaron a mensaxe. Como resultado, a Festa do Polbo do 2017 bateu récord de asistencia (20.000 persoas, fronte a anterior marca de 15.000 do 2015).

Traballo en conxunto con outras institucións

Aproveitamos ao máximo as oportunidades que a Deputación da Coruña ofrece aos concellos e que ficaban desaproveitadas co PP. Fixémonos protagonistas nos circuítos de turismo gastronómico dos que estabamos ausentes, e a nosa presenza foi contínua nas feiras sectoriais. Exploramos, co CETUR e a Mancomunidade, a mellora da recollida de datos na Oficina de Información Turística (OIT) cun protocolo común. Hoxe é xa unha realidade para o conxunto do Xeodestino Ferrolterra – Rías Altas, e facilitará a toma de decisións estratéxicas de agora en diante. A mesma OIT, ademais, deu un salto adiante na calidade da atención ás visitas e as condicións laborais das informadoras co traslado á Avenida do Mar 1, resolvendo ao mesmo tempo o encaixe legal da vella caseta.

O que non conseguimos rematar

Se o primeiro obxectivo foi a definición de “Mugardos, o sabor do mar” como marca de turismo gastronómico, o segundo consistía en desenvolver a nosa imaxe como destino deportivo, promovendo os espazos naturais das parroquias. Un lugar ideal para escapadas que aproveiten o grande traballo que están desenvolvendo as asociacións locais no deporte e a vida saudable. Nesta liña o Concello editou postais e carteis baixo o lema “#MugardosConTodosOsSentidos” que tiveron moi boa acollida, pero quedounos pendente a produción dun spot promocional dese “Mugardos interior” dentro da nosa aposta polos contidos multimedia, que teñen unha potencia comunicadora moito maior que os impresos. Tampouco conseguimos que se renovasen os paneis informativos arredor do Castelo da Palma.

O Castelo da Palma e a Lei de Patrimonio

O Castelo da Palma é, sen dúbida, un dos nosos grandes reclamos. Cando o PP decidiu abrir as súas portas no verán do 2015 comprobouse o interese que esperta na cidadanía. Pero, se ben a decisión pareceunos acertada, entendimos que o Concello de Mugardos debía loitar por que os seus propietarios asumisen a obriga legal que teñen de abrir durante 48 días ao ano o edificio e garantir a seguridade das persoas. Non debía seguir sendo o Concello quen asumise o custe íntegro das visitas.

Sen embargo, as negociacións coa Dirección Xeral de Patrimonio e os propietarios do Castelo da Palma, ata hoxe, seguen sen dar resultado. Pero o certo é que a Alcaldía deixounos en todo momento á marxe das conversas, malia xestionarmos a área de Turismo, polo que sabiamos delas a través da prensa. Nin sequera a través da axenda municipal, na que se recollían fundamentalmente os encontros institucionais dos membros de ICM e agora quedou en desuso.

Share