Dimos un paso adiante na rehabilitación dos cascos antigos de O Seixo e Mugardos

Os cascos antigos de O Seixo e Mugardos están, aínda, entre os mellor preservados de Galicia, salvándose, en boa parte, dunha especulación urbanística que fixo desaparecer moitas das vivendas tradicionais nos pobos costeiros. O Seixo e Mugardos teñen a súa propia identidade. Rezouma, urbanisticamente, a historia mariñeira que teñen os dous núcleos.

A reapertura da Oficina de Rehabilitación de Mugardos, logo de máis de 3 anos pechada, é un paso importante para a rehabilitación e reurbanización destes dous cascos antigos. Un total de 115.000 € repercutirán nos proxectos da veciñanza, chegando ata os 11.000 € para cada vivenda.

Para conquerir esta reapertura traballamos en ICM desde a Concellería de Urbanismo, entre outras cousas, poñendo ao día o estudo dos inmobles que detectou 151 edificios en estado de conservación regular, malo ou moi malo. O diálogo coa Xunta de Galicia foi permanente para que a oficina fose unha realidade. Sabemos o complicado que pode ser que xa no primeiro ano se inicien grandes rehabilitacións, por iso é moi importante darlle continuidade e facer unha labor de futuro para que Mugardos e o Seixo recuperen a súa paisaxe urbana tradicional.

Criterios claros

Pero isto é tan só unha parte das liñas a seguir para protexer os dous cascos antigos. Consideramos moi necesaria a elaboración dun Plan Especial de Rehabilitación e Protección Integral dos Cascos Antigos. Este plan servirá de ferramenta para a oficina de rehabilitación, para o persoal técnico municipal e tamén para a veciñanza, xa que definirá moi ben as accións a poder realizar (renovación de carpintaría, balconadas, ampliacións traseiras, etc.). Un plan ambicioso que axudará, sen dúbida, á rehabilitación das zonas degradas, recuperando a identidade nas actuacións agresivas, e valorando o legado histórico.

No mesmo sentido, desde ICM quixemos aprobar uns criterios que axudasen á interpretación técnica da ordenanza en vigor, aprobada no PXOM do 1999, xa que resulta moi ambígua e fai que a veciñanza non teña claro que actuacións pode e cales non pode levar a cabo ata que se redacta o correspondente informe técnico. Definindo estes criterios queriamos axilizar as actuacións a desenvolver e salvaguardar os Cascos Antigos antes de realizar o Plan Especial. A favor votamos ICM e BNG (5 votos) pero, lamentablemente, PP e EU uniron, de novo, os seus 7 votos en contra, polo que a proposta non saíu adiante.

Share