Mugardos experimentou en ano e medio un grande impulso dos comedores escolares

Os comedores escolares serven a nais e pais para conciliar a súa vida laboral e familiar, ademais de axudar a moitas familias con dificultades sociais e económicas. Sen embargo, cada vez son máis as ANPAs do país que demandan un maior peso dos criterios educativos e o emprego de alimentos de tempada e proximidade á hora de contratar as empresas de cátering.

En xaneiro do 2016 ICM preguntaba en comisión ao goberno do PP polo borrador do prego de contratación do comedor escolar do CEIP Unión Mugardesa. A nosa intención era incorporar criterios educativos e de achegamento do servizo ás familias. Pero, tras informarnos que estaban ultimándoo, o que a concelleira Begoña Roldós presentou un mes despois en comisión foi un documento xa aprobado pola Xunta de Goberno, sen terse sometido nunca a debate, e que non recollía os criterios que nós pretendiamos.

Cando asumimos a área de Educación, en agosto do 2016, Mugardos contaba cun único comedor escolar de 58 prazas e dúas monitoras que daban de xantar e que tiña lista de agarda. Os obxectivos daquela eran levar o servizo tamén ao CEIP Santiago Apóstolo de Franza, amplialo aos almorzos –que axudarían especialmente a nais e pais que se incorporan ao posto de traballo máis cedo– e cumprir un ratio de 16 alumnas/os por monitora, na liña das demandas dalgunhas federacións de ANPAs. Precisábamos, para iso, aumentar o plantel de dúas a tres monitoras.

En menos de un mes desde a chegada do novo goberno, o Concello de Mugardos puido anunciar o servizo “Madrugamos!” para o comezo do curso 2016-2017. Durante o mesmo curso conseguimos ademais que a empresa concesionaria enviase tres monitoras. Conseguimos tamén reducir o número de conflitos entre o alumnado cun seguimento constante por parte da concelleira de Educación, que visitou case semanalmente o centro.

Ao mesmo tempo, comezaron as xestións para facer realidade o comedor de Franza, para o que se mantiveron conversas coa propia dirección do centro, a ANPA e o delegado territorial de Educación. Así, desde comezos do curso 2017-2018 o Santiago Apóstolo ten xa o seu propio comedor escolar con servizo de xantar de 20 prazas, o que tamén resolve a lista de agarda do Unión Mugardesa.

Diferenzas de criterio coa Alcaldía

Queriamos lanzar o comedor de Franza arrancando xa cos almorzos, aínda que nun principio non acadase o mínimo de 7 usuarias; queriamos tamén garantir un mínimo de 3 monitoras no Unión Mugardesa e 2 no Santiago Apóstolo. Sen embargo, nestes dous puntos a Alcaldía mantiña diferenzas de criterio, polo que non conseguimos avanzar. Con todo, desde Nadal en Franza xa se serven os almorzos a pesares de contar só cunha usuaria permanente e 6 ocasionais (con nós non se podía, agora si).

Catro meses despois de marcharmos do goberno, o 13 de marzo, chegou ás nosas mans, a través dunha traballadora municipal, un “borrador” de informe técnico para modificar o servizo de comedores. Sorpréndenos que teña data do 22 de agosto do 2017, tres meses antes da nosa saída do goberno, e que aínda así a responsable de Educación non tivese coñecemento del.

O borrador respalda as posicións que mantén ICM en dúas cuestións fundamentais: a) o papel educativo do comedor, ao referirse a el como “un medio idóneo para que os nenos e nenas reciban unha educación práctica sobre a alimentación, nutrición, convivencia en espazos extraescolares, coherente cos obxectivos do ensino obrigatorio” (de feito, a Xunta de Galicia, por medio do Decreto 132/2013, regula os comedores escolares a través da Consellería de Educación, non da de Política Social); e b) a necesidade de ter “un mínimo de 1 monitor/a por cada 16 alumnas/os”, como recolle na Cláusula VII.7.2.

Pero o informe nunca viu a luz. Nin o coñecía a concelleira de Educación antes da saída do goberno, nin pasou por ningún órgano a día de hoxe. Así que o pasado 14 de marzo preguntámoslle en comisión ao actual goberno como era posible que a propia concelleira que facía o seguimento e demandaba á empresa as melloras no servizo, non tivese coñecemento dese documento. A resposta que recibimos foi que os comedores escolares son un servizo de “conciliación” e, polo tanto, “pertencen á área de Benestar Social”. Así despachaba a concelleira Dolores González que unha parte do goberno de coalición ocultase información a outro.

Share