Moito máis que a reforma do Mercado Municipal

En agosto do 2016 asumimos a xestión do Mercado Municipal de San Telmo co propósito de corrixir o seu lento declive das últimas décadas. Tiñamos claro que a perda de clientela tiña un transfondo que non se podía resolver con pequenos arranxos puntuais. A diferenza doutros casos nos que os edificios están case abandonados e presentan eivas graves, en Mugardos investiuse na última década preto de 500.000 € en múltiples reformas sen unha visión clara de futuro, pero que evitaron o deterioro estrutural. O que precisabamos era algo máis, era reconectar o Mercado coa hostalería, un dos piares económicos de Mugardos.

A propia Xunta publicaba meses antes o seu Plan de Mercados Excelentes de Galicia 2016-2020 no que marcaba a folla de rota para que as prazas de abastos e mercados atopasen o seu lugar nun contexto que xa non é o de hai 50 anos. A transformación pasa por un cambio de concepto, máis que por reformas materiais. Deixar de competir coas grandes cadeas de supermercados e atopar o seu propio espazo.

Tívose en conta a tódolos sectores involucrados

Así é como en xullo do 2017 o goberno municipal contrata o Plan de usos do Mercado de San Telmo. A partires de entón comeza un estudo detallado da súa situación, das súas necesidades, da visión que del teñen non só as praceiras, senón tamén a hostalería, agricultoras locais, a confraría de pescadores e mariscadoras e ata a propia clientela.
Segundo avanzaba o estudo as pezas comezaban a encaixar. A hostalería advertía da falta de oferta, da dificultade para mercar froitas, verduras ou marisco mugardeses. Mais recoñecía a importancia que ten hoxe en día na restauración o produto local. A confraría destacaba a alta calidade do seu marisco (ostra, ameixa e berberecho), mais a falta dunha depuradora fai que todo o produto se comercialice fóra. Rechamante era tamén a escasa produción da horta (apenas un produtor local), mais aí abríase unha xanela de oportunidade para o Ciclo Formativo de Agroxardinaría e Composicións Florais.

Como resultado de meses de estudo, en novembro chegou a proposta final que definiría o futuro do Mercado Municipal de San Telmo. Consistía en facer do marisco a peza clave dunha renovación que o convertese nun espazo vivo e con futuro. Proxectouse non só a recuperación dun edificio singular con valor arquitectónico e histórico, obra de Rodolfo Ucha Donate no 1957, senón tamén a súa transformación nun punto de encontro e nunha ferramenta para o desenvolvemento local.
A repercusión sobre a economía local sería importantísima. Mugardos subiría ao tren do turismo asociado ao marisco que xa se expande con éxito por localidades de Francia, Holanda, Estados Unidos, Austria, Nova Celanda ou Suecia. Traballaríase tamén a formación para as praceiras e a incentivación da producción agraria vencellada ao ciclo formativo e ao prato estrela da nosa gastronomía: o polbo á mugardesa no que se empregan produtos de horta.
En definitiva, a reforma do Mercado suporía a revalorización do local, o reforzo de Mugardos como vila mariñeira, a diferenciación fronte outras ofertas comarcais, a conexión entre confraría, mercado e hostalería dándolle coherencia a un fluxo comercial propio.

A proposta de reforma relocalizaba todos os postos actuais dentro do edificio histórico, tendo en conta as necesidades de espazo demandadas polas propias praceiras.

A avaliación económica e o financiamento do proxecto

O informe final é amplo e detalla aspectos como a localización dos postos e a valoración económica da reforma, incluíndo melloras como a climatización ou a dotación de WiFi para todo o edificio. O orzamento total rondaría os 400.000 € e o seu financiamento conta tamén coa súa propia folla de rota.

O primeiro obxectivo sería facer só as obras necesarias para incorporar o de San Telmo á nómina de Mercados Excelentes de Galicia. A Xunta achegaría para iso o 30% do custe e o Concello de Mugardos tería que xestionar os fondos restantes, para o que se podería botar man das importantes achegas da Deputación da Coruña e optar ao financiamento do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro, ademais dos recursos municipais propios.

Unha vez acadado o rango de Mercado Excelente a Xunta de Galicia ofrecería un financiamento do 90% para as obras de mellora. Un grande salto cualitativo que significaría un custe mínimo para o Concello nunha segunda fase das obras.

O edificio acometería unha transformación que unificaría as tres naves actuais abríndose a unha praza lateral e aproveitando a iluminación natural deseñada por Rodolfo Ucha Donate.

As posicións fronte o proxecto

O remate do estudo en novembro coincidiu coa marcha de ICM e BNG do goberno municipal. No pasado Pleno de decembro, a pregunta do PP, a alcaldesa respostaba que “é público que o grupo municipal de Esquerda Unida entendía que non era unha prioridade meternos nunha voráxine de estudos sobre os usos pretendidos e reforma do edificio, porque as súas prioridades de inversión para este grupo municipal non pasaban por unha reforma dese calado para o Mercado”, engadindo ademais que “había que trasladar propostas realistas e non crear espectativas que non puideran ser cumpridas”. O actual goberno desenténdese así dun proxecto clave no desenvolvemento local, mentres o PP afirma que “más hubiera valido haber invertido ese dinero en reparar las goteras del tejado y otras cosas más necesarias”.

Para a Iniciativa Cidadá de Mugardos supón un proxecto estratéxico para Mugardos. Un proxecto construído coa participación dos sectores implicados, algo pouco habitual como garantía de éxito. Supón, tal vez, a última oportunidade de coller o tren do desenvolvemento local sostible, xa que os mercados de abastos que non afronten un cambio de concepto non sobrevivirán no medio prazo. Por iso consideramos que fronte a isto cómpre deixar de lado o copyright partidista e apostar unanimemente por unha transformación que xa se está producindo noutros concellos do país cun éxito incuestionable.

Share