ICM insiste no diálogo como base dun goberno plural.

Iniciativa Cidadá de Mugardos defende o diálogo como base de todo proxecto político plural. Froito do entendemento entre diferentes naceu o primeiro goberno con maioría da última década en Mugardos. Nos últimos meses, sen embargo, asistimos con preocupación á toma de decisións que non son debatidas, e moito menos consensuadas, entre os membros do Goberno Municipal.

Na mañá de onte presentábase na comisión de Facenda unha proposta da Alcaldía para determinar o uso de preto de 600.000 €. Se ben esta proposta recollía en parte decisións conxuntas, outras non foron debatidas previamente co Grupo Municipal de ICM, malia a súa envergadura económica.

Sendo así, ICM abstívose de aprobar a proposta da Alcaldía, como xa o fixo anteriormente cando se someteron a votación cuestións que non tiveron en conta a opinión do noso grupo. Mais nesta ocasión, tras a comisión de Facenda a Alcaldía comunicou verbalmente ao noso portavoz municipal que estabamos “fóra do goberno”.

Esta tarde celebrarase unha comisión de seguimento do acordo de goberno asinado o ano pasado, convocada a petición do BNG, que ven derivada tamén desta falta de diálogo e imposición dunha das partes do Goberno Municipal sobre as outras. Desde ICM insistimos na necesidade de acordos previos a calquera decisión transcendente no futuro de Mugardos.

O Grupo Municipal e os representantes na comisión de seguimento darán conta en asemblea da situación actual para que as persoas que integran a Iniciativa Cidadá de Mugardos, no seu conxunto, analicen e determinen o mellor xeito de seguir defendendo a nosa proposta política.

Share