Que pasa coa EDAR?

Que é a EDAR?

Cada vez que tirabamos da cadea no baño, ou nos duchabamos, ou un bar poñía o lavalouzas, a auga sucia marchaba polos sumidoiros para ir dar directamente á ría, contaminando o medio de vida de centos de familias. Desde o ano 2014 os verquidos dos fogares e empresas de Fene, Mugardos e Ares diríxense cara Chanteiro, á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), polo que se pon freo ao deterioro ambiental.

Como funciona?

Ao longo dos concellos de Fene, Mugardos e ares hai distribuídas estacións de bombeo que fan que a auga chegue ata Chanteiro. En Mugardos hai nove: as de Rilo, O Monte, O Baño, o peirao, Santa Lucía, A Barca, O Seixo, o Campo do Río e A Rega. Unha vez que chegan á estación depuradora esta trata os verquidos para separar a auga depurada dos residuos que contén.

Canto custa?

A construcción deste sistema de saneamento no sur da ría supuxo un investimento de máis de 80.000.000 €. Unha vez rematadas as obras, poñelo a funcionar ten custes de xestión e mantemento, pero tamén de consumo eléctrico, tanto da propia planta como das estacións de bombeo. Os custes de xestión da rede son de aproximadamente 216.000 €/ano, que son aboados polos concellos de Fene (108.000 €) e Mugardos e Ares (54.000 € cada un). Para Mugardos o consumo eléctrico das súas estacións de bombeo ascende a 157.000 €/ano.

Quen paga?

O Concello de Mugardos abóalle á compañía eléctrica os gastos en electricidade (157.000 €) e ao Concello de Ares a súa parte correspondente da xestión (54.000 €). En total suman uns 211.000 €. No 2014, cando comezou a funcionar a estación depuradora, os concellos de Fene, Mugardos e Ares consensuaron unha ordenanza fiscal para facer fronte a estes custos, establecendo unhas taxas en función do tipo de consumo (doméstico, comercial e industrial) e a cantidade de metros cúbicos verquidos por cada usuario. A ordenanza tamén establece exencións ao pagamento para as familias de menos recursos.

A “Lei 8/1989, de taxas e prezos públicos” sinala que as taxas tenderán a cubrir o custe do servizo ou actividade. En Mugardos hai uns 3.005 usuarios, dos que 2.862 son domésticos, 142 comerciais e 1 industrial (Reganosa, xa que Forestal del Atlántico ten que desenvolver o seu propio sistema de depuración). A recadación anual é de uns 160.000 € polos recibos domésticos, 50.000 € polos comerciais e algo menos de 1.000 € do industrial. En total supoñen uns 211.000 €, a mesma cantidade que o Concello ten que aboar pola xestión e consumo eléctrico.

Como se paga?

Na ordenanza consensuada polos tres concellos do sur da ría no 2014 (co voto favorable do PP de Mugardos) establecíanse cotas trimestrais, aínda que o seu pagamento sería semestral. Ou sexa, que cada seis meses pasaríanse a cobrar dous recibos. Sen embargo este método suscitou debate e cando chegou o momento de pasar os primeiros recibos, finalizado o primeiro semestre do 2015 (xa co PP no goberno), ningún dos tres concellos o fixo. Pódense consultar as actas dos Plenos que o Concello de Mugardos ten na súa web, e repasar os debates sobre o tema. Daquela, o PP argumentaba que estaban debatindo cos outros concellos melloras no sistema de cobramento. Aínda así, Ares comezou a cobrar as taxas antes de rematar o 2015. En febreiro de 2016 o Pleno de Mugardos aprobou un cambio na ordenanza que convertía os cobros semestrais en trimestrais, para facilitar o pagamento ás familias (catro cobros máis pequenos, en vez de dous máis grandes). A partir dese momento Mugardos comezou a cobrar polo verquido de augas residuais á rede de saneamento, pero ficaba pendente todo o ano 2015.

Que pasa cos recibos do 2015?

O Concello de Mugardos pagou a factura do consumo eléctrico do 2015 (157.000 €). Queda pendente aboarlle a Ares a xestión e mantemento (54.000 €). O novo goberno municipal xurdido en agosto do 2016 incluía no acordo asinado por EU, ICM e BNG resolver a liquidación da taxa da EDAR que o PP deixara pendente. O obxectivo era poñer tódalas facilidades posibles para facer fronte ao pagamento, pensando especialmente nas familias. Finalmente decidiuse pasar o cobro en catro prazos, correspondentes a cada trimestre do 2015. O primeiro deles comezou o 14/8/2017 e rematará o 14/10/2017. O segundo prazo comezará o 1/12/2017 e finalizará o 31/1/2018.

A quen beneficia a “barra libre” do PP?

O PP defende agora que o Concello de Mugardos non cobre ningún recibo pendente e asuman as arcas municipais o 100% do uso particular da rede no 2015. Acusan ao goberno de ter “afán recadatorio” para gastar en “tropelías y despilfarros” (sic). O PP destroza con ese argumento as bases do estado do benestar, onde as administracións públicas prestan servizos fundamentais á cidadanía, servizos que son financiados solidariamente en función da capacidade económica de cada quen. Sen embargo insisten en que o cobro castiga ás familias. Pero, a quen prexudica e a quen beneficia realmente esta “barra libre”?

O recibo trimestral medio de cada vivenda é duns 14 €, o de cada negocio duns 80 € e o da única industria que verte á rede duns 170 €. As variacións dependerán sempre dos metros cúbicos verquidos por cada usuario (quen máis verte, máis paga). En conclusión a proposta do PP beneficia máis aos usuarios que máis verteron (porque os libra de recibos máis caros), e beneficia máis ao consumo con fins de lucro que ao consumo básico (porque teñen tarifas máis altas). Se ademais temos en conta que as familias con menos recursos xa estaban exentas do pagamento, a medida do PP aforraríalles nada, mentres que a unha industria como Reganosa aforraríalle 700 €. Unha proposta fiscalmente regresiva e totalmente antisocial.

Ten algo que ver co Plan Económico Financeiro 2017-2018?

Outro dos argumentos esgrimidos polo PP é que o goberno de Mugardos vese obrigado a cobrar pola EDAR para tapar unha “nefasta xestión económica” que o levou a ter que presentar un Plan Económico Financeiro para o 2017-2018. Sen embargo, este plan, xurdido da Lei Montoro, ten pouco que ver coa saúde financeira dos Concellos. Esta lei imposta polo PP desde o Goberno Central non diferenza entre concellos endebedados e concellos aforradores. Mugardos é un destes concellos aforradores, pero o simple feito de botar man dos seus aforros para investir en melloras para a veciñanza (obxectivo básico de toda administración pública) obrígao a presentar o plan. A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) insiste desde hai máis de tres anos en que se teña en conta esta diferenza entre concellos, polo que Mugardos ficaría exento dun corsé económico pensado para reducir a débeda doutros.

Sen saír da Lei Montoro atopamos un indicador máis fiel da “saúde financeira” dos concellos: o período medio de pagamento. Publícase cada trimestre, e en Mugardos é bastante revelador. O PP colleu o goberno co dato en 14,7 días e elevouno ata os 77,2 días, ou o que é o mesmo: o Concello de Mugardos tardaba co PP dous meses máis en pagar. Co novo goberno reduciuse ata os -10,6 (case tres meses menos). Aínda que para o PP no goberno esas cifras eran “solo una estadística”, o certo é que podían ter importantes consecuencias no financiamento chegado doutras administracións (RD 635/2014).

En resumo, o PP non fai máis que iniciar a súa enésima campaña de enredo. Faino desde a oposición, xa que sería impensable que un partido con responsabilidades de goberno se envolvese nun discurso tan populista. Non é a primeira vez que insinúa un mal uso de fondos públicos (só lembrar a xa esquecida auditoría e as insinuacións de “roubo” de 18 millóns de euros do patrimonio municipal). Este é só un paso máis na súa lei do presunto culpable, na deriva demagóxica pola que hai tempo camiña o equipo de Juan Domingo Deus.

Share