Un paso adiante na Festa do Polbo

A Festa do Polbo de Mugardos, declarada no 2009 de Interese Turístico de Galicia, non é unha festa do polbo máis. Non compite con Carballiño, nin se lle asemella ás de Bueu, Mos ou Porto do Son. A Festa do Polbo de Mugardos é a festa dun prato diferente, a festa do “polbo á mugardesa”.

O noso prato distínguese fundamentalmente por ser un guiso co seu rustrido de cebolas e pementos máis os cachelos. Ninguén dubida da fama internacional do polbo “á feira”, pero é ben seguro que a segunda receita de polbo máis popular da cociña galega é “á mugardesa”.

Para gozar do polbo á mugardesa no seu esplendor hai que visitar Mugardos, se ben é certo que sabemos dalgúns restaurantes polo mundo que tamén o locen na súa carta. Así é que temos no polbo á mugardesa a principal carta de presentación dunha vila coñecida fundamentalmente como destino gastronómico.

Un proxecto a longo prazo

Con tales ingredientes o seguinte paso era facer do “polbo á mugardesa” unha marca claramente recoñecible. Ser conscientes do feito diferencial e marcarse un obxectivo a
medio e longo prazo. A “Festa do Polbo de Mugardos” tiña que dar un paso á fronte e deixar de verse a si mesma como un día de festa para converterse na bandeira da restauración de Mugardos. No máis grande acto de promoción do noso produto, non para visitar Mugardos o segundo sábado de xullo, senón en calquera momento.

É ese enfoque estratéxico o que explica en boa medida os cambios na súa 27a edición. O protagonismo do noso prato en salóns gastronómicos, a identificación clara da Festa cos seus ingredientes (a diferenza de anos anteriores), o recoñecemento a nivel galego dos creadores da súa imaxe (Rei Zentolo seguiu o camiño explorado no 2015 con Xaquín Marín) a aposta decidida pola promoción dunha xoia musical como “Pulpo á mugardesa”, de Os Peregrinos, que xa forma parte para sempre do noso patrimonio cultural… e o cambio fundamental hoxe en boca de tanta xente: o cambio no seu formato.

Para que é a Festa do Polbo?

Se a Festa é, sobre todo, para promocionar Mugardos como destino gastronómico, a Festa deixa de ser para recadar fondos para as asociacións. Debe recoñecerse a labor social, cultural e deportiva das entidades, e deben atopar apoio para desenvolver esta labor no Concello. Pero cómpre diferenciar o obxectivo último de cada quen. O obxectivo dunha asociación cultural é a dinamización cultural da sociedade, o obxectivo dunha asociación deportiva é a dinamización deportiva; ningunha delas ten como fin última a cocción e reparto de polbo. En todo caso, tratarían de servir comida para conseguir cartos para realizar as actividades para as que se fundaron. Pero sendo así, por que non falamos de organizar actividades coas asociacións, e falamos de cocer polbo cos cociñeiros? As dúas entidades máis dinámicas de Mugardos (Galicia de Mugardos e Club do Mar) entenderon o novo plantexamento, pero non así outras.

O apoio ás asociacións

O compromiso do actual goberno co movemento asociativo demostrouse no primeiro día da súa toma de posesión. Logo de máis dun ano sen asinar convenios de colaboración coa Alcaldía do PP, a prioridade foi rescatalas da asfixia económica na que se atopaban. Dialogouse con elas, os convenios asináronse por fin e garantiuse a vitalidade sociocultural de Mugardos.

En contra do que se afirmou nalgún medio de comunicación, si se procurou compensar a aquelas entidades que poderían ver afectado o seu calendario anual de eventos.
Procurouse compensar coa organización de actividades a cargo do Concello, descargando a cuestión económica dos petos das entidades, algo que segue a ser un xeito de colaboración económica. Indirecta, pero cun valor económico.

Dous debates

O goberno marcou de xeito claro cal era o debate nesta XXVII Festa do Polbo. Tratábase de profesionalizar ou non profesionalizar un reclamo turístico. En paralelo o PP sementou a polémica en clave populista. Tratábase de Mugardos ou Melide. Porque de Melide é a empresa que dará servizo ao chef mugardés que este ano coordinará as tarefas de cociña. As redes sociais, de habitual mecha curta, enchéronse de auténticas barbaridades nun ou noutro sentido e o PP comezou a apañar selectivamente aquelas que puidese empregar contra o goberno municipal, malia que o único ataque dun membro da corporación fíxoo unha concelleira do PP acusando de vender o seu silencio ás dúas entidades que rexeitaron entrar no balbordo.

Desde o seu nacemento a Festa do Polbo foi profesionalizando progresivamente o servizo de limpeza, o reparto tíquets, o de bebidas, a decoración da carpa, o deseño da súa imaxe… Nunca houbo maior polémica porque o obxectivo foi a mellora da experiencia das visitas. Sempre procurando que cada persoa que chega ese día a Mugardos atope un
motivo para volver en calquera momento. Este ano deuse un paso máis, na procura de que as condicións do produto que levan á boca sexan, simplemente, perfectas. E facer da Festa un reclamo da nosa cociña, dun dos nosos motores económicos.

Calquera chamamento a encher os restaurantes do peirao mugardés, independentemente do seu transfondo político, será benvido. Cumpriremos un mesmo obxectivo.

Share