A Biblioteca que Mugardos merece

Logo do paso de nove corporacións municipais desde a chegada da democracia a Mugardos, a creación dunha nova e verdadeira Biblioteca Pública Municipal fíxose un dos temas centrais neste décimo mandato 2015-2019.

En Iniciativa Cidadá de Mugardos apostamos por ela xa no noso programa electoral, e cando en outubro do 2015 o Pleno debateu priorizar que a Guardia Civil ficase en Mugardos, ofrecéndolle incluso o edificio do Apelón, mantivémonos á marxe, xunto co BNG, porque malia preferir que ficase no Concello, non queriamos que fose cedendo un edificio que para nós era o lugar ideal para instalar a nova Biblioteca. Fomos minoría (8 fronte a 5).

Seis meses despois, en abril do 2016 tentamos, de novo xunto co BNG, que o Pleno se posicionase a favor de destinar o edificio do Apelón a Biblioteca e non a Guardia Civil. A nosa minoría volveuse ratificar, con só 5 votos a favor (ICM + BNG) e 7 en contra (PP + EU). O Apelón como “opción A” esvaíase.

Aínda conscientes da minoría á hora de levar a Biblioteca ao Apelón, cando EU, ICM e BNG chegamos a un acordo común para gobernar, a Biblioteca seguiu sendo unha prioridade, que se plasmou nun documento que procura facela realidade antes do 2019. En agosto EU, ICM e BNG asumimos o goberno e desde entón traballamos en poder dispor desa “opción B” que poida darlle a Mugardos a Biblioteca que leva décadas demandando. O Goberno Municipal solicitou un informe técnico dos requirimentos dunha nova Biblioteca á bibliotecaria municipal, e consultou cos redactores do novo PXOM as alternativas sobre as que seguimos traballando.

Non foi ata setembro cando naceu a Plataforma pola Defensa de Apelón para a Educación, coa que ICM nos reunimos sempre que nolo pediu. En dúas ocasións mantivemos xuntanzas ICM-Plataforma, e xa en varias ocasións atendimos no Concello as consultas que nos fixeron varios dos seus membros destacados. A última delas o pasado mércores 4 de xaneiro, cando durante case unha hora o Concelleiro de Urbanismo, Miguel Bastida, atendeu no Concello as dúbidas de Javier G. Dieste. Desde o primeiro momento amosamos o noso compromiso con facer realidade a nova Biblioteca por enriba da súa localización. En facer primar o QUE sobre o ONDE, tal como suxiren os técnicos municipais.

Se ben o ton oficial da Plataforma con ICM e o Goberno Municipal en xeral foi ata hai pouco cordial, no último comunicado diríxenos acusacións como a de actuar “de forma sixilosa, e case fantasmagórica”, ou incluso de “aparecer informes exprés con aleivosía e premeditación”, como se o informe técnico da bibliotecaria (que proxecta unha Biblioteca moderna e multifuncional, na mesma liña que a que propón a Plataforma) fose unha ameaza, e non unha oportunidade. O comunicado chega a facer un xuízo de valor impropio da natureza do colectivo cando di que “a cultura esmorece sen que á nosa clase política local pareza preocuparlle o máis mínimo”, desviándose cara un discurso claramente hostil que consideramos un grande erro.

Entrementres o PP, aproveitando toda ocasión de enredo, semella apoiar os obxectivos da Plataforma, cando foi o propio Juan Domingo Deus quen ofreceu sendo Alcalde o Apelón á Guardia Civil. Malia as súas acusacións de “ocultismo”, o actual Goberno Municipal presentou xa aos grupos o informe técnico solicitado á bibliotecaria, mentres que o PP nunca fixo público o que se redactou no seu mandato.

O Apelón é, para ICM, a “opción A” para unha nova Biblioteca. Pero esa “opción A” non é maioritaria no conxunto da Corporación, unha realidade que nos levou a traballar desde entón en ter unha “opción B”. Respectamos que a Plataforma aspire agora a conquerir a mesma “opción A” pola que ICM estivo loitando moito antes do seu nacemento, pero non podemos aceptar que nin a Plataforma, nin algún dos membros que a compoñen acusen a ICM de dar “a calada por resposta”, ou ao conxunto do Goberno Municipal de non traballar por darlle a Mugardos a Biblioteca que merece logo do paso de nove corporacións democráticas.

Share