Maior atención á cidadanía sen aumentar nin un céntimo o gasto da Corporación

“Iniciativa Cidadá de Mugardos non recibirá dedicación algunha mentres sexa oposición ao goberno”. Así rematou a súa intervención o portavoz de ICM no Pleno do 7 de agosto do 2015, cando a corporación establecía as súas retribucións.

comparativa_retribucions

Entendimos hai un ano, igual que entendemos agora, que non era asumible o “café para todos”. Renunciamos á dedicación parcial de 12.000 euros brutos anuais que se nos ofrecía. Desde entón desenvolvemos a nosa labor de oposición ao goberno dignamente, asistindo a tódolos órganos aos que fomos convocados, conciliándoo coa nosa vida laboral cando foi preciso, e preparando nas horas no Concello, en grupos de traballo na nosa sede e mesmo na casa as comisións e plenos sempre con actitude propositiva. Nunca foi para nós un impedimento que ninguén en ICM percibise unha dedicación na oposición.

Tamén entendimos daquela, como facemos agora, que as funcións de goberno teñen un plus de responsabilidade que non ten a oposición. Non esixe o mesmo esforzo o control político ao goberno, que a propia gobernanza do municipio. Isto último é compartido polo resto de grupos da corporación.

O acordo ao que se chega é o punto de encontro entre posicións diferentes, de partida, que souberon acadar un entendemento. Fronte a isto, a alternativa da oposición consistía en manter os mesmos 12.000 € actuais para as dedicacións parciais da oposición, cando agora iso é o que percibirán as do goberno. Non era aceptable para nós.

O novo Goberno Municipal marcouse como obxectivo mellorar e ampliar a atención á cidadanía. Desde as 7:45 e ata as 15:00 haberá, tódolos días, cando menos un membro do executivo a quen poida dirixirse cada persoa que entre no Concello. En breve, tamén nas tardes dos mércores a veciñanza atopará as portas abertas. Engádense, ademais, as medidas para o aumento da eficacia e eficiencia da xestión administrativa nas que xa estamos traballando e das que agardamos importantes resultados. Todo sen aumentar un só céntimo o custe da Corporación.

Os nosos esforzos céntranse na mellora dos servizos que o Concello de Mugardos ofrece á cidadanía.

Share