“Hemos cumplido la Ley escrupulosamente”

“Hemos cumplido la Ley escrupulosamente”

Esta é a afirmación categórica que o actual Alcalde fixo o pasado día 4 ás portas do Concello perante as súas simpatizantes. Enganounas.

  1. O 26 de xuño do 2015 o goberno municipal asinou un contrato para o alugueiro de maquinaria por un período de 4 anos. O 15 de outubro do 2015 contratouse o servizo de mantemento dunha das fotocopiadoras do Concello por un período de 5 anos. A Lei de Contratos do Sector Público establece que os contratos menores non poderán superar un ano de vixencia, e aqueles de duración superior deberán ser tramitados mediante un procedemento aberto (ben mediante convocatoria de contratación, ben mediante negociado directo con varias empresas) que non se cumpriu en ningún dos casos.
  2. O 11 de agosto do 2015 o goberno municipal asinou un contrato para o mantemento informático do Concello de Mugardos. Trátase dunha “necesidade permanente”, polo que debeu ser tramitado un expediente de contratación aberto. O contrato cumpre o ano mañá mesmo, sen que exista aínda un prego de contratación para a renovación do servizo nos termos que marca a Lei.
  3. O 30 de agosto do 2015 comezou a subministrar os cartuchos de tinta para as impresoras do Concello unha nova empresa, sen embargo non consta contrato algún. A Lei de Contratos non só obriga á sinatura deste, senón que aqueles servizos que cubran unha “necesidade permanente” (ou sexa, aquelas necesidades que son previsibles e continuas no tempo, e non froito de situacións puntuais) deben ser contratados mediante un procedemento aberto.
  4. En setembro do 2015 o Concello de Mugardos comezou a inserir publicidade na web da Asociación Cultural Galicia Ártabra Digital de xeito ininterrumpido ata hoxe por valor de 181,50 €/mes (2.178 €/ano, máis que a moitas das asociacións de Mugardos). Non consta contrato algún e o goberno terá que determinar se o considera “necesidade permanente” para iniciar un procedemento aberto de contratación.
  5. Rematado o 2015 as facturas por subministro de combustibles superaron os 30.000 €; por servizos de xardinaría 47.000 €; e por materiais de alugueiro de maquinaria para obras 27.000 €. A Lei establece para os contratos menores un tope máximo de 18.000 €.
  6. O goberno municipal chegou a ter contratadas a dúas empresas ao mesmo tempo (entre o 21 e o 26 de febreiro do 2016) para o mesmo servizo de mantemento do alumeado, o que supón outra vulneración máis da Lei de Contratos do Sector Público.

Os datos que estes días circulan polas redes sobre a xestión do goberno anterior, ao igual que estes que facemos públicos agora, non están ocultos aos ollos da Intervención Municipal, que notifica constantemente aos órganos estatais cada incidencia que detectan. A Administración Pública conta con dúas ferramentas fundamentais de fiscalización dos Concellos: a Intervención Municipal, como control interno, e o Consello de Contas de Galicia e o Tribunal de Cuentas do Estado, como control externo. Estes últimos non actúan a petición dos concellos, senón en base a plans de traballo propios, como xa ten reiterado o Tribunal de Cuentas.

O propio PP incorreu este último ano no mesmo tipo de irregularidades que denuncia. Significa iso que tanto o anterior goberno como o actual son corruptos? Ou pola contra, significa que o Concello de Mugardos arrastra de xeito crónico un mal sistema de traballo en cuxa solución hai que centrar os esforzos?

O PP débelle unha explicación ao pobo.

Mugardos, 10 de agosto de 2016.

Iniciativa Cidadá de Mugardos

 

10945093_1539067193023327_1966218727975526022_o

Share