Iniciativa Cidadá de Mugardos, perante a manipulación informativa do PP

O acordo de goberno acadado entre EU, ICM e BNG marcará o futuro de Mugardos nos vindeiros anos asentándose na capacidade de diálogo e consenso, e no traballo colaborativo. Este mesmo é o espírito co que naceu a nosa propia organización e o que fai que teñamos hoxe unha grande ilusión por comezar.

Non deixaremos de dar detalle do programa en común que agora nos une, mais perante o actual clima de crispación ao que está arrastrando o PP a parte da veciñanza, sostido principalmente na suposta “desaparición” de 18 millóns de euros descuberta pola auditoría, queremos dar conta da nosa visión dos feitos:

O PP fixo da auditoría un dos piares da súa campaña electoral. Unha vez que accedeu á Alcaldía, e o mesmo día da toma de posesión no cargo da interventora provisional (11/8/2015), encomendoulle a esta a súa elaboración. Esta solicita apoio externo, e para iso o PP contrata unha empresa privada mentres nós solicitamos que se seguisen os procedementos públicos, en base a un informe xurídico ao que tivemos acceso.

Durante meses o PP usou a auditoría como escusa polo atraso na presentación dos orzamentos, no pagamento de facturas, nos convenios coas asociacións, etc. A medida que a auditoría avanzaba, o PP foi cambiando o seu discurso e comezou a perder importancia. Ata o punto de que en abril xa non agardaban os orzamentos pola auditoría, senón que a auditoría agardaba polos orzamentos. A partir de entón os grupos da oposición preguntamos en cada comisión por ela e comprobamos como comeza a baixar posicións na lista de prioridades do goberno do PP.

O 2 de xuño (lembren esta data) a empresa que asistía ao departamento de Intervención entrega os datos. A partires de entón fica só pendente de que este departamento emita o seu informe.

Os grupos da oposición insistimos en coñecer a lista de prioridades do goberno para o departamento, e finalmente comprobamos que a auditoría xa é a quinta (por detrás da aprobación da ordenanza do SAF, a Liquidación do 2015, a Conta Xeral e o Orzamento do 2016). Sendo así, pedímoslle ao goberno acceso, cando menos, aos datos da empresa, pero este négase nese momento a facilitalos.

O 29 de xuño sae na prensa que EU, ICM e BNG manteñen conversas para un posible cambio de goberno. Esa mesma mañá, a última hora e coa interventora municipal de vacacións, o PP (agora si) entrega copia dos datos á oposición ao mesmo tempo que envía á prensa as súas propias interpretacións dos datos da empresa auditora, sen agardar polo informe municipal. Danlle tratamento de gran caso de corrupción, apelan enganosamente á intervención do Tribunal de Cuentas e elevan a 18 millóns de euros as “irregularidades” detectadas, que ao pouco convértense en 18 millóns “desaparecidos” e rematan por ser 18 millóns “roubados”. Afirman que a moción de censura faise para parar a auditoría (a esa altura levaba xa un mes rematada).

O PP “esquece” convocar a seguinte comisión de facenda, do 7 de xullo, evitando dar explicacións sobre as publicacións feitas. Entrementres, desde ICM procuramos asesoramento profesional por ata 3 vías distintas, coincidindo todas elas no marcado enfoque político que o PP lle deu desde o inicio, no baixo grao de deficiencias detectadas (como tamén indicaría o Consello de Contas), e no habitual dos erros detectados no común dos concellos de Galicia (algúns nin tan sequera teñen inventariado o seu patrimonio).

O 21 de xullo o PP sométese por fin a unha nova comisión de Facenda para dar explicacións dos datos da auditoría e as súas publicacións na prensa. Chega a recoñecer que “se se estivese falando de delitos, xa estarían no xulgado”. Mentres tanto, o seu discurso público é radicalmente contrario e continúan a xerar confusión na veciñanza insunuando delitos.

É o 26 de xullo cando o Alcalde encomenda a redacción do informe final da auditoría ao departamento de Intervención Isto confirma cando menos dúas cuestións: 1) que o Alcalde demorou deliberadamente o infome final, e 2) que mentiu cando o 29 de xuño asegurou na prensa que o informe estaría listo nunha semana, posto que aínda tardaría case un mes en solicitalo. O 4 de agosto, tres días despois de presentada a moción de censura, o departamento de Intervención emite o seu informe sobre a auditoría e Juan Domingo Deus publícao no seu Facebook persoal antes que na propia web do Concello. As valoracións finais (páxs. 10 e 11) coinciden coas indicacións do Consello de Contas e coas que nos fixeran a ICM ata 3 asesores distintos: “defectos leves”, erros de procedemento subsanables e a necesidade de mellorar o método de traballo do departamento para evitar que continúen sucedéndose este tipo de situacións (o PP xa acumulou durante este ano varios incumprimentos da Lei respecto á contratación de servizos de publicidade en medios, libros, material funxible para impresoras, dietas, combustible, talleres de reparación…).

En conclusión:

O PP xogou coa auditoría a un dobre ou nada. A medida que os resultados ían frustrando as súas expectativas fíxoa desaparecer do seu discurso público, ata que soubo da posibilidade dunha moción de censura. A partires dese momento montou a súa propia película, á marxe dos informes oficiais, confundindo e instigando á xente con datos e interpretacións sesgadas que só serviron para crispar o ambiente político. Desde xente da súa propia candidatura e o seu entorno as acusacións chegaron a falar do manexo de “diñeiro en B” e “destrucción de probas”, insistindo especialmente na “desaparición” de 18 millóns de euros do patrimonio municipal.

O noso cometido é informar á cidadanía con seguridade do que os departamentos de Intervención e Secretaría nos trasladan a nós, e despois de consultalos directamente temos que dicir que: 1) é FALSO que desaparecesen 18 millóns de euros do patrimonio municipal, e 2) é FALSO que existan indicios de delito en resultas da auditoría (isto último tamén confirmado polo propio portavoz do PP na Comisión de Facenda o 21 de xullo). Si é certo que o Concello de Mugardos necesita mellorar moito o seu funcionamento para poder ser eficaz, e esa foi a nosa teima desde o primeiro día.

Por último, respecto á xestión das contas municipais, é oportuno dicir que o actual Alcalde de Mugardos ten aínda pendente levar ao Pleno os reparos, por non axustarse á Lei, que lle puxo o departamento de Intervención ás súas actuacións, algo que evitou facer ata agora pero que o obrigou a convocar un Pleno extraordinario para o vindeiro 9 de agosto.

Aclarado isto, para nós comeza agora un novo camiño cara un Mugardos mellor que queremos afastar das liortas continuas e do enredo e confusión á cidadanía buscando réditos partidistas. É preciso normalizar a vida política do noso Concello e imos seguir traballando para iso.

Share