A parálise do goberno municipal asfixia as entidades sociais de Mugardos

asociacions

Desde o 2014 o Concello de Mugardos mantén coas principais entidades sociais de Mugardos convenios de colaboración. Así, estas asociacións pasaron a financiarse de xeito directo mediante estes acordos, deixando para as restantes asociacións do  municipio as subvencións en concorrencia competitiva.

No 2015 os convenios de colaboración supuxeron unha inxección económica de 62.000 € nestas entidades sen ánimo de lucro. Cada unha delas percibiría o seguinte:

1. S.D.C. Galicia de Mugardos 20.000 €
2. Club do Mar 19.000 €
3. Casino Mugardés 5.500 €
4. Casino Progreso de Franza 4.000 €
5. S.C.R.D. San Xoán de Piñeiro 4.000 €
6. S.A.P.G. O Seixo 4.000 €
7. María Belén Toimil 3.000 €
8. Portomagno 2.000 €
9. Rondalla Mugardesa 2.000 €
10. Asociación Comunidade O’ Zulo 1.500 €

O 50% destas cantidades aboouse coa sinatura do convenio, o 11 de xuño do ano pasado, no último suspiro da corporación 2011-2015. A segunda metade sería aboada ao remate do exercicio, coa xustificación dos gastos.

Sen embargo, case todas as sociedades tiveron serios problemas para recibir do Concello este segundo pagamento dos convenios, que se demorou ata os meses de abril e maio.

Pero o pior non rematou aí. Actualmente o goberno municipal nin tan sequera comezou a negociar con cada entidade a renovación do convenio para o 2016, cando xa transcorreu máis da metade do ano e moitas das actividades conveniadas foron xa celebradas e costeadas polas propias entidades. A situación afoga ás directivas, que chegan a verse na necesidade de adiantar cartos do seu propio peto ou incluso cuestionar a organización dalgunhas das actividades. Mentres, o equipo de Juan Domingo Deus continúa sen dar prioridade a unha solución para as entidades sen ánimo de lucro mugardesas.

Subvencións

Á marxe dos convenios de colaboración que o Concello subscribe con algunhas entidades, unha segunda partida orzamentaria destínase a subvencións a outras entidades sociais (asociacións veciñais, ANPAs, amas de casa…) que se distribúen en base a uns criterios máis ou menos definidos (para ICM é fundamental establecer baremos moito máis transparentes).

Para estas, a situación é tanto ou máis dramática que no caso dos convenios: o Concello, en pleno mes de xullo do 2016, nin tan sequera ditaminou sobre o reparto das subvencións do 2015, o que significa que as entidades non saben aínda cantos cartos recibirán polas actividades que xa desenvolveron o ano pasado. Unha demora insólita que asfixia o movemento asociativo do Concello de Mugardos.

Iniciativa Cidadá de Mugardos, xunto co resto de grupos da oposición, leva xa meses apremiando ao grupo de goberno para solucionar este problema. Este tomou a decisión de non negociar con ningunha entidade mentres non se resolvesen os convenios de todas elas, o que supón non só un grande erro de planificación eficaz do traballo, senón tamén un “castigo” a aquelas que responderon máis rapidamente ás indicacións feitas polas traballadoras municipais para corrixir a documentación presentada.

Desde ICM consideramos que existe unha relación directa entre esta situación de parálise e a producida pola inexistencia de orzamentos municipais para o ano 2016, cuxo borrador tería que estar presentado en outubro do 2015 e do que aínda nada se sabe. Todo isto evidencia as importantes eivas na xestión financeira do goberno do Partido Popular en Mugardos.

Share