Comunicado sobre o noso posicionamento respecto do grupo de Emerxencias supramunicipal, e ante o acaecido no pleno do 17-06-2016

O Pleno de onte foi unha nova encerrona do PP, instalado desde hai un ano nunha política de cartón pedra. Incapaz de xestionar o día a día do Concello, tenta ocultalo con discursos demagóxicos nos Plenos, fronte ao público, que pouco ou nada teñen que ver coa realidade que se vive nas comisións.

Durante meses estivemos solicitando a información necesaria para tomar a decisión máis acertada sobre o GES. Durante meses o goberno evitou darnos esa información. Durante meses, o goberno recoñecía coa boca pequena que o GES “era inviable” económicamente e seguía sen cobrar as intervencións, cando cumpre xa un ano na Alcaldía.

O PP puido ter levado a renovación do GES a Pleno hai xa meses. A información que presentaba onte era a mesma que había meses atrás: varios informes técnicos contraditorios (uns favorables, outros desfavorables). Nada novo. E sen embargo, agardou ao 17 de xuño, en campaña electoral, para facer pública unha posición que non se corresponde co que insinuaba en comisións, tentando deixar en fóra de xogo aos grupos da oposición. Sabía da nosa negativa a asinar a cegas e xogou cos tempos, entregando só unhas horas antes do Pleno a previsión de cobros polas intervencións.

Onte o PP retirou o punto da orde do día, logo de esixirmos a entrega por escrito da toda a información necesaria para clarificar a situación. Isto confirma a encerrona e o recoñecemento implícito de que quedan aínda moitas dúbidas por despexar.

A ICM preocúpalle a viabilidade dun servizo de emerxencias rodeado de incertidumes. Unha decisión equivocada, ou curtopracista, podería hipotecar o futuro económico dun concello que está a piques de baixar dos 5000 habitantes e perder capacidade de financiamento. Un paso en falso pode supoñer graves recortes nos servizos públicos que o Concello ofrece á veciñanza nun prazo de só 4 ou 5 anos.

Mugardos, 18 de xuño de 2016.

10945093_1539067193023327_1966218727975526022_o

Share