Un paso adiante na Festa do Polbo

A Festa do Polbo de Mugardos, declarada no 2009 de Interese Turístico de Galicia, non é unha festa do polbo máis. Non compite con Carballiño, nin se lle asemella ás de Bueu, Mos ou Porto do Son. A Festa do Polbo de Mugardos é a festa dun prato diferente, a festa do “polbo á mugardesa”.

O noso prato distínguese fundamentalmente por ser un guiso co seu rustrido de cebolas e pementos máis os cachelos. Ninguén dubida da fama internacional do polbo “á feira”, pero é ben seguro que a segunda receita de polbo máis popular da cociña galega é “á mugardesa”.

Para gozar do polbo á mugardesa no seu esplendor hai que visitar Mugardos, se ben é certo que sabemos dalgúns restaurantes polo mundo que tamén o locen na súa carta. Así é que temos no polbo á mugardesa a principal carta de presentación dunha vila coñecida fundamentalmente como destino gastronómico.

Un proxecto a longo prazo

Con tales ingredientes o seguinte paso era facer do “polbo á mugardesa” unha marca claramente recoñecible. Ser conscientes do feito diferencial e marcarse un obxectivo a
medio e longo prazo. A “Festa do Polbo de Mugardos” tiña que dar un paso á fronte e deixar de verse a si mesma como un día de festa para converterse na bandeira da restauración de Mugardos. No máis grande acto de promoción do noso produto, non para visitar Mugardos o segundo sábado de xullo, senón en calquera momento.

É ese enfoque estratéxico o que explica en boa medida os cambios na súa 27a edición. O protagonismo do noso prato en salóns gastronómicos, a identificación clara da Festa cos seus ingredientes (a diferenza de anos anteriores), o recoñecemento a nivel galego dos creadores da súa imaxe (Rei Zentolo seguiu o camiño explorado no 2015 con Xaquín Marín) a aposta decidida pola promoción dunha xoia musical como “Pulpo á mugardesa”, de Os Peregrinos, que xa forma parte para sempre do noso patrimonio cultural… e o cambio fundamental hoxe en boca de tanta xente: o cambio no seu formato.

Sigue lendo

Share