Peonalización do peirao de Mugardos

Dende os primeiros pasos da ICM e tal e como recollemos no noso programa electoral, o desexo de fomentar a transformación do pobo pensando na veciñanza de xeito que permita as relacións sociais, é patente para nós. Queremos ver as crianzas xogando nas rúas e que poidan ir soas ás escolas. Queremos un pobo seguro, no que as nosas persoas maiores poidan desenvolverse sen atrancos nin barreiras arquitectónicas.
Queremos que Mugardos sexa un lugar de referencia como pobo amigable e con calidade de vida.

É necesario limitar a invasión dos coches nos espazos públicos e apostar pola concentración das zonas de aparcamento máis que na dispersión, unha localización que permita tanto o achegamento aos puntos de interese como que disuada do uso do vehículo privado. Regular, reordenar e calmar o tráfico, limitando a velocidade no entorno urbano a 30 km/h, dando prioridade ao transporte público e aos medios non contaminantes, e peonalizar os contornos de valor turístico, comercial e histórico-artístico son temas primordiais.
Todo de forma progresiva e co consenso dos sectores afectados.

A peonalización do peirao de Mugardos será unha realidade os meses de xullo, agosto e setembro, nun primeiro paso para poder gozar de Mugardos a pé.

Entre todas debemos cambiar os hábitos, poñer da nosa parte e pensar no conxunto. Rúas nas que poder deixar as crianzas xogar, beirarrúas e espazos accesibles nas que as persoas con mobilidade reducida non encontren continuos atrancos pasan por todas nós, un Concello de Mugardos amable e sociable pasa pola veciñanza.

Share