Os primeiros orzamentos con investimento en participación cidadá

O Goberno Municipal de Mugardos ven de presentarlle aos grupos da oposición o proxecto de Orzamento Municipal do 2017, unha ferramenta fundamental para poder desenvolver un proxecto político sólido. Serán os primeiros en dotar dunha planificación presupostaria ao noso Concello, logo do ano en branco que supuxo o goberno de Juan Domingo Deus. Serán tamén os primeiros orzamentos da Iniciativa Cidadá de Mugardos e os primeiros en contar con investimento en procesos participativos.

En liñas xerais, Mugardos mantense como un dos concellos do seu tamaño con maior implicación no benestar social, tanto en servizos asistenciais como de promoción social e cultural, cun importante financiamento ao movemento asociativo, abandoado á súa sorte polo anterior goberno do PP. Mais incorporarán novas partidas que porán en marcha o concurso de ideas para realizar unha actuación integral no centro de Mugardos, creando espazos verdes e dotándoo dunha nova biblioteca municipal, a actualización do estudo da edificación do casco antigo da vila de Mugardos, e a posible recuperación da Oficina de Rehabilitación, a ampliación da rede de marquesinas para o transporte público, a creación dun comedor escolar no colexio Santiago Apóstolo de Franza, xunto con melloras nas instalacións do Unión Mugardesa e un salto importante na modernización tecnolóxica dos servizos municipais.

O proxecto de Orzamento Municipal presentado debuxa tamén un novo escenario na relación da administración local coa veciñanza. Neste sentido, suporán un paso adiante o arranque do proceso de Orzamentos Participativos nos que o conxunto da cidadanía achegará, analizará e determinará sobre as súas propias propostas de investimento nas parroquias. Xunto con eles, a imprescindible renovación do Mercado de San Telmo escoitará tamén aos sectores implicados no seu futuro. Non rematará aquí a implicación veciñal, que será consultada para o desenvolvemento do primeiro Plan Estratéxico, un documento fundamental para definir un proxecto común de municipio entre concello e cidadanía.

Desde Iniciativa Cidadá de Mugardos celebramos este principio de acordo acadado con EU e BNG, e que xa está a disposición de PP e PSOE.

Share