Vídeo do acto “Medrar en galego é posible”

cartel

Vídeo da xornada realizada para conmemorar o Día Mundial da Lingua Materna realizado en colaboración entre o grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas e Iniciativa Cidadá de Mugardos e contanto coa axuda da Sociedade Amigos da Paisaxe Galega O Seixo e escola Semente de Trasancos.

O acto “Medrar en galego é posible” foi presentado por Xurxo Gago e nel participaron Juan Fernández (veciño de Mugardos), Ladislao da Regueira (pintor), Roger de Flor (cantautor fenés), Serafín Álvarez (director do IES de Mugardos), Gelo Paz (educadora social e traballadora no centro de maiores de Ortigueira) e Ana Rico (educadora infantil e membro da Semente de Trasancos).

Sigue lendo

Share

Familias de Mugardos e Ares pagarán máis polo saneamento que outras de ingresos superiores

Unha familia de 4 membros tería unha bonificación do 25% ingresando 800 €, pero pagaría a totalidade do servizo ingresando 700 €.

O PP alegara en decembro do 2014 contra as táboas que agora aproba.

O Concello de Ares reproduce os mesmos criterios incongruentes de Mugardos.

As ordenanzas fiscais que regulan o pagamento dos servizos de auga, lixo, sumidoiros e saneamento no Concello de Mugardos presentan graves incongruencias. Así o detectou a Iniciativa Cidadá de Mugardos logo de estudar a proposta presentada polo PP para a ordenanza que regula o servizo de saneamento e confirmar cos servizos técnicos municipais a arbitrariedade dos criterios á hora de bonificar as familias.

bonificacions_ordenanzas

Esta arbitrariedade non afecta só a Mugardos, xa que o Concello de Ares conta cunha táboa de bonificacións idéntica na ordenanza fiscal sobre o saneamento. E non só iso, senón que os mesmos criterios esténdense en Mugardos aos servizos de auga, lixo e sumidoiros.

Segundo estes baremos, unha familia de 4 membros e uns ingresos de 600 € estaría exenta de pagar os servizos, a mesma familia ingresando 700 € pagaría a totalidade, con 800 € obtería unha bonificación do 25%, e con 900 € ou máis volvería pagar a totalidade do servizo.

Esta situación vense producindo en Mugardos, cando menos, desde o 16 abril de 2012, coa publicación no BOP dun paquete de 6 ordenanzas fiscais que xa presentaban estes criterios. A última actualización publicouse o 22 de maio de 2015, en vésperas das últimas eleccións municipais pero limitouse a substituír o indicador de renda, que pasaba de ser o SMI ao IPREM. A debida progresividade fiscal continuaba a ser totalmente caótica.

En decembro do 2014 o PP de Mugardos presentaba alegacións contra estas táboas nas ordenanzas de auga, lixo e sumidoiros, que non foron aceptadas polo goberno anterior. Sen embargo, oito meses despois da súa chegada á alcaldía presentaron en comisión unha proposta de reforma da ordenanza do saneamento que unicamente cambia a periodicidade dos cobros de semestral a trimestral, pero mantén intactos os criterios aos que se opuxeron hai só 14 meses e que serán aplicados ás familias mugardesas neste 2016. Iniciativa Cidadá de Mugardos rogou na última comisión de Facenda que se abordase con urxencia esta cuestión para atallar o prexuízo á veciñanza, mais en palabras do Alcalde xa non hai tempo para que a corrección sexa efectiva neste ano.

Share

Alegación ó proxecto das curvas da Fonte Grande

Mañá (04/02/2016) haberá un pleno extraordinario urxente ás 13:30 horas no que se aprobarán as alegacións que vai facer o Concello ao proxecto da Xunta. Estas alegacións que poñeremos á disposición da veciñanza tan pronto remate o Pleno básanse en 4 puntos.

Infografía curvas da Fonte Grande

Infografía curvas da Fonte Grande

  1. Dar solucións á perigosidade da primeira curva dirección Mugardos.
  2. Engadir alumeado e beirarrúa ou senda ao novo trazado.
  3. Darlle total acceso ás vivendas e empresas xa que o proxecto déixaas ailladas.
  4. Que a Xunta asuma os terreos que quedan inutilizados entre o novo trazado e a estrada actual.

Á marxe das alegacións que o Concello presente, Iniciativa Cidadá puxo dende onte á disposición da veciñanda 2 modelos distintos de alegacións.

  • a) Alegación á totalidade do proxecto. [Arquivo en: PDF, DOCX, ODT]
  • b) Alegacións aos catro puntos citados anteriormente. [Arquivo en: PDF, DOCX, ODT]

O prazo para presentar alegación remata o venres 05 de febreiro.

Share