Iniciativa esixe ao goberno municipal unha actitude responsable na reforma da rodaxe

Iniciativa Cidadá de Mugardos reclama responsabilidade ao Alcalde de Mugardos para sacar adiante a mellor das propostas de reforma do IVTM (“rodaxe”). Non é certo o que o goberno municipal manifestou nos últimos días nas redes sociais e a prensa. O Partido Popular non só coñecía con anterioridade a nosa proposta, senón que recoñecía nos corredores do Concello que melloraba a súa.

A opción máis honesta tería sido que o PP retirase a súa proposta e aceptase posteriormente a de ICM. Sen embargo o goberno de Juan Domingo Deus antepuxo o protagonismo partidista á responsabilidade de goberno. O Alcalde deberá explicar por que solicitou a mesma mañá do Pleno a ICM que votase en contra da proposta do PP para posteriormente acusarnos de telo feito.

A alternativa de reforma de ICM provén dun estudo detallado da ordenanza, rigorosa, progresiva e xusta. Corrixe as eivas da ordenanza anterior que non corrixía a opción do PP. Polo tanto, esiximos ao goberno municipal que retome o proceso de reforma da rodaxe. Tentar responsabilizar ao noso grupo de paralizala, ademais dunha falsidade, supón unha irresponsabilidade impropia do máximo representante dun Concello e unha preocupante mostra de sectarismo político.

Share