Diario postelectoral 5

diario_post

Sábado, 30 de maio de 2015.

Na tarde de hoxe celebramos a asemblea pública na que se aprobou a adaptación do punto 2.4 do noso Código Ético e o Regulamento para a Consulta popular. Poderedes consultar a acta, que como xa viñemos facendo habitualmente será publicada na nosa web.

Era o Regulamento da Consulta Popular o punto da orde do día que realmente afectaba ao proceso previo ao Pleno de Investidura, por iso será del do que falemos. Asistiron darredor das 50 persoas e designouse unha Coordinadora da Consulta Popular que será o órgano que arbitre a votación. Estará formada por 7 persoas, das cales unha ostentará a presidencia e 6 formarán parte das dúas mesas electorais que situaremos en Mugardos e Franza. En Mugardos votarán aquelas persoas que declaren como parroquia de residencia Mugardos ou Meá, e en Franza as que declaren Franza/O Seixo ou San Xoán de Piñeiro.

Durante os vindeiros días, ata o 9 de xuño, a xente que comparta o Manifesto da Iniciativa Cidadá de Mugardos poderá apoialo publicamente nas follas de sinaturas que a Coordinadora da Consulta Popular porá a disposición pública. Poderán asinalo todas aquelas persoas maiores de 16 anos que acrediten a súa residencia en Mugardos e non fosen membros doutra candidatura que concorrese ás eleccións municipais do 24 de maio. Poderedes consultar o documento final deste Regulamento en canto o equipo de Organización faga pública a acta de hoxe coas súas modificacións.

O 9 de xuño queremos ter pechadas xa as opcións de voto na consulta para que a xente poida coñecer exactamente o resultado das súa decisión. Que saiban exactamente que goberno resultaría de unha ou outra opción. O seguinte día, mércores 10, celebraremos un acto público de información e debate sobre as propostas de voto e o xoves 11, dous días antes do Pleno de Investidura, celebraremos a Consulta Popular cuxo resultado será vinculante para as 3 persoas que representarán os 540 votos da Iniciativa Cidadá de Mugardos.

No tocante ás conversas con outras organizacións, no día de hoxe non se produciu ningún contacto.

Share

Diario postelectoral 4

diario_post

Venres, 29 de maio de 2015.

Acudimos a unha xuntanza convocada por EU, xunto con BNG e PSOE, na que valoraríamos a formación dun goberno que representase a vontade maioritaria da cidadanía expresada nas urnas o 24 de maio. Estivemos presentes Pilar Díaz, Genaro Prieto, Lola González e Tano López por parte de EU; Javier G. Dieste, Miguel Ángel Bastida, Paula Morgade e César Pena por parte de ICM; Argemino Varela e Tania Fernández por parte do BNG; e Gabriel Bujones, Cristina Otero, Luis Dieste e Juan Toimil por parte do PSOE.

Fíxose en primeiro lugar unha interpretación dos resultados electorais na que se observou claramente un estancamento da proposta do Partido Popular e un movemento do electorado de EU —en menor medida—, BNG e PSOE cara a Iniciativa Cidadá de Mugardos. Tendo en conta as coincidencias programáticas entre as catro candidaturas, este comportamento explicaríase fundamentalmente no énfase que ICM fixo sobre os valores de transparencia e participación cidadá.

Antes de entrar a analizar as 25 propostas básicas presentadas por Esquerda Unida, desde Iniciativa Cidadá de Mugardos expuxemos a necesidade de definir previamente nun documento o método de traballo, tanto para o proceso de aprobación dun proxecto común como para o posterior desenvolvemento dun posible goberno. Dito documento definiría o procedemento a seguir na toma de decisións, que segundo o plantexado polas organizacións incluiría: a procura inicial de consensos, maiorías ponderadas, planificación conxunta de comisións, referendos recollidos no Regulamento de Participación Cidadá, comisións externas para desbloquear temas, establecemento de fases nos proxectos, control e avaliación periódica da execución do programa común ou a transmisión á cidadanía da acción de goberno.

Pola nosa parte incidimos en que, en calquera caso, os acordos acadados serán sometidos finalmente a unha Consulta Popular, o que faría necesario definir tanto o programa común como o organigrama de goberno para que a xente con dereito a voto puidera coñecer o mellor posible esta opción na consulta.

Decidiuse que é fundamental aprobar este documento para garantir a estabilidade durante o mandato, as dinámicas de cooperación, e a confianza entre as distintas organizacións e por extensión entre a cidadanía.

Encomendouse a Esquerda Unida presentar o borrador deste documento metodolóxico para a súa revisión e aprobación o vindeiro martes. E así finalizou a xuntanza de hoxe.

Por outra parte os grupos de traballo da Iniciativa Cidadá de Mugardos seguen a traballar no borrador do Regulamento da Consulta Popular que mañá sábado se someterá a asemblea.

Share

Diario postelectoral 3

diario_post

Xoves, 28 de maio de 2015.

Hoxe non aconteceu nada relevante. Agardamos pola xuntanza que mañá celebraremos con EU, BNG e PSOE. Durante a tarde estudamos os puntos de encontro nos programas de cada candidatura e coincidimos en que a xente que votou pola Iniciativa Cidadá de Mugardos demanda un cambio fundamentado na participación social e a transparencia (pero non só iso).

Si é preciso matizar unha nova publicada hoxe en La Voz de Galicia, na que se indica que a nosa decisión final tomaríase en asemblea. Como xa se anunciou publicamente en varias ocasións, non será unha asemblea, senón unha Consulta Popular, a que determine o sentido do voto da Iniciativa Cidadá de Mugardos no Pleno de Investidura do sábado 13 de xuño.

Share

Diario postelectoral 2

diario_post

Mércores, 27 de maio de 2015.

Na tarde de hoxe Pilar Díaz mantivo unha conversa persoal con Javier García Dieste concertada esta mesma mañá. Quería coñecer a posición da Iniciativa Cidadá de Mugardos a respecto dun acordo de goberno. O posicionamento trasladado, en base aos nosos principios de participación cidadá, é que o goberno resultante do 13 de xuño sexa aquel que represente ao maior número de persoas posible. Por isto acordouse poñer enriba da mesa cada un dos programas de goberno e valorar os puntos en común e as diferenzas antes de calquera outro avance.

Durante a tarde Javier García Dieste púxose tamén en contacto con Argemino Varela e Gabriel Bujones para poder completar nos vindeiros días unha rolda de contactos con PP, EU, BNG e PSOE. Houbo boa disposición, mais fica pendente marcar a data.

Finalmente, Pilar Díaz enviou unha mensaxe citando a ICM, BNG e PSOE a unha xuntanza o venres 29, onde EU presentará un borrador dun programa de mínimos que recolla os elementos comúns dos programas das catro candidaturas. Á xuntanza poderían asistir ata 4 representantes de cada candidatura.

O froito de tódalas conversas definirá as opcións que finalmente se sometan á Consulta Popular. O regulamento desta sairá da asemblea popular que Iniciativa Cidadá de Mugardos celebrará o vindeiro sábado 30, ás 18:30, no Centro Cívico Municipal.

Share

Diario postelectoral 1

diario_post

Martes, 26 de maio de 2015.

Moitas grazas a toda a xente que confiou na Iniciativa Cidadá de Mugardos o pasado domingo 24. Desde o primeiro momento quixemos que o noso fose un proxecto sustentado nos principios de participación cidadá, renovación, apertura e normalización política. E desde o primeiro momento quixemos demostrar que hai marxe para innovar e construír novas relacións entre o pobo e as persoas que o representan.

Hoxe comezamos un “Diario postelectoral” co que queremos darvos, ao final de cada xornada, información puntual e rigorosa dos pasos que afectan á Iniciativa Cidadá de Mugardos desde agora ata o Pleno de Investidura do vindeiro sábado 13 de xuño. E queremos que nos acompañedes no noso proceso de deliberación que, como sabedes, e en virtude do artigo 1.9 do noso Código Ético, finalizará cunha consulta popular sobre a decisión final a tomar.

O luns á mañá o noso candidato, Javier García Dieste, recibiu a chamada de Pilar Díaz, quen o convidou a participar nunha xuntanza entre EU, ICM, BNG e PSOE para valorar as posibilidades de formar un grupo de goberno maioritario. Non coñecemos a data da devandita xuntanza ata o de agora, xa que Esquerda Unida a decidirá logo da asemblea que celebrará o vindeiro xoves.

O mesmo luns Juan Domingo Deus enviou un whatsapp ao noso candidato felicitándoo polos resultados obtidos e propoñéndolle a celebración dunha xuntanza, sen especificar data, para valorar un acordo de gobernabilidade. Hoxe martes chamouno pedíndolle unha xuntanza para tratar un posible goberno do PP sen pactos pero con acordos puntuais. Os termos definiríanse na xuntanza.

Na propia natureza participativa e normalizadora da Iniciativa Cidadá de Mugardos está a aceptación de calquera proposta de diálogo co pobo e coas persoas que democraticamente o representan. É máis: defendemos firmemente non só o diálogo entre tódalas organizacións políticas, senón tamén entre institucións, asociacións, colectivos sociais e veciñanza en xeral.

Respecto á propia Iniciativa Cidadá de Mugardos, o día de mañá convocaremos a asemblea popular na que aprobaremos o regulamento que rexerá a consulta popular, tal como no seu día fixemos perante as primeiras eleccións primarias abertas celebradas neste Concello.

Share