Acordo da asemblea xeral da I.C.M. sobre as próximas eleccións xerais

Na Asemblea Xeral realizada o 9 de xuño acordouse por maioría facer pública a seguinte resolución:

En relación coa repetición das Eleccións Xerais o próximo 26 de xuño, a nosa Iniciativa, participante no proceso de confluencia de MAREAS EN COMÚN quere manifestar que a análise da situación pólitica actual nos leva a crer que vivimos nun momento histórico de cambio na forma de entender a democracia e polo tanto na participación e na corresponsabilidade das cidadás. Existen duas claras opcións, as que queren que nada cambie, e as que son conscientes da posibilidade dun
cambio real dende 1.978.

Este cambio pasa ineludiblemente por darlle a voz á cidadanía e pola construcción dun proxecto no que as cúpulas partidistas cedan o protagonismo á xente común, esta era a idea na formación de En Marea nas pasadas xerais. Sen embargo, os partidos acabaron lamentablemente impoñendo as suas dinámicas clásicas aproveitándose do caudal das mareas municipalistas e reducindo todo a unha coligazón de organizacións.

É preciso reverter esta situación, pero o momento destas eleccións é demasiado importante como para deixalo de lado, o acordo a nivel estatal co resultado de Unid♡s Podemos fainos apelar á responsabilidade, polo que convencidas firmemente de estar no lugar correcto das MAREAS EN COMÚN, solicitamos o voto para En Marea coa reserva crítica que observamos.

Mugardos, 9 de Xuño de 2016.

10945093_1539067193023327_1966218727975526022_o

Share

Iniciativa Cidadá de Mugardos asina os Principios Básicos das Mareas En Común

Iniciativa Cidadá de Mugardos / Mareas

A asemblea da Iniciativa Cidadá de Mugardos acordou asinar os Principios Básicos das Mareas en Común, e apostar por un modelo de confluencia construído desde abaixo, no que teñan cabida todas as forzas do cambio e no que se exerza a radicalidade democrática. Por iso, participaremos na Marea Viva que, o vindeiro 7 de maio, iniciará os traballos para conseguir a unión das persoas, partidos, organizacións e movementos que desexen levar ás institucións galegas unhas políticas pensadas para a xente.

Iniciativa Cidadá de Mugardos traballa nas Mareas en Común, un proceso formado por iniciativas municipalistas das catro provincias galegas, que ten como obxectivo facilitar a construción dunha alternativa de cambio con posibilidades reais de gañar as próximas eleccións autonómicas, con forza e ilusión para devolverlle as institucións do país á xente común.

Así, cun protocolo de traballo no que todas teñen voz, a Marea Viva estará aberta a todas as persoas que asinen os Principios Básicos das Mareas en Común. Servirá para deseñar un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno.

Os Principios Básicos de Mareas en Común son unha proposta que condensa os fíos de unión entre as forzas do cambio. Calquera persoa ou organización que se sinta representada neles pode asinalos a través da web:

http://mareasencomun.gal/principios/

Desde a ICM sumámonos a este proceso porque é tempo de que a xente común ocupe o espazo que lle corresponde na política institucional, porque abonda de gobernar para as contas de resultados das grandes empresas, porque é hora de traballar con honestidade para deter a privatización da sanidade e o deterioro da educación pública. É o momento de avanzar en común, polo que animamos á cidadanía a implicarse e asinar estes Principios Básicos.

Share