Comunicado do 27 outubro de 2016

euquero

Mugardos, 27 de Outubro de 2.016.

O noso proxecto para Mugardos continúa a súa rota, logo dun ano no que non atopamos máis que atrancos para sacar adiante as nosas ideas e coa limitación de formar parte da oposición a un goberno de costas ó dialogo, agora o Grupo Municipal da ICM é para nos o elemento de transmisión directa co goberno municipal. Poche, Paula e César son os garantes de que agora sí o noso criterio é respectado e forma parte das decisións e actuacións municipais. Na Agrupación traballamos en contacto permanente con eles, son o mellor instrumento para facer realidade os puntos programáticos que de forma colaborativa plasmamos con ilusión un grupo de veciñas e veciños, as nais e os pais desta Iniciativa. Ese é o noso maior compromiso, con esas persoas, coas que nos votaron e por suposto con todo o pobo, pois convencidos estamos do seu beneficio, e nese compromiso poñemos todo o noso empeño.

Somos plenamente conscientes da gran oportunidade que temos, e queremos facer consciente á veciñanza da ferramenta que teñen a súa disposición, queremos ser ese punto de axuda para a solución ós seus problemas e inquedanzas, ser o contacto con as máis das veces insensibles Institucións. A nosa vocación é transformadora dunha realidade que non nos gusta, unha realidade ó servizo duns intereses alleos á maioria. O concello non é unha burbulla independente e impermeable ás circunstancias externas, unha situación de crise xeralizada, económica, social, cultural, de perda da identidade, acaba inevitablemente afectando a Mugardos, o “non me fales de política, que non me interesa, solo quero facer por Mugardos” é unha saida moi na boca, precisamente dos que tentan desmarcarse das impopulares políticas de recortes e austeridade e logo buscan sen pudor nengún a foto cos xefes, cos donos das tesoiras. E hai xente que cae na trampa desa simplificación da realidade. Queremos cambiar Mugardos pero para
eso é preciso tamén que a xente deste pobo estea convencida de que un urbanismo racional, máis humano, é posible, que o ecoloxismo e non o consumo sen fin é a base dun pobo sustentable, que a educación e o respecto ó próximo é a base da convivencia, e que a colaboración e a solidariedade son fundamentais para acabar coa desigualdade e acadar obxectivos comúns. O presente e o futuro de Mugardos pasa por participar cada un de nós, activamente na súa construcción.

En outubro do ano pasado a Asemblea Xeral da ICM aprobaba maioritariamente o regulamento de organización interna, dotándonos dun documento indispensable para o noso funcionamento, nel apostouse pola afiliación como a figura para acadar plenos dereitos na Agrupación. A Coordinadora Xeral elixida o 9 de marzo deste ano fixo firmes os acordos asemblearios e abriu o proceso de afiliación, manifestando así mesmo a súa vontade de explorar e estudar outras posibilidades alternativas á mesma. Dicíamos entón: “Pensamos que non todo o mundo pode ou quere telo mesmo grao de implicación neste proxecto e queremos facilitar e desenrolar a participación de tódalas formas posibles, cremos que a afiliación é unha das mellores, corresponsabilizándose coa ICM, sen desbotar nengunha outra forma de colaboración.”.

Transcorrido agora xa un ano dende a sua aprobación cremos necesaría a súa revisión e tras varias xuntanzas e xornadas de traballo temos ultimado un texto revisado que será sometido á aprobación da Asemblea Xeral que proximamente será convocada.

As modificacións máis salientables céntranse principalmente en habilitar ademáis da afiliación, a vía da colaboración mediante os grupos de traballo para acadar os plenos dereitos como membro da ICM, otorgar dereitos as persoas simpatizantes, regular asembleas abertas a tódala veciñanza, baixar ós 16 anos a idade de admisión, unha nova carta financeira e derogación das anteriores disposicións transitorias.

Iniciativa Cidadá de Mugardos.

Comunicado en [PDF].

Share

Acta da Asamblea Xeral do 09/06/2016

Publicado o 11/08/2016.

Sendo as 20:00 h do día 9 de xuño de 2016 damos comezo a Asamblea Xeral de ICM co seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Solicitude de Ángel Pena Fontenla a vogal da Coordinadora Xeral.
  3. Análise da situación actual da Corporación Municipal. Refrendo as nosas concelleiras.
  4. Definición dos obxectivos programáticos a acadar.
  5. Posicionamento de ICM respecto do 26-X.
  6. Rogos e preguntas.

Comezamos coa lectura do acta anterior e apróbase por unanimidade.

Aprobación por unanimidade da solicitude de Ángel Pena Fontenla para formar parte da Coordinadora Xeral.

Procédese por parte das nosas concelleiras unha vez máis á análise da situación da actual Corporación Municipal en liña co xa manifestado nas últimas asembleas e sobre todo no acto de rendición de contas celebrado o pasado 3 de xuño. Dásenos conta da reunión mantida o mercores 8 de xuño por parte de catro delegacións dos grupos políticos que forman a actual oposición; ICM, EU, BNG e PSOE, coa seguinte orde do día:

  1. Análise dun ano de Corporación Municipal.
  2. Necesidade de crear unha alternativa de goberno para a maioría social.

Nesta xuntanza faisenos entrega dunha proposta metodolóxica para o funcionamento e organigrama do grupo de goberno municipal, así como una proposta programática, todo por parte de EU, do que se da traslado a esta Asemblea e pasa a debaterse. Apróbase por unanimidade refrendar ás nosas concelleiras para abrir un proceso de negociacións, e pásase a definir unha primeira proposta programática e de organigrama de goberno. De alcanzarse algún acordo deberá ser refrendado pola Asemblea Xeral da ICM.

A continuación debátese o posicionamento de ICM respecto do 26-X, chegando ó acordo de redactar un comunicado pedindo o voto crítico para “En Marea”.

No apartado de rogos e preguntas, chéganos unha petición da Rede Galega de Axudas aos Refuxiados, para ver se podemos axudarlles a pegar carteis e repartir pasquíns.

Sen máis levántase a sesión sendo as 22:40 h.

Share

Participa en Iniciativa Cidadá de Mugardos

Se desexas ser informada/o regularmente do traballo da ICM, dos actos que organiza, dar a túa opinión, participar en enquisas, e eres asinante do noso manifesto ata o 1 de abril de 2015 ou doador/a ata o 24 de agosto de 2015, podes enviar os teus datos no seguinte formulario. Os mesmos serán tratados con total confidencialidade.

Se non cumples o requisito anterior pero eres simpatizante da nosa Agrupación podes poñerte en contacto con un dos nosos concelleiros ou coa nosa concelleira para facilitarlle directamente os mesmos.

cropped-cropped-10945093_1539067193023327_1966218727975526022_o.jpg

Share

Apertura do procedemento de afiliación

En cumprimento do regulamento de organización interna da Iniciativa Cidadá de Mugardos abrimos o procedemento de afiliación á mesma recollido no artigo 8 e disposición transitoria 2:

Artigo 8. Admisión.

A calidade de membro da Iniciativa Cidadá de Mugardos adquírese 
coa solicitude  da persoa interesada ante a Coordinadora Xeral, 
segundo o modelo establecido; aprobándose por acordo da maioría 
simple dos membros que asistan á seguinte Asamblea Xeral.

É condición indispensable para ser membro da Iniciativa Cidadá 
de Mugardos a aceptación do Código Ético e o presente Regulamento 
de Organización, e non ser membro doutras organizacións políticas 
que se presentan con candidaturas alternativas nas mesmas 
eleccións municipais.

Existirá na Iniciativa Cidadá de Mugardos o Libro de Rexistro de 
Afiliados/as, onde constarán os datos de altas e baixas 
definitivas.

Disposición transitoria 2.

As persoas asinantes do Manifiesto da Iniciativa Cidadá de Mugardos 
ata o 1 de abril de 2015, os membros da candidatura de ICM e membros 
da Coordinadora en funcións (xa disolta) e doadores ata o 24 de 
agosto de 2015 non terán que ser sometidas ó proceso de aprobación 
pola asemblea da súa afiliación, bastando coa súa solicitude 
presentada ante a Coordinadora Xeral.

Pensamos que non todo o mundo pode ou quere telo mesmo grao de implicación ou colaboración neste proxecto e queremos facilitar e desenrolar a participación de
todalas formas posibles, cremos que a afiliación é unha das mellores, corresponsabilizándose coa ICM, sen desbotar nengunha outra forma de participación.

Cremos nunha democracia directa, con espazos reais de decisión da cidadanía nos asuntos públicos, e traballamos para o cumprimento deste obxectivo.

Impreso de afiliacición: PDF

LogoDocumentos

Share

Convocatoria de eleccións á Coordinadora Xeral

Na pasada Asemblea Xeral realizada o mércores 24 de febreiro, acordouse o seguinte calendario para a renovación da Coordinadora Xeral de Iniciativa Cidadá de Mugardos:

  • Ata o luns, 7 de marzo: presentación de candidaturas individuais (tanto ó posto de Coordinador/a Xeral, como de vogais).
  • Mércores, 9 de marzo: realización da Asemblea Xeral ma que se levará acabo a elección da Coordinadora Xeral.

Segundo recolle o Regulamento de Organización Interna, a coordinadora estará composta por entre 7 e 11 membros, dos cales 1 será o/a portavoz municipal, outro o/a Coordinador/a Xeral, en elección directa, e os restantes (de 5 a 9) membros do órgano directivo, elixidos pola Asemblea Xeral independentemente do/a Coordinado/a. Podendo unha mesma persoa candidatarse para Coordinador/a, para vogal, ou para ambos.

Ata o luns, 7 de marzo, pódese entregar as candidaturas no despacho do Grupo Municipal de ICM no Concello, ou poñerse en contacto con calquera das persoas concelleiras, ou ben escanear e enviar ó correo iniciativacidadademugardos@gmail.com a folla de inscrición cuberta.

Para resolver calqueira dúbida sobre este ou calqueira outro aspecto podense consultar cos integrantes do Grupo Municipal, que de xeito transitorio ata a elección fará as veces de Coordinadora.

Folla para presentación de candidaturas: PDF.

Share