Comunicado do 27 outubro de 2016

euquero

Mugardos, 27 de Outubro de 2.016.

O noso proxecto para Mugardos continúa a súa rota, logo dun ano no que non atopamos máis que atrancos para sacar adiante as nosas ideas e coa limitación de formar parte da oposición a un goberno de costas ó dialogo, agora o Grupo Municipal da ICM é para nos o elemento de transmisión directa co goberno municipal. Poche, Paula e César son os garantes de que agora sí o noso criterio é respectado e forma parte das decisións e actuacións municipais. Na Agrupación traballamos en contacto permanente con eles, son o mellor instrumento para facer realidade os puntos programáticos que de forma colaborativa plasmamos con ilusión un grupo de veciñas e veciños, as nais e os pais desta Iniciativa. Ese é o noso maior compromiso, con esas persoas, coas que nos votaron e por suposto con todo o pobo, pois convencidos estamos do seu beneficio, e nese compromiso poñemos todo o noso empeño.

Somos plenamente conscientes da gran oportunidade que temos, e queremos facer consciente á veciñanza da ferramenta que teñen a súa disposición, queremos ser ese punto de axuda para a solución ós seus problemas e inquedanzas, ser o contacto con as máis das veces insensibles Institucións. A nosa vocación é transformadora dunha realidade que non nos gusta, unha realidade ó servizo duns intereses alleos á maioria. O concello non é unha burbulla independente e impermeable ás circunstancias externas, unha situación de crise xeralizada, económica, social, cultural, de perda da identidade, acaba inevitablemente afectando a Mugardos, o “non me fales de política, que non me interesa, solo quero facer por Mugardos” é unha saida moi na boca, precisamente dos que tentan desmarcarse das impopulares políticas de recortes e austeridade e logo buscan sen pudor nengún a foto cos xefes, cos donos das tesoiras. E hai xente que cae na trampa desa simplificación da realidade. Queremos cambiar Mugardos pero para
eso é preciso tamén que a xente deste pobo estea convencida de que un urbanismo racional, máis humano, é posible, que o ecoloxismo e non o consumo sen fin é a base dun pobo sustentable, que a educación e o respecto ó próximo é a base da convivencia, e que a colaboración e a solidariedade son fundamentais para acabar coa desigualdade e acadar obxectivos comúns. O presente e o futuro de Mugardos pasa por participar cada un de nós, activamente na súa construcción.

En outubro do ano pasado a Asemblea Xeral da ICM aprobaba maioritariamente o regulamento de organización interna, dotándonos dun documento indispensable para o noso funcionamento, nel apostouse pola afiliación como a figura para acadar plenos dereitos na Agrupación. A Coordinadora Xeral elixida o 9 de marzo deste ano fixo firmes os acordos asemblearios e abriu o proceso de afiliación, manifestando así mesmo a súa vontade de explorar e estudar outras posibilidades alternativas á mesma. Dicíamos entón: “Pensamos que non todo o mundo pode ou quere telo mesmo grao de implicación neste proxecto e queremos facilitar e desenrolar a participación de tódalas formas posibles, cremos que a afiliación é unha das mellores, corresponsabilizándose coa ICM, sen desbotar nengunha outra forma de colaboración.”.

Transcorrido agora xa un ano dende a sua aprobación cremos necesaría a súa revisión e tras varias xuntanzas e xornadas de traballo temos ultimado un texto revisado que será sometido á aprobación da Asemblea Xeral que proximamente será convocada.

As modificacións máis salientables céntranse principalmente en habilitar ademáis da afiliación, a vía da colaboración mediante os grupos de traballo para acadar os plenos dereitos como membro da ICM, otorgar dereitos as persoas simpatizantes, regular asembleas abertas a tódala veciñanza, baixar ós 16 anos a idade de admisión, unha nova carta financeira e derogación das anteriores disposicións transitorias.

Iniciativa Cidadá de Mugardos.

Comunicado en [PDF].

Share

Acta da Asamblea Xeral do día 30/06/2016

Publicado o 11/08/2016.

Sendo as 20:00 h do día 30 de xuño de 2016 damos comezo a Asemblea Xeral da ICM co seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Situación actual para unha alternativa de goberno e posicionamento da Asamblea.
  3. Participación da ICM na rede de apoio mutuo “Municipalistas do Norte”.
  4. Rogos e preguntas.

Comezamos coa lectura do acta anterior e apróbase por unanimidade.

Faise un resumo de todo o acontecido no proceso negociador cos diferentes grupos da oposición; onde se explican as diferentes propostas programáticas e organigramas para un goberno municipal.

Os concelleiros tamén fan un resumo das deficiencias que hai no concello pola ineficacia do goberno actual.

Faise unha lectura-resumo da proposta programática á que chegamos neste momento e que se presentará por parte da ICM para a finalización do posible acordo, aprobandose por maioría absoluta dos asistentes, nengún voto en contra e duas abstencións.

Explícanse os diferentes escenarios das posibles propostas de organigrama, e logo da oportuna deliberación pasamos a votar, aprobándose por maioría absoluta da Asemblea Xeral da ICM a seguinte:

Proposta de organigrama na que a Alcaldía sexa para EU, condicionada á prioridade de elección por parte da ICM de 3 presidencias de concellerías.

Apróbase por unanimidade a participación da ICM na rede de apoio mutuo “Municipalistas do Norte”.

Sen máis asuntos a tratar levántase a sesión sendo as 23:20 h.

Share