Asemblea Xeral do 21 de novembro de 2017

Na asemblea celebrada hoxe, a Iniciativa Cidadá de Mugardos dou por roto o Acordo de Goberno do que formaba parte. A pesar de ter proxectos importantes en marcha, e outros que se van materializar nos próximos meses, a metodoloxía de traballo e de toma de decisións de forma unilateral por parte da alcadía, lévanos a tomar esta dura decisión.

A ilusión por dar un xiro na forma de facer política en Mugardos e implicar á veciñanza nas decisións que forman parte do presente e futuro da nosa vila, non ten cabida cos métodos da vella política, veuse co goberno de Juan Domingo Deus e nos últimos meses coas decisións internas e públicas de Pilar Díaz.

O camiño segue para Iniciativa Cidadá de Mugardos, e será traballando para que o noso proxecto de pobo sexa realidade. Proxectos como a rehabilitación do Cine Zárate, dos Cascos Antigos do Seixo e de Mugardos, un Mercado de Abastos totalmente renovado e a tan ansiada Participación Cidadá cuns primeiros Orzamentos Participativos pioneiros no noso Concello están xa listos para que sexan realidade.

Como xa demostrou ICM, tanto na oposición como no goberno, o noso proxecto político é propositivo. A posición política será de continua colaboración para chegar a consensos sempre que haxa vontade de diálogo.

En Mugardos, a 21 de novembro de 2017.

Share

Asemblea do 16 de novembro de 2017

A Iniciativa Cidadá de Mugardos dou conta esta tarde da situación de crise pola que atravesa actualmente o goberno de Mugardos. Na xuntanza valorouse moi negativamente o deterioro da convivencia dentro do goberno, e considerou como causas fundamentais o xeito vertical de goberno establecido desde a Alcaldía, a imposición de criterios, a ausencia de espazos de diálogo regulares e finalmente a deslealdade cos socios de goberno, escenificada no último Pleno extraordinario, onde se desvelou que o propio PP contaba desde hai días con documentación achegada pola Alcaldía que aínda hoxe ICM descoñece.

Os últimos meses caracterizáronse por un empeoramento da relación cos socios de goberno, pero tamén coa veciñanza. Faltou capacidade de diálogo e sobrou autoritarismo e invasión de competencias. Faltou coordinación entre os oito membros do goberno, que en 15 meses nunca chegaron manter reunións regulares, algo básico en calquera equipo de traballo. Isto substituíuse por relacións bilaterais incompatibles co proxecto horizontal que defendemos. Nada disto pode coller agora por sorpresa a EU, xa que foron demandas nas que ICM insistiu desde a formación do goberno.

Sen poñer en dúbida a capacidade de traballo e xestión administrativa de Pilar Díaz (ao contrario de Juan Domingo Deus), ICM lamenta o rotundo fracaso no liderado da coalición posto en evidencia publicamente desde o estoupido da crise. Tras do anuncio da marcha do BNG a situación non fixo máis que empeorar. Continuouse coa presentación dunha modificación de crédito sen contar con ICM, logo comunicounos a nosa expulsión por non apoiala, e nin tan sequera estivo presente na comisión de seguimento celebrada o pasado martes, onde EU mantivo unha posición puramente burocrática e con nula autocrítica, fronte a unha diagnose negativa compartida por ICM e BNG.

Desde ICM pedimos desculpas á veciñanza polos erros cometidos, un deles puido ser deixar que esta situación se prolongase no tempo. Procuramos ser dialogantes na xestión das nosas áreas, ao igual que o BNG. Quixemos antepoñer a estabilidade do goberno e a conciliación de posturas, máis non o conseguimos. O vindeiro martes celebrarase unha nova asemblea de ICM, onde se someterá a votación a ruptura do acordo de goberno.

En Mugardos a 16 de Novembro de 2017.

Share