Petición modificación da orde do día da Xunta de Voceiros do 24 de xullo

O segundo punto da orde do día da Xunta de Voceiros do 24 de xullo de 2015 foi informar e posicionarse sobre a circular remitida pola FEMP sobre a privación de liberdade do alcalde de Caracas.

Vaia por diante que ICM non ten nada en contra do alcalde de Caracas. Se foi detido de xeito ilegal desexamos a súa pronta posta en liberdade, e se foi detido de xeito lexítimo , pedimos que sexa tratado de acordo ao estado de dereito.

O Partido Popular de Mugardos comeza o mandato indo moito máis aló do que hai só escasos meses criticaba na oposición. Non só trae ao Pleno da Corporación un asunto que nada ten que ver coas competencias municipais, senón que nin tan sequera atinxe ao Estado Español.

Iniciativa Cidadá de Mugardos non comprende por que esta cuestión, e non a pena de morte nos Estados Unidos, a ablación de clítoris nas mulleres en países subdesenvolvidos, a persecución da homosexualidade noutros, o golpe de estado na Ucraína e así unha sucesión interminable de asuntos de indubidable interese pero que non poden solucionarse no ámbito do concello.

Pregamos, por tanto, que o PP retire este asunto da orde do día e se absteña no futuro de desviar a dedicación deste Pleno da Corporación a asuntos que non lle competen.

Share