Diario postelectoral 14

diario_post

Mércores, 10 de xuño de 2015.

Esta tarde celebrouse o acto público de información e debate sobre a Consulta Popular de mañá. Asistiron preto das 70 persoas. O ton xeral das intervencións foi de ánimos e apoio á Iniciativa Cidadá de Mugardos fose cal fose o resultado das votacións. Valoráronse os cambios na forma de facer política introducidos e a posibilidade ofrecida á xente para a participación directa.

A respecto da apertura do censo, explicouse que a reflexión conxunta que fixemos na asemblea do sábado 30 na que se aprobou o Regulamento foi a seguinte: o censo das primarias era dunhas 180 persoas, pero nas eleccións obtivemos 540 votos. Había, por tanto, 360 persoas que votaran por ICM que ficarían sen dereito a participar na consulta. Así foi que se abriu un novo proceso, no que a sinatura debería ser presencial, para poder incorporar xente que non nos coñecese cando as primarias abertas, pero si nos votase o 24 de maio. As intervencións foron críticas co “asalto” da lista de asinantes do Manifesto na última hora de onte, mais tamén con calquera dos dous escenarios resultantes, dos que non se responsabilizou a ICM.

Na xornada electoral de mañá haberá dúas urnas. Unha situada no local electoral (Avenida de Galicia, 49) recollerá a lista de asinantes das parroquias de Mugardos e Meá. Na segunda, no Casino Progreso de Franza, votarás as persoas residentes nas parroquias de Franza-O Seixo e San Xoán. As urnas estarán abertas desde as 12:00 ata as 21:30 ininterrompidamente. O escrutinio será público.

O censo actualizado de asinantes do Manifesto, que se eleva a 315 persoas, é público desde esta tarde e pode consultarse aquí.

Share

Diario postelectoral 13

diario_post

Martes, 09 de xuño de 2015

Finalizou o prazo aberto para asinar o Manifesto publicamente que dará dereito a voto na Consulta Popular do xoves. A Coordinadora da Consulta Popular, nomeada na asemblea do sábado 30 de maio, definiu xa as opcións de voto na papeleta. Son as seguintes:

¿Apoias co teu voto o goberno de coalición formado por EU, ICM, BNG e PSOE?

  • Si – As 3 persoas representantes de ICM votarán a favor da alcaldía de Pilar Díaz (EU). O goberno municipal rexerase por un programa común público e ICM xestionará as áreas de Urbanismo e Patrimonio, Participación Cidadá, e Ensino e Igualdade.
  • Non – As 3 persoas representantes de ICM votarán a súa propia candidatura. Obterá a alcaldía a candidatura máis votada.

Hoxe mércores, ás 20:00, celebraremos un acto público de información e debate sobre as opcións da consulta no Centro Cívico Municipal.

Share

Diario postelectoral 12

diario_post

Luns, 08 de xuño de 2015.

Durante a fin de semana non houbo novidades en canto a conversas con outras organizacións, motivo polo cal o equipo redactor “liberouse” da publicación á medianoite desde diario. Continuouse o traballo de difusión das follas informativas sobre a Consulta Popular tanto en Mugardos como nas parroquias e o censo de asinantes do manifesto desde a apertura do proceso aumentou en 60 persoas.

Na mañá de hoxe Paula Morgade reuniuse con Juan Domingo Deus con motivo dunha solicitude deste ao remate da xuntanza do mércores 3 para cando finalizasen as negociacións sobre un acordo de goberno entre EU, ICM, BNG e PSOE. Nesta xuntanza Juan Domingo Deus fíxolle entrega a Paula Morgade dun documento que facemos público.

pp1

Sigue lendo

Share

Diario postelectoral 11

diario_post

Venres, 05 de xuño de 2015.

Durante o día de onte comezamos a repartir as volantinas. Agardamos chegar o antes posibles a tódolos fogares.

Para asinar publicamente o Manifesto:

  • Mugardos na sede da Iniciativa Cidadá de Mugardos polas mañás de 12:00 a 14:00 e polas tardes de 19:00 a 21:00 horas.
  • Seixo: Domingo 7 de 12:30 a 13:30 horas na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega.
  • Meá: Domingo 7 de 19:30 a 20:30 horas no Mesón O Zuleiro.
  • Franza: Luns 8 de 19:00 a 20:00 horas diante do Casino Progreso de Franza.
  • San Xoán: Luns 8 de 20:15 a 21:15 horas na Antiga Escola.
  • Share

Diario postelectoral 10

diario_post

Xoves, 04 de xuño de 2015.

Na tarde-noite de onte EU, ICM, BNG e PSOE pechamos a proposta de goberno en común que finalmente someteremos a Consulta Popular o xoves 11. O resultado das conversas destes últimos días deu como froito tres documentos: un primeiro metodolóxico, onde define os procedementos á hora de tomar decisións e establece unha Comisión de Seguimento da coalición; o segundo é o acordo programático no que a Iniciativa Cidadá de Mugardos identifica puntos clave da súa proposta política, como a aparición dos Orzamentos Participativos, a publicación da axenda institucional dos membros do goberno, a mellora da progresividade fiscal, a revisión e activación do Regulamento de Participación Cidadá, a regulación dos locais municipais, a introdución de baremos cuantificables nas subvencións, a tramitación transparente do PXOM ou o impulso á política de rehabilitación. Finalmente, o terceiro documento recolle a estrutura organizativa do goberno en común, onde a Iniciativa Cidadá de Mugardos ostentaría a primeira tenencia de alcaldía e as delegacións das áreas de Urbanismo e Patrimonio, Participación Cidadá, e Ensino e Igualdade.

Como viñemos anunciando nos últimos días, todo este labor de posta en común coas outras tres organizacións tivo como finalidade poder definir ao máximo a opción que na Consulta Popular defenderá a formación dun goberno cuatripartito, de xeito que toda persoa con dereito a voto coñeza os resultados que produciría. O mércores 10, unha vez finalizada a recollida de sinaturas que percorrerá as parroquias, celebrarase un acto público de información e debate sobre as opcións da consulta onde procuraremos resolver calquera dúbida que se plantexe.

Sigue lendo

Share

Diario postelectoral 9

diario_post

Mércores, 03 de xuño de 2015.

Pola mañá Miguel Ángel Bastida, Paula Morgade, César Pena e Cristina Alonso mantivemos unha xuntanza co PSdeG-PSOE na que valoramos positivamente a aprobación do documento metodolóxico, xa que aporta garantías de implicación nas decisións do goberno para os grupos minoritarios.
Coincidimos na importancia das dinámicas de cooperación positiva dos gobernos de coalición e na necesidade de impulsar neste novo mandato que comeza as políticas participativas, na mesma liña na que o propio PSdeG-PSOE viñera posicionándose publicamente na corporación que finaliza.

Pola tarde celebramos o encontro acordado co Partido Popular. Acudimos Javier G. Dieste, Miguel Ángel Bastida, Paula Morgade, César Pena e Vanesa Varela. Felicitáronnos polos resultados acadados e presentáronnos unha batería de cuestións programáticas nas que entenderon que podería haber acordo, centradas nas áreas de transparencia, servizos sociais, eficacia na xestión da administración local e fiscalidade. Non houbo ningún ofrecemento de pacto, como xa comprometeran durante a campaña, mais apelaron á responsabilidade da Iniciativa Cidadá de Mugardos para impulsar un cambio no estilo de goberno municipal alí onde finalmente desempeñásemos as nosas funcións: ben nun goberno de coalición cuatripartito, ben na oposición.

A final da tarde enviamos a EU, BNG e PSOE 22 propostas básicas que entendemos fundamentais para desevolver unha acción común de goberno, para seren analizadas por cada unha das candidaturas de cara á xuntanza a celebrar na tarde de mañá.

Respecto do proceso da Consulta Popular, lembramos que as sinaturas de apoio ao Manifesto, que dan dereito a voto, poden realizarse na nosa sé (Avenida de Galicia, 49) polas mañás de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 20:00.

Share

Diario postelectoral 8

diario_post

Martes, 02 de xuño de 2015.

Esta tarde celebrouse a segunda xuntanza entre EU, ICM, BNG e PSOE para avanzar no proceso dun posible goberno común. Acudimos de novo Javier G. Dieste, Miguel Ángel Bastida, Paula Morgade e César Pena. Na xuntanza aprobouse definitivamente o documento metodolóxico, que facemos público, e avanzouse no borrador de programa de goberno, que tentarase pechar na vindeira xuntanza, convocada para o xoves 4. Na mesma estudarase ademais a estrutura das áreas de goberno.

Concertamos tamén a xuntanza co PSOE, que se celebrará mañá pola mañá. O BNG, pola súa parte, desbotou finalmente manter unha conversa institucional bilateral coa Iniciativa Cidadá de Mugardos.

A Coordinadora da Consulta Popular acordou xa o horario para asinar o Manifesto, que durante os vindeiros días poderase facer na sé da Iniciativa Cidadá de Mugardos polas mañás de 12:00 a 14:00 e polas tardes de 19:00 a 21:00.

Documento metodolóxico:

metodo1

metodo2

Share

Diario postelectoral 7

diario_post

Luns, 01 de xuño de 2015.

Na xornada de hoxe acordouse a xuntanza co Partido Popular para o vindeiro mércores na que este exporá a súa proposta para chegar a un acordo de gobernabilidade.

A Coordinadora da Consulta Popular, pola súa banda, está ultimando o calendario coas datas e lugares onde se poderá asinar o Manifesto para ter dereito a voto na Consulta Popular do xoves 11.

Share

Diario postelectoral 6

diario_post

Domingo, 31 de maio de 2015.

Pola mañá fomos convocados a unha xuntanza con EU, BNG e PSOE. Acudimos Javier G. Dieste e César Pena. Tratábase de acadar consenso sobre como comunicar o falado nas reunións, a comezar pola do pasado venres. Houbo entendemento para que, unha vez finalizada cada unha das que poidan celebrarse para acadar un posible pacto de goberno, o conxunto das organizacións asinen un comunicado público. Así, subscribimos o do venres 29 que ven a expoñer o seguinte:

Acordos reunión do venres, día 29 de maio de 2015 entre as organización de EU-Os Verdes-SON, ICM,BNG e PSdeG-PSOE

  1. Tras compartir o análise dos resultados da votación do día 24-M, as catro forzas acordan iniciar un diálogo para acordar un programa de goberno común ás catro candidaturas.
  2. Establecer un documento que plasme a metodoloxía de funcionamento do goberno na toma de decisións, na avaliación do programa acordado e do seu cumprimento, tanto por parte das catro candidaturas como da cidadanía.
  3. Acordan reunirse o martes, día 2 de xuño para acordar o documento metodolóxico e iniciar o estudo das propostas programáticas.
    Este comunicado de xeral coñecemento se acordou o domingo, día 30 de maio por representantes das catro candidaturas.

A respecto das posteriores roldas de contactos pendentes con PP, BNG e PSOE, procuraremos acordar igualmente un comunicado conxunto.

Share

Diario postelectoral 5

diario_post

Sábado, 30 de maio de 2015.

Na tarde de hoxe celebramos a asemblea pública na que se aprobou a adaptación do punto 2.4 do noso Código Ético e o Regulamento para a Consulta popular. Poderedes consultar a acta, que como xa viñemos facendo habitualmente será publicada na nosa web.

Era o Regulamento da Consulta Popular o punto da orde do día que realmente afectaba ao proceso previo ao Pleno de Investidura, por iso será del do que falemos. Asistiron darredor das 50 persoas e designouse unha Coordinadora da Consulta Popular que será o órgano que arbitre a votación. Estará formada por 7 persoas, das cales unha ostentará a presidencia e 6 formarán parte das dúas mesas electorais que situaremos en Mugardos e Franza. En Mugardos votarán aquelas persoas que declaren como parroquia de residencia Mugardos ou Meá, e en Franza as que declaren Franza/O Seixo ou San Xoán de Piñeiro.

Durante os vindeiros días, ata o 9 de xuño, a xente que comparta o Manifesto da Iniciativa Cidadá de Mugardos poderá apoialo publicamente nas follas de sinaturas que a Coordinadora da Consulta Popular porá a disposición pública. Poderán asinalo todas aquelas persoas maiores de 16 anos que acrediten a súa residencia en Mugardos e non fosen membros doutra candidatura que concorrese ás eleccións municipais do 24 de maio. Poderedes consultar o documento final deste Regulamento en canto o equipo de Organización faga pública a acta de hoxe coas súas modificacións.

O 9 de xuño queremos ter pechadas xa as opcións de voto na consulta para que a xente poida coñecer exactamente o resultado das súa decisión. Que saiban exactamente que goberno resultaría de unha ou outra opción. O seguinte día, mércores 10, celebraremos un acto público de información e debate sobre as propostas de voto e o xoves 11, dous días antes do Pleno de Investidura, celebraremos a Consulta Popular cuxo resultado será vinculante para as 3 persoas que representarán os 540 votos da Iniciativa Cidadá de Mugardos.

No tocante ás conversas con outras organizacións, no día de hoxe non se produciu ningún contacto.

Share