Un paso adiante na Festa do Polbo

A Festa do Polbo de Mugardos, declarada no 2009 de Interese Turístico de Galicia, non é unha festa do polbo máis. Non compite con Carballiño, nin se lle asemella ás de Bueu, Mos ou Porto do Son. A Festa do Polbo de Mugardos é a festa dun prato diferente, a festa do “polbo á mugardesa”.

O noso prato distínguese fundamentalmente por ser un guiso co seu rustrido de cebolas e pementos máis os cachelos. Ninguén dubida da fama internacional do polbo “á feira”, pero é ben seguro que a segunda receita de polbo máis popular da cociña galega é “á mugardesa”.

Para gozar do polbo á mugardesa no seu esplendor hai que visitar Mugardos, se ben é certo que sabemos dalgúns restaurantes polo mundo que tamén o locen na súa carta. Así é que temos no polbo á mugardesa a principal carta de presentación dunha vila coñecida fundamentalmente como destino gastronómico.

Un proxecto a longo prazo

Con tales ingredientes o seguinte paso era facer do “polbo á mugardesa” unha marca claramente recoñecible. Ser conscientes do feito diferencial e marcarse un obxectivo a
medio e longo prazo. A “Festa do Polbo de Mugardos” tiña que dar un paso á fronte e deixar de verse a si mesma como un día de festa para converterse na bandeira da restauración de Mugardos. No máis grande acto de promoción do noso produto, non para visitar Mugardos o segundo sábado de xullo, senón en calquera momento.

É ese enfoque estratéxico o que explica en boa medida os cambios na súa 27a edición. O protagonismo do noso prato en salóns gastronómicos, a identificación clara da Festa cos seus ingredientes (a diferenza de anos anteriores), o recoñecemento a nivel galego dos creadores da súa imaxe (Rei Zentolo seguiu o camiño explorado no 2015 con Xaquín Marín) a aposta decidida pola promoción dunha xoia musical como “Pulpo á mugardesa”, de Os Peregrinos, que xa forma parte para sempre do noso patrimonio cultural… e o cambio fundamental hoxe en boca de tanta xente: o cambio no seu formato.

Sigue lendo

Share

Iniciativa Cidadá de Mugardos, perante a manipulación informativa do PP

O acordo de goberno acadado entre EU, ICM e BNG marcará o futuro de Mugardos nos vindeiros anos asentándose na capacidade de diálogo e consenso, e no traballo colaborativo. Este mesmo é o espírito co que naceu a nosa propia organización e o que fai que teñamos hoxe unha grande ilusión por comezar.

Non deixaremos de dar detalle do programa en común que agora nos une, mais perante o actual clima de crispación ao que está arrastrando o PP a parte da veciñanza, sostido principalmente na suposta “desaparición” de 18 millóns de euros descuberta pola auditoría, queremos dar conta da nosa visión dos feitos:

O PP fixo da auditoría un dos piares da súa campaña electoral. Unha vez que accedeu á Alcaldía, e o mesmo día da toma de posesión no cargo da interventora provisional (11/8/2015), encomendoulle a esta a súa elaboración. Esta solicita apoio externo, e para iso o PP contrata unha empresa privada mentres nós solicitamos que se seguisen os procedementos públicos, en base a un informe xurídico ao que tivemos acceso.

Durante meses o PP usou a auditoría como escusa polo atraso na presentación dos orzamentos, no pagamento de facturas, nos convenios coas asociacións, etc. A medida que a auditoría avanzaba, o PP foi cambiando o seu discurso e comezou a perder importancia. Ata o punto de que en abril xa non agardaban os orzamentos pola auditoría, senón que a auditoría agardaba polos orzamentos. A partir de entón os grupos da oposición preguntamos en cada comisión por ela e comprobamos como comeza a baixar posicións na lista de prioridades do goberno do PP.

O 2 de xuño (lembren esta data) a empresa que asistía ao departamento de Intervención entrega os datos. A partires de entón fica só pendente de que este departamento emita o seu informe.

Os grupos da oposición insistimos en coñecer a lista de prioridades do goberno para o departamento, e finalmente comprobamos que a auditoría xa é a quinta (por detrás da aprobación da ordenanza do SAF, a Liquidación do 2015, a Conta Xeral e o Orzamento do 2016). Sendo así, pedímoslle ao goberno acceso, cando menos, aos datos da empresa, pero este négase nese momento a facilitalos.

Sigue lendo

Share

O Veciñal – Número 1

Comprácenos achegarte o primeiro número do noso boletín “O Veciñal”, publicación que nace coa intención de ter unha periodicidade trimestral ou cando menos cuatrimestral, nestes días estamos na procura de deixalo no buzón de todos cantos veciños nos sexa posible, esperando acadar a comprensión de quen por algunha circunstancia non o reciba, nos disculpamos por adiantado. É por esto que o publicamos nas redes sociais e na nosa páxina web coa intención de que ninguén perda a oportunidade de ler o que para nos é un traballo especial que debulla o noso sentir do acontecido durante este último ano e o traballo desenvolto nel, esperamos que sexa do
voso agrado.

Lembrarvos que podedes estar informados en todo momento da nosa actividade se nos facilitades os vosos datos de contacto e correo electrónico mediante o enlace que
temos na nosa páxina web.

Share

Diario postelectoral 3

diario_post

Xoves, 28 de maio de 2015.

Hoxe non aconteceu nada relevante. Agardamos pola xuntanza que mañá celebraremos con EU, BNG e PSOE. Durante a tarde estudamos os puntos de encontro nos programas de cada candidatura e coincidimos en que a xente que votou pola Iniciativa Cidadá de Mugardos demanda un cambio fundamentado na participación social e a transparencia (pero non só iso).

Si é preciso matizar unha nova publicada hoxe en La Voz de Galicia, na que se indica que a nosa decisión final tomaríase en asemblea. Como xa se anunciou publicamente en varias ocasións, non será unha asemblea, senón unha Consulta Popular, a que determine o sentido do voto da Iniciativa Cidadá de Mugardos no Pleno de Investidura do sábado 13 de xuño.

Share