Comunicado do 20 de xuño

COMUNICADO DA INICIATIVA CIDADÁ DE MUGARDOS

Despois dun debate e reflexión profunda, a Asemblea Aberta de ICM celebrada o pasado xoves 18, diante do acontecido na última semana e entendendo que cómpre dar unha serie de explicacións a quenes votaron a ICM así como a toda a cidadanía, decide facer público este comunicado.

En primeiro lugar, facemos un exercizo de autocrítica sobre varios aspectos:

  1. O uso que ICM fixo das consultas populares. Aínda mantendo o seu carácter de movemento asambleario, ICM recoñece que non é recomendable someter a votación popular aberta todas as cuestións, especialmente cando estas afectan de xeito directo os intereses de terceiras partes.

    Esta consulta foi un paso previamente anunciado e coherente cos principios de ICM, e o procedemento da mesma foi decidido nunha asemblea aberta na que, por maioría absoluta, se tomou a valente decisión de abrir a votación a todas as persoas que compartisen os principios recollidos no Manifesto, abrindo un segundo prazo de sinaturas do mesmo. Esta opción impúxose á de deixar fóra a quenes apoiaran a ICM co seu voto o 24-M, que eran máis que os asinantes iniciais. Pese a que a disxuntiva era clara dados os resultados das eleccións, non se limitou a participación ás persoas afiliadas ou simpatizantes doutros grupos políticos, deixando a criterio da honestidade persoal de cada participante a súa aceptación do Manifesto e o seu voto na consulta. E aínda que non nos guste o resultado, acatámolo.

    Outra cousa é que, ao mesmo tempo, entendamos que, por esta vez, non soubemos defender os nosos propios e lexítimos intereses. Neste sentido, queremos recoñecer a nosa inxenuidade ao confiar en que non habería inxerencias que intoxicasen o proceso, escenario que non quixemos contemplar no noso desexo de construír unha nova forma de facer política. Non tivemos en conta que este é o noso compromiso, non necesariamente o do resto.

  2. Sigue lendo

Share

Diario postelectoral 14

diario_post

Mércores, 10 de xuño de 2015.

Esta tarde celebrouse o acto público de información e debate sobre a Consulta Popular de mañá. Asistiron preto das 70 persoas. O ton xeral das intervencións foi de ánimos e apoio á Iniciativa Cidadá de Mugardos fose cal fose o resultado das votacións. Valoráronse os cambios na forma de facer política introducidos e a posibilidade ofrecida á xente para a participación directa.

A respecto da apertura do censo, explicouse que a reflexión conxunta que fixemos na asemblea do sábado 30 na que se aprobou o Regulamento foi a seguinte: o censo das primarias era dunhas 180 persoas, pero nas eleccións obtivemos 540 votos. Había, por tanto, 360 persoas que votaran por ICM que ficarían sen dereito a participar na consulta. Así foi que se abriu un novo proceso, no que a sinatura debería ser presencial, para poder incorporar xente que non nos coñecese cando as primarias abertas, pero si nos votase o 24 de maio. As intervencións foron críticas co “asalto” da lista de asinantes do Manifesto na última hora de onte, mais tamén con calquera dos dous escenarios resultantes, dos que non se responsabilizou a ICM.

Na xornada electoral de mañá haberá dúas urnas. Unha situada no local electoral (Avenida de Galicia, 49) recollerá a lista de asinantes das parroquias de Mugardos e Meá. Na segunda, no Casino Progreso de Franza, votarás as persoas residentes nas parroquias de Franza-O Seixo e San Xoán. As urnas estarán abertas desde as 12:00 ata as 21:30 ininterrompidamente. O escrutinio será público.

O censo actualizado de asinantes do Manifesto, que se eleva a 315 persoas, é público desde esta tarde e pode consultarse aquí.

Share

Diario postelectoral 13

diario_post

Martes, 09 de xuño de 2015

Finalizou o prazo aberto para asinar o Manifesto publicamente que dará dereito a voto na Consulta Popular do xoves. A Coordinadora da Consulta Popular, nomeada na asemblea do sábado 30 de maio, definiu xa as opcións de voto na papeleta. Son as seguintes:

¿Apoias co teu voto o goberno de coalición formado por EU, ICM, BNG e PSOE?

  • Si – As 3 persoas representantes de ICM votarán a favor da alcaldía de Pilar Díaz (EU). O goberno municipal rexerase por un programa común público e ICM xestionará as áreas de Urbanismo e Patrimonio, Participación Cidadá, e Ensino e Igualdade.
  • Non – As 3 persoas representantes de ICM votarán a súa propia candidatura. Obterá a alcaldía a candidatura máis votada.

Hoxe mércores, ás 20:00, celebraremos un acto público de información e debate sobre as opcións da consulta no Centro Cívico Municipal.

Share

Diario postelectoral 12

diario_post

Luns, 08 de xuño de 2015.

Durante a fin de semana non houbo novidades en canto a conversas con outras organizacións, motivo polo cal o equipo redactor “liberouse” da publicación á medianoite desde diario. Continuouse o traballo de difusión das follas informativas sobre a Consulta Popular tanto en Mugardos como nas parroquias e o censo de asinantes do manifesto desde a apertura do proceso aumentou en 60 persoas.

Na mañá de hoxe Paula Morgade reuniuse con Juan Domingo Deus con motivo dunha solicitude deste ao remate da xuntanza do mércores 3 para cando finalizasen as negociacións sobre un acordo de goberno entre EU, ICM, BNG e PSOE. Nesta xuntanza Juan Domingo Deus fíxolle entrega a Paula Morgade dun documento que facemos público.

pp1

Sigue lendo

Share

Información sobre a consulta do 11 de xuño

Nos vindeiros días, ata o martes 9 cando finaliza o prazo para asinar publicamente o Manifesto, faremos o posible por achegar a información sobre a consulta a tódolos fogares do municipio. Para iso, repartiremos 2000 copias desta volantina, onde xunto co Manifesto se indican os puntos de recollida de sinaturas e os lugares onde se poderá votar na xornada do xoves 11.

Sirva isto tamén para aclarar aspectos que están dando pé a confusión. O Regulamento que rexe a Consulta Popular foi aprobado maioritariamente na asemblea pública e aberta celebrada o pasado sábado 30 e cuxa acta pode ser consultada aquí.

consulta1

Share

Diario postelectoral 11

diario_post

Venres, 05 de xuño de 2015.

Durante o día de onte comezamos a repartir as volantinas. Agardamos chegar o antes posibles a tódolos fogares.

Para asinar publicamente o Manifesto:

  • Mugardos na sede da Iniciativa Cidadá de Mugardos polas mañás de 12:00 a 14:00 e polas tardes de 19:00 a 21:00 horas.
  • Seixo: Domingo 7 de 12:30 a 13:30 horas na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega.
  • Meá: Domingo 7 de 19:30 a 20:30 horas no Mesón O Zuleiro.
  • Franza: Luns 8 de 19:00 a 20:00 horas diante do Casino Progreso de Franza.
  • San Xoán: Luns 8 de 20:15 a 21:15 horas na Antiga Escola.
  • Share

Diario postelectoral 10

diario_post

Xoves, 04 de xuño de 2015.

Na tarde-noite de onte EU, ICM, BNG e PSOE pechamos a proposta de goberno en común que finalmente someteremos a Consulta Popular o xoves 11. O resultado das conversas destes últimos días deu como froito tres documentos: un primeiro metodolóxico, onde define os procedementos á hora de tomar decisións e establece unha Comisión de Seguimento da coalición; o segundo é o acordo programático no que a Iniciativa Cidadá de Mugardos identifica puntos clave da súa proposta política, como a aparición dos Orzamentos Participativos, a publicación da axenda institucional dos membros do goberno, a mellora da progresividade fiscal, a revisión e activación do Regulamento de Participación Cidadá, a regulación dos locais municipais, a introdución de baremos cuantificables nas subvencións, a tramitación transparente do PXOM ou o impulso á política de rehabilitación. Finalmente, o terceiro documento recolle a estrutura organizativa do goberno en común, onde a Iniciativa Cidadá de Mugardos ostentaría a primeira tenencia de alcaldía e as delegacións das áreas de Urbanismo e Patrimonio, Participación Cidadá, e Ensino e Igualdade.

Como viñemos anunciando nos últimos días, todo este labor de posta en común coas outras tres organizacións tivo como finalidade poder definir ao máximo a opción que na Consulta Popular defenderá a formación dun goberno cuatripartito, de xeito que toda persoa con dereito a voto coñeza os resultados que produciría. O mércores 10, unha vez finalizada a recollida de sinaturas que percorrerá as parroquias, celebrarase un acto público de información e debate sobre as opcións da consulta onde procuraremos resolver calquera dúbida que se plantexe.

Sigue lendo

Share

Diario postelectoral 9

diario_post

Mércores, 03 de xuño de 2015.

Pola mañá Miguel Ángel Bastida, Paula Morgade, César Pena e Cristina Alonso mantivemos unha xuntanza co PSdeG-PSOE na que valoramos positivamente a aprobación do documento metodolóxico, xa que aporta garantías de implicación nas decisións do goberno para os grupos minoritarios.
Coincidimos na importancia das dinámicas de cooperación positiva dos gobernos de coalición e na necesidade de impulsar neste novo mandato que comeza as políticas participativas, na mesma liña na que o propio PSdeG-PSOE viñera posicionándose publicamente na corporación que finaliza.

Pola tarde celebramos o encontro acordado co Partido Popular. Acudimos Javier G. Dieste, Miguel Ángel Bastida, Paula Morgade, César Pena e Vanesa Varela. Felicitáronnos polos resultados acadados e presentáronnos unha batería de cuestións programáticas nas que entenderon que podería haber acordo, centradas nas áreas de transparencia, servizos sociais, eficacia na xestión da administración local e fiscalidade. Non houbo ningún ofrecemento de pacto, como xa comprometeran durante a campaña, mais apelaron á responsabilidade da Iniciativa Cidadá de Mugardos para impulsar un cambio no estilo de goberno municipal alí onde finalmente desempeñásemos as nosas funcións: ben nun goberno de coalición cuatripartito, ben na oposición.

A final da tarde enviamos a EU, BNG e PSOE 22 propostas básicas que entendemos fundamentais para desevolver unha acción común de goberno, para seren analizadas por cada unha das candidaturas de cara á xuntanza a celebrar na tarde de mañá.

Respecto do proceso da Consulta Popular, lembramos que as sinaturas de apoio ao Manifesto, que dan dereito a voto, poden realizarse na nosa sé (Avenida de Galicia, 49) polas mañás de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 20:00.

Share