Asemblea Xeral do 21 de novembro de 2017

Na asemblea celebrada hoxe, a Iniciativa Cidadá de Mugardos dou por roto o Acordo de Goberno do que formaba parte. A pesar de ter proxectos importantes en marcha, e outros que se van materializar nos próximos meses, a metodoloxía de traballo e de toma de decisións de forma unilateral por parte da alcadía, lévanos a tomar esta dura decisión.

A ilusión por dar un xiro na forma de facer política en Mugardos e implicar á veciñanza nas decisións que forman parte do presente e futuro da nosa vila, non ten cabida cos métodos da vella política, veuse co goberno de Juan Domingo Deus e nos últimos meses coas decisións internas e públicas de Pilar Díaz.

O camiño segue para Iniciativa Cidadá de Mugardos, e será traballando para que o noso proxecto de pobo sexa realidade. Proxectos como a rehabilitación do Cine Zárate, dos Cascos Antigos do Seixo e de Mugardos, un Mercado de Abastos totalmente renovado e a tan ansiada Participación Cidadá cuns primeiros Orzamentos Participativos pioneiros no noso Concello están xa listos para que sexan realidade.

Como xa demostrou ICM, tanto na oposición como no goberno, o noso proxecto político é propositivo. A posición política será de continua colaboración para chegar a consensos sempre que haxa vontade de diálogo.

En Mugardos, a 21 de novembro de 2017.

Share

Peonalización do peirao de Mugardos

Dende os primeiros pasos da ICM e tal e como recollemos no noso programa electoral, o desexo de fomentar a transformación do pobo pensando na veciñanza de xeito que permita as relacións sociais, é patente para nós. Queremos ver as crianzas xogando nas rúas e que poidan ir soas ás escolas. Queremos un pobo seguro, no que as nosas persoas maiores poidan desenvolverse sen atrancos nin barreiras arquitectónicas.
Queremos que Mugardos sexa un lugar de referencia como pobo amigable e con calidade de vida.

É necesario limitar a invasión dos coches nos espazos públicos e apostar pola concentración das zonas de aparcamento máis que na dispersión, unha localización que permita tanto o achegamento aos puntos de interese como que disuada do uso do vehículo privado. Regular, reordenar e calmar o tráfico, limitando a velocidade no entorno urbano a 30 km/h, dando prioridade ao transporte público e aos medios non contaminantes, e peonalizar os contornos de valor turístico, comercial e histórico-artístico son temas primordiais.
Todo de forma progresiva e co consenso dos sectores afectados.

A peonalización do peirao de Mugardos será unha realidade os meses de xullo, agosto e setembro, nun primeiro paso para poder gozar de Mugardos a pé.

Entre todas debemos cambiar os hábitos, poñer da nosa parte e pensar no conxunto. Rúas nas que poder deixar as crianzas xogar, beirarrúas e espazos accesibles nas que as persoas con mobilidade reducida non encontren continuos atrancos pasan por todas nós, un Concello de Mugardos amable e sociable pasa pola veciñanza.

Share

Os primeiros orzamentos con investimento en participación cidadá

O Goberno Municipal de Mugardos ven de presentarlle aos grupos da oposición o proxecto de Orzamento Municipal do 2017, unha ferramenta fundamental para poder desenvolver un proxecto político sólido. Serán os primeiros en dotar dunha planificación presupostaria ao noso Concello, logo do ano en branco que supuxo o goberno de Juan Domingo Deus. Serán tamén os primeiros orzamentos da Iniciativa Cidadá de Mugardos e os primeiros en contar con investimento en procesos participativos.

En liñas xerais, Mugardos mantense como un dos concellos do seu tamaño con maior implicación no benestar social, tanto en servizos asistenciais como de promoción social e cultural, cun importante financiamento ao movemento asociativo, abandoado á súa sorte polo anterior goberno do PP. Mais incorporarán novas partidas que porán en marcha o concurso de ideas para realizar unha actuación integral no centro de Mugardos, creando espazos verdes e dotándoo dunha nova biblioteca municipal, a actualización do estudo da edificación do casco antigo da vila de Mugardos, e a posible recuperación da Oficina de Rehabilitación, a ampliación da rede de marquesinas para o transporte público, a creación dun comedor escolar no colexio Santiago Apóstolo de Franza, xunto con melloras nas instalacións do Unión Mugardesa e un salto importante na modernización tecnolóxica dos servizos municipais.

O proxecto de Orzamento Municipal presentado debuxa tamén un novo escenario na relación da administración local coa veciñanza. Neste sentido, suporán un paso adiante o arranque do proceso de Orzamentos Participativos nos que o conxunto da cidadanía achegará, analizará e determinará sobre as súas propias propostas de investimento nas parroquias. Xunto con eles, a imprescindible renovación do Mercado de San Telmo escoitará tamén aos sectores implicados no seu futuro. Non rematará aquí a implicación veciñal, que será consultada para o desenvolvemento do primeiro Plan Estratéxico, un documento fundamental para definir un proxecto común de municipio entre concello e cidadanía.

Desde Iniciativa Cidadá de Mugardos celebramos este principio de acordo acadado con EU e BNG, e que xa está a disposición de PP e PSOE.

Share

A Biblioteca que Mugardos merece

Logo do paso de nove corporacións municipais desde a chegada da democracia a Mugardos, a creación dunha nova e verdadeira Biblioteca Pública Municipal fíxose un dos temas centrais neste décimo mandato 2015-2019.

En Iniciativa Cidadá de Mugardos apostamos por ela xa no noso programa electoral, e cando en outubro do 2015 o Pleno debateu priorizar que a Guardia Civil ficase en Mugardos, ofrecéndolle incluso o edificio do Apelón, mantivémonos á marxe, xunto co BNG, porque malia preferir que ficase no Concello, non queriamos que fose cedendo un edificio que para nós era o lugar ideal para instalar a nova Biblioteca. Fomos minoría (8 fronte a 5).

Seis meses despois, en abril do 2016 tentamos, de novo xunto co BNG, que o Pleno se posicionase a favor de destinar o edificio do Apelón a Biblioteca e non a Guardia Civil. A nosa minoría volveuse ratificar, con só 5 votos a favor (ICM + BNG) e 7 en contra (PP + EU). O Apelón como “opción A” esvaíase.

Aínda conscientes da minoría á hora de levar a Biblioteca ao Apelón, cando EU, ICM e BNG chegamos a un acordo común para gobernar, a Biblioteca seguiu sendo unha prioridade, que se plasmou nun documento que procura facela realidade antes do 2019. En agosto EU, ICM e BNG asumimos o goberno e desde entón traballamos en poder dispor desa “opción B” que poida darlle a Mugardos a Biblioteca que leva décadas demandando. O Goberno Municipal solicitou un informe técnico dos requirimentos dunha nova Biblioteca á bibliotecaria municipal, e consultou cos redactores do novo PXOM as alternativas sobre as que seguimos traballando.

Sigue lendo

Share

Iniciativa Cidadá de Mugardos asina os Principios Básicos das Mareas En Común

Iniciativa Cidadá de Mugardos / Mareas

A asemblea da Iniciativa Cidadá de Mugardos acordou asinar os Principios Básicos das Mareas en Común, e apostar por un modelo de confluencia construído desde abaixo, no que teñan cabida todas as forzas do cambio e no que se exerza a radicalidade democrática. Por iso, participaremos na Marea Viva que, o vindeiro 7 de maio, iniciará os traballos para conseguir a unión das persoas, partidos, organizacións e movementos que desexen levar ás institucións galegas unhas políticas pensadas para a xente.

Iniciativa Cidadá de Mugardos traballa nas Mareas en Común, un proceso formado por iniciativas municipalistas das catro provincias galegas, que ten como obxectivo facilitar a construción dunha alternativa de cambio con posibilidades reais de gañar as próximas eleccións autonómicas, con forza e ilusión para devolverlle as institucións do país á xente común.

Así, cun protocolo de traballo no que todas teñen voz, a Marea Viva estará aberta a todas as persoas que asinen os Principios Básicos das Mareas en Común. Servirá para deseñar un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno.

Os Principios Básicos de Mareas en Común son unha proposta que condensa os fíos de unión entre as forzas do cambio. Calquera persoa ou organización que se sinta representada neles pode asinalos a través da web:

http://mareasencomun.gal/principios/

Desde a ICM sumámonos a este proceso porque é tempo de que a xente común ocupe o espazo que lle corresponde na política institucional, porque abonda de gobernar para as contas de resultados das grandes empresas, porque é hora de traballar con honestidade para deter a privatización da sanidade e o deterioro da educación pública. É o momento de avanzar en común, polo que animamos á cidadanía a implicarse e asinar estes Principios Básicos.

Share

Solicitude inscricións de areais no rexistro de zonas de baño

zonas_banho

Un obxectivo prioritario de todo goberno ten que ser a saúde das persoas e a prevención de enfermidades. As praias de Mugardos son as únicas da ría que non están inscritas no censo de zonas de baño de Galicia. Iso significa que non hai controis periódicos sobre as súas augas. Non sabemos se a Bestarruza ou as calas do Castelo da Palma son aptas para o baño e a xente non ten información sobre aspectos que poden implicar un risco para a súa saúde.

Iniciativa Cidadá de Mugardos confirmou esta situación perante a Xunta e solicitou (o 4 de xullo) ao goberno municipal a inscrición dos areais como zonas de baño, achegándolle o formulario que a propia Consellería de Sanidade dispón publicamente. No caso de obter informe negativo sobre a calidade das augas os concellos están obrigados a indicar que non son aptas e os motivos e corrixir as situacións para unha posterior análise.

O Plan Municipal de Saúde que recolle o noso programa de goberno contempla o control sanitario (auga potable, contaminación, ruído e hixiene) en espazos públicos.

Share